• Apróbase por unanimidade a moción do BNG para solicitar á Deputación Provincial a 2ª Fase da estrada Ares-Chanteiro
  • O BNG pregunta por “cobros indebidos” de funcionarios
  • O Alcalde adianta que non haberá contestación ás alegacións do Plan de Urbanismo

No día de hoxe tivo lugar o pleno ordinario de Outubro. O BNG conseguíu sacar adiante a moción da estrada Ares-Chanteiro. A moción pretende que o Concello de Ares se dirixa á Deputación Provincial para acadar o compromiso de incluir -nos orzamentos 2018- a partida para licitar e contratar a obra da segunda fase.

Foi logo de aceptar a esixencia do Alcalde, de eliminar a “Exposición de Motivos” e de engadir tamén “as expropiacións”. O BNG en aras de chegar a un acordo para que a moción fose adiante, aceptou a petición do Alcalde, tra-lo cal, a moción foi aprobada por unanimidade. Tamén se aprobou a moción do PSOE (máis descafeinada) que pedía só a inclusión da partida nos orzamentos provinciais do 2018. e que fora motivo de discusión ao ser un plaxio da inciativa do BNG.

As outras mocións presentadas, como a relativa á política forestal e a do 25 de Novembro tamén sairon adiante.

Xa no apartado de rogos e preguntas, voltamos sobre o tema do PXOM, logo de tantas promesas de aprobación. O Alcalde non permitíu que contestase o encargado do Plan, tal e como solicitamos -e como recolle o Regulamento Orgánico Municipal- e foi el mesmo o que indicou que non se ían contestar ás máis de 600 alegacións. Tampouco dou datas de cando preveían aprobar o documento.

Preguntamos tamén por unhas sentenzas ao respecto de “cobros indebidos” por parte de dous funcionarios do Concello de Ares, en concepto de trienios. O Alcalde non contestou á nosa pregunta sobre a cantidade á cal ascenden ditos cobros indebidos, nin desde cando acontece esta situación. Ratificando posteriormente o suxerido polo Concelleiro de Persoal, Luís Cendán (NAL) para que se negocie a devolución das cantidades cos representantes de persoal (?).

Quédanos a dúbida, tal e como aconteceron os feitos, si a pretensión do Goberno Municipal é que vaia pasando o tempo para que non teñan que devolver nada, debido á prescrición do feito. 

 

Share Button
 

Comentarios pechados.