Non vai sin tempo, levamos anos pedindo o acceso á información en relación á elaboración, tramitación e informes sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal e foi no pleno do pasado luns, coa presenza de numerosos veciños e veciñas de Caamouco, onde o Alcalde cedeu á páctica de non dar información nin notificar ás contestacións das 646 alegacións presentadas que durante os últimos anos vimos reclamando.

É de salientar que este feito derivase da presentación, pola nosa parte, da moción pola vía de urxencia onde pediamos unha vez máis os seguintes acordos:

1.- Notificar por escrito aos interesados, as contestacións ás súas alegacións.
2.- Publicar no Expediente do PXOM da web municipal a totalidade dos informes sectoriais.
3.- Reunir a comisión de plans para explicar o contido do informe de 2 de Maio de 2017, da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do territorio, así como o de achegar os informes sectoriais aos grupos municipais.

Finalmente, a moción que presentamos como GM do BNG de Ares, foi aprobada por unanimidade, debido en gran parte á presión que soportou o Goberno Municipal, coa presenza de veciños e veciñas de Caamouco que reclamaban información, transparencia e participación. Como anécdota salientar a postura do representante de SON de Ares, Gustavo Pita, que pedía en primeira instancia que a moción quedase sobre a mesa, cuxo resultado sería que non saíse adiante, anque finalmente, ao non secundar ningún grupo a súa proposta, acatou o voto maioritario e sumouse tamén á nosa iniciativa.

Unha vez máis, queda demostrado que a participación da veciñanza xunto coa nosa labor política, dá boas froitas, como acontecera coa estrada Ares-Chanteiro (agora en construción) ou co mantemento do Palco.

É para felicitármonos todos e todas.

(TEXTO DA MOCIÓN)

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ares, mediante a presente e como mellor proceda, presenta a seguinte MOCIÓN POLA VÍA de URXENCIA para o seu debate plenario.

MOCIÓN POLA VÍA de URXENCIA SOBRE A TRAMITACIÓN DO PXOM AO RESPECTO DA RESOLUCIÓN DE 2 DE MAIO 2017 POLA QUE SE FORMULA A MEMORIA AMBIENTAL DO PXOM DO CONCELLO DE ARES

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O día 2 de Maio de 2017 a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do territorio, emitía un informe ao respecto da elaboración do PXOM no Concello de Ares. (Ver informe)

En dito informe, salíentanse unha serie de eivas que se deberán corrixir debido á consideración de Informes desfavorables ou Favorables condicionados e fai tamén referencia á documentación presentada polo Concello de Ares como acto previo ao citado informe. O Concello de Ares dí que ten contestado ás 647 alegacións presentadas pola veciñanza e publica as que foron estimadas (178; 27%), parcialmente estimadas (71; 11%), desestimadas (387; 60%) e pendentes por falta de documentación (11; 2%).

Foron moitas as veces que reclamamos transparencia, información e participación no proceso de elaboración do PXOM, e por iso polo que solicitamos do PLENO o seguinte

ACORDO

1.- Notificar por escrito aos interesados, as contestacións ás súas alegacións.

2.- Publicar no Expediente do PXOM da web municipal a totalidade dos informes sectoriais.

3.- Reunir a comisión de plans para explicar o contido do informe de 2 de Maio de 2017, da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do territorio, así como o de achegar os informes sectoriais aos grupos municipais.

En Ares a 10 de Xullo de 2017

Share Button
 

Comentarios pechados.