Penduro artigo de gran interés de Manolo do Val, publicado no blogue http://omardamusica.blogaliza.org/  pola súa claridade e acertada opinión.

Que o tema urbanístico foi cuestión prioritaria nos últimos anos no noso concello dá boa proba a hemeroteca e, sobor de todo, o grande desastre que ficou logo da xestión do Partido Popular entre os anos 1999-2007. Situación que segue aínda, pasados dez anos, pesando coma unha lousa para calquera que coñeza a situación de centos de vivendas inacabadas, desocupadas, ilegais…..Sendo así, non hai dúbida de que a perspectiva de “cambio” que a maioría da cidadanía albiscaba no 2007 facéndolle perder a maioría absoluta ao PP ía estreitamente ligada á necesidade dunha nova perspectiva na política municipal e, concretamente, no ámbito urbanístico.

Así o entendeu o BNG no momento do cambio no goberno municipal, cunha oferta clara ao PSOE para encetar un proceso de elaboración dun novo PXOM, mais cunha filosofía que implicaba un modelo diferente de concello.Urbanismo sustentábel, fronte ao modelo especulativo.

Se revisades os documentos que figuran nesta ligazón, ides atopar moitas sorpresas…A primeira delas non figura escrita, pero é real: o PSOE nunca contestou nen oficial nen oficiosamente ás propostas que fixemos desde o BNG no 2007, cando semellaba albiscarse un goberno do cambio. E non só íso. Tampouco o fixo perante posteriores documentos -rexistrados oficialmente- nos que aprofundamos no contido das nosas propostas. Era evidente, desde o primeiro momento, que o actual alcalde non quería abordar con valentía un proceso urxente e necesario como a revisión do modelo urbanístico do concello. Tanto foi así, que mesmo chegou a recoñecer en reunións de organismos da corporación que él non se enfrontaría a un proceso similar ao que fixera o goberno PSOE-BNG no ano 99.

E así foi deseñando toda unha estratexia para escapar de calquer entendimento do BNG coma quen fuxe dun cravo ardendo. O primeiro paso era, lóxicamente, eliminar dentro do seu partido calquera posíbel discrepancia na liña marcada; e para iso tivo a ben desfacerse do seu concelleiro de urbanismo, que tiña dentro dos seus “pecados” o de ser alcalde nun goberno compartido co BNG e aprobar conxuntamente o PXOM no 1999.

Despexado este obstáculo -que non era menor- durante o resto da lexislatura que foi até o 2011 poido subsistir sen problema algún mercede a non entrar a fondo no problema; aparentando un novo proceso de revisión do PXOM que, en realidade, foi máis máis de apariencia que real. Todo iso, por suposto, sen destapar nengunha das falcatruadas que o PP tiña argallado nos oito anos que tivo o goberno municipal; moitas delas aínda sen resolver. E isto, xustamente, era a premisa para a segunda parte da estratexia….

Segunda parte que comeza tamén ao fío das eleccións do 2011. Evidenciado xa que no ámbito da política urbanística -igual que na maioría dos ámbitos municipais- non se ía a afrontar un cambio real, semellaba que o máis acaído era apostar a cabalo gañador….

E así, nun deseño moi calculado, o alcalde decide poñer á fronte do proceso de revisión do PXOM nada máis e nada menos que ao que fora portavoz do PP nos anos de maior desfeita urbanística no concello de Ares.Deste xeito -previa a correspondente recompensa económica- consegue garantir a maioría na corporación para os temas que lle teñen interese e, de paso, sacudirse a responsabilidade dun proceso que sempre desgasta. O portavoz de NAL fica co seu xoguete (que pagamos todas) ao tempo que lle permite ao alcalde trasladar á cidadanía un inexistente proceso -o da elaboración dun novo PXOM- que en realidade nacía opaco e carente de participación para a cidadanía e mesmo para os grupos que non formaban parte do goberno municipal.

Mais coa celebración das eleccións municipais do 2015 -e a inesperada perda dun representante do PSOE na corporación- xurde a necesidade de revisar a estratexia; porque para garantir a estabilidade que precisa o PSOE para facer-desfacer ao seu xeito, é imprescindíbel recuperar a maioría. ¿Cómo facelo? Pois, sinxelamente, aplicando o mesmo método que fixera co portavoz de NAL: eu douche unha suposta responsabilidade na corporación (convenientemente remunerada, claro) e a cambio vas garantirme o apoio en todas as miñas propostas….

Claro que, se no caso de NAL o “acordo” non resultaba tan chamativo, á vista dunha política que se evidenciaba continuista, no caso de SONdeARES a cousa tiña outros matices. Pensemos que esta candidatura municipal viña para “mudalo todo” e, concretamente, no ámbito da política urbanística apresentaba unhas propostas que mesmo podían resultar suxerentes para algunha xente:

Pois se cotexades cada unha das propostas programáticas feitas en campaña electoral e a realidade da actuación do concelleiro de SONDEARES, podedes tirar as vosas conclusións; se ben sería de aplicación aquel dito de que“calquera parecido coa realidade é pura coincidencia…”

Vistos os antecedentes do proceso, non é difícil presumir os resultados. Un PXOM que quer presumir de superar os avances que se conseguiran co aprobado no 99, sen decatarse que polo medio houbo oito anos de auténtica desfeita urbanística (mírense os centos de vivendas a medio facer, ou desocupadas) que non se queren enfrontar. Ou que pon o acento en continuar obras que supoñen unha auténtica sangría económica con escasa ou nula rendibilidade social, coma a malchamada “cidade deportiva” de Pedrós, ou a dubidosa rehabilitación dalgunha das antigas baterías militares en Montefaro.

Un PXOM que, pola contra, fuxe de abordar as claves para facermos do concello un lugar onde vaian gañando espazo as persoas: construción de aparcadoiros que non invadan espazos urbanos, via de comunicación coas instalacións portuarias, espazos para a cultura e o lecer, etc….

E nese capítulo de temas que non se abordan, non deixa de sorprender o feito de que o documento urbanístico que pretende ter unha vixencia de 16 anos “esqueza” definir figuras de rehabilitación para os conxuntos singulares de vivendas que existen en Ares e Redes. ¿Que razón oculta hai para que un concello coma o noso, que dispón dun verdadeiro tesouro de vivendas con balconadas, galerías, etc…; non dispoña de figuras de rehabilitación que permitan poñelas en valor, xenerando economías para as empresas e poñendo a disposición -en rexime de venda ou alugueiro- para a xente que aspira a unha vivenda?

Por certo, a proposta dun ARI para Ares e un PEPRI para Redes, fixéronse xa por parte do BNG no ano 2007, canda a chegada do PSOE ao goberno municipal. Dez anos nos que non só a cidadanía de Ares estivo impedida a acceder ás importantes achegas da Xunta para a rehabilitación; senón que tamén asistimos ao deterioro progresivo destas vivendas, moitas delas ameazadas de ruina…E máis sorprendente aínda resulta que o concello anuncie a bombo e platillo un plan para reposición de servizos no núcleo do Porto -un dos singulares con vivendas tradicionais- mentras que fuxe de implementar unha área de rehabilitación que permitise que, ao mesmo tempo que milloran os servizos, milloren tamén as vivendas. Cousas veredes…….

E deixo para o final -mais non porque me pareza un tema menor- o procedimento de “elaboración” deste documento. De ir ás parroquias a explicar o documento canda a aprobación inicial, nada. De constituir unha comisión de seguimento con participación de todos os grupos para elaborar o novo documento, nada. De informar á cidadanía da situación das súas alegacións (a un servidor denegouselle expresamente a información), nada tampouco. E, ao final, o esperpento do pleno do outro día; no que se aproba provisionalmente un PXOM sen ter contestado individualmente as alegacións que se fixeran hai tres anos e medio…..

Que nese pleno o máximo responsábel deste proceso de elaboración do novo PXOM -o concelleiro de NAL, Luis Cendán- no pronunciase palabra; o mesmo que tampouco o fixo o concelleiro de SondeAres que seica viña a “mudalo todo”. Que o alcalde lle negase a palabra á veciñanza, mentras establece un diálogo tabernario cun ex-alcalde inhabilitado por manipular o censo….Todo iso é, para a nosa desgraza, a evidencia de que os intereses do goberno municipal miran -máis que polos intereses reais da veciñanza- pola estabilidade interna que permita manter a alcaldía a uns e privilexios a outros; como reflicte a viñeta do Xaquin Marín que encabeza este comentario…..

Share Button
 

Comentarios pechados.