No mandato pasado, o Goberno Municipal levaba á aprobación un cambio nas actas plenarias. Anque a excusa era “o traballo que supoñía redactar as actas coas intervencións íntegras” -como se viña facendo hai máis de 20 anos-, a realidade era a “incomodidade” que lle supoñía ao Alcalde que os debates plenarios quedasen escritos, xa que era unha fonte constante nas intervencións do BNG para recordarlle as súas contradicións e mentiras.

Desta maneira, cambiouse o regulamento cos votos favorables de PSOE e NAL, para que as actas plenarias integrasen dous soportes; por un lado a acta escrita, na que non se recollen intervencións, senón os puntos da orde do día, os informes técnicos (se os houbese) e os resultados das votacións ademáis dos rogos e preguntas así como as respostas “resumidas” -nunca íntegras- e, como complemento disto, a gravación sonora da sesión plenaria.

Cal foi a nosa sorpresa, ao comprobar que a gravación sonora do pleno estaba recortada e non incluía a parte final na que reclamamos os dereitos a intervir que nos concede o Regulamento Orgánico Municipal, cuestión que xerou unha trifulca ante a cal, o Alcalde, levantou a sesión sin contestar ás preguntas.

Recortar a gravación dunha acta plenaria, lévanos a outros tempos; os da censura, aos que por desgraza se suman a opacidade na xestión e a ocultación de datos de interese para a veciñanza e para a nosa labor fiscalizadora. Esto, en Ares, co PSOE, PP, NAL e SON de Ares, dándolle aprobación a un documento manipulado.

Algún día chegará a necesaria transparencia para que a veciñanza poida consultar a documentación e os debates plenarios, pero non será con este goberno porque a formación que lle dá a maioría ao PSOE, renunciou a acercar a institución ao pobo, mediante a transparencia dos seus actos,  para poder entrar a formar parte do goberno, o da censura e a ocultación.

Share Button
 

Comentarios pechados.