O xoves 4 de Maio, tivemos un encontro co Párroco de Ares, D. Antonio García de las Heras, para trasladarlle a nosa preocupación polo estado da Casa Reitoral, logo dos derrubamentos producidos nos últimos meses.

O desexo do párroco é poder facer unha restauración, para que unha administración pública ou asociación poida poñelo en valor para uso e gozo da veciñanza. Tamén fixo alusión á necesidade de manter en boas condicións o patrimonio histórico artístico, premisa sobre a que leva traballando dende que chegou a Ares, con diferentes actuacións, Igrexa de Ares, Capilla do Carme, Igrexa de Cervás, etc…

Nin que dicir ten que estamos ante un Patrimonio que debe ser conservado e que se podería poñer en valor, pero o urxente é actuar antes de que continúe a derruba. A casa reitoral de Ares forma -xunto coa “Casa da Xuventude” e o Xulgado de Paz- os exemplos de casas con escaleiras de pedra e Patín. Está datada en 1696 e forma parte do catálogo de Patrimonio Histórico-Artístico e etnográfico do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ares, que acumula un retraso de moitos anos xa, cunhas condicións de protección de grao II.

Debido a importancia do tema a tratar, enviamos notificación -tanto á Dirección Xeral de Patrimonio como á Archidiócese de Compostela- para que, como marca a Lei de Patrimonio, reúnan a Comisión Mixta Xunta-Igrexa Católica coa finalidade de actuar e evitar unha nova perda do noso Patrimonio Local.

Agora toca “ora et labora” e que veña o vento de popa. Confiemos.

 

 

Share Button
 

Comentarios pechados.