*PUBLICADO EN http://www.galiciaartabradigital.com/archivos/172013“                                                       As incidencias e retraso que están a producirse na execución das obras da estrada Ares-Chanteiro están a converterse nun auténtico “via-crucis” para as usuarias da devandita via e, en xeral, para o vecindario da zona afectada. O que fora no comezo un retraso inxustificado das obras –adxudicadas a comezos do 2016 e iniciadas un ano despois- pola negativa de Telefónica á substitución da liña existente, segue sen resolverse a día de hoxe; afectando á continuidade das obras” sinala o BNG de Ares nun comunicado.

“De feito, a día de hoxe calquera pode ver unha anárquica rede de cableado, onde se mistura o tendido antigo e o presunto novo; que resumen gráficamente o que entendemos coma resultado non só de problemas concretos, senón dun desleixo xeral. E todo isto, cunha estrada na que se agrava a inseguridade, como resultado do desnivel da calzada no tramo que se vai ampliar, unha deficiente sinalización e a falla de alumado.

Neste contexto, non é de recibo tirar balóns fora contra da empresa adxudicataria, Telefónica ou Unión Fenosa; mentras que a perigosidade da estrada deixa na máis absoluta indefensión ás usuarias, sexan peóns ou veículos, e crean situacións coma as que motivaron o accidente que se producíu o pasado domingo. Certo é que un accidente pode telo calquera persoa e en calquera estrada; mais non é menos certo que o mantemento dunha estrada na situación coma a que está a de Ares-Chanteiro multiplica as posibilidades de que aconteza. E cúmpre evitar que isto poida acontecer, porque está en risco a vida das persoas”.

Petición á Deputación

Neste sentido, desde o BNG de Ares van remitir urxentemente unha petición á Deputación de A Coruña –como institución responsábel das obras- para que, con carácter inmediato e inaprazábel adopte as seguintes medidas:

– – Obrigar ás empresas encargadas de repoñer os servizos de telefonía e suministro eléctrico á realización inmediata destes traballos; exercendo a tal efecto as presións que fosen precisas para desbloquear a situación.

– – Requerir da empresa adxudicataria das obras o reforzo da sinalización das obras, tanto no referente á permanente coma a singular que se fai no momento que se está a traballar na estrada.

– – Estudar, como medida transitoria, a posibilidade de iluminación dalgunhas zonas da estrada; nomeadamente as que fican en zonas habitadas.

No mesmo sentido, o BNG entende que o concello debe de facer unha fiscalización pormenorizada das obras; garantindo en todo momento os direitos da cidadanía e a efectiva execución deste proxecto longamente demandado e necesario para garantir a seguridade de peóns e vehículos.

Por último e, para o caso de manterse esta situación, o BNG non desbota adoptar outro tipo de medidas -mesmo mobilizacións- para conseguir un compromiso na resolución desta situación; na que están en xogo non só a formalidade e responsabilidade das institucións á hora de realizar as obras senón, fundamentalmente, a seguridade das persoas.

Share Button
 

Comentarios pechados.