Foto de marzo de 2017. A situación a día de hoxe é moito peor

En días pasados tivemos acceso ao contido do Convenio entre o Arzobispado e o Concello de Ares, sobre a Cesión da Casa Reitoral.

Ao noso entender, non é un convenio favorable aos intereses da veciñanza polo que supón o seu cumplimento. Tampouco a Igrexa sae ben parada, porque a cuestión de sair claramente favorecida do acordo, crea na sociedade unha idea de que “a Igrexa ten o poder para cumplir os seus propios intereses e as decisións políticas favorecen que así sexa”.

A situación actual da Reitoral é de ruina, cun tellado  caído e unha inseguridade infraestrutural. En todo este tempo o Concello de Ares non tratou á igrexa como trataría a un veciño/a. Ante un caso así, o veciño/a recibe unha comunicación do Concello advertíndolle do estado ruinoso da súa propiedade, o cal obriga a garantir a seguridade e a realizar uns proxectos de adecentamento ou rehabilitación, baixo a advertencia de que “de non facelo” recibirá multas coercitivas que poden chegar a 5.000 € até que solucione o problema.

A razón da non presentación deste expediente, xustificouna o Alcalde en que estaba negociando a cesión, o cal podería ter sentido si se tratase –que non é- dun acordo que beneficiase a ámbalas dúas partes.

A saber:
1.- A igrexa ten un patrimonio, protexido dentro do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que está en ruinas. Como non ten pensado destinar diñeiro para garantir o mantemento e a seguridade e tampouco quere ter responsabilidades ante calquer tipo de accidente, desfaise do problema “cedendo os usos” -que non a propiedade- ao Concello de Ares durante 50 anos.

2.- O Goberno Municipal, pola súa parte, acepta o trato sin xustificar a necesidade do inmoble, nin dispoñer -a día de hoxe- da cantidade económica para sufragar os gastos de proxectos, desescombro e obra (terá que invertir máis de 350.000 € en cinco anos, só para poder abrilo ao público, ademáis dos gastos de mantemento que tampouco están cuantificados).

Pero tampouco podemos obviar o problema. Estamos a falar dun patrimonio que a maioría da veciñanza queremos e debemos manter. Como apuntaba noutro artigo anterior, trátase dun dos tres edificios con patín de pedra que dispomos en Ares, xunto coa Casa da Xuventude e o Xulgado de Paz.

Por todas estas cuestión,

1.- O Concello de Ares debe ter a liberdade que lle permita facer unha rehabilitación a medida que a situación e as necesidades reais -en materia de servizos- o vaian permitindo e iso só se consigue tendo a propiedade.

2.- A igrexa, pola súa banda, debe recibir a cambio unha compensación que lle posibilite mellorar as condicións dos seus servizos, ou un pagamento pola propiedade.

Todo debe ser negociado con respecto, honestidade e poñendo por diante os intereses das partes e tamén da veciñanza, sin hipotecar, con este feito, decisións de corporacións vindeiras que mermen as posibilidades de desenvolvemento que Ares precisa.

Unha idea podería ser que, a cambio da propiedade da Reitoral, o Concello pague as obras para habilitar o piso superior da Casa da Parroquia que actualmente está en obra, dotando de posibilidades e servizos, así como ascensor ou outras instalacións que consideren precisas, cuestión que favorecería a feligresas e usuarios/as.

Posibilidades de acordo hai, como pasou noutros casos en Concellos veciños. Á hora de negociar débese recurrir a tan galego “todo se pode falar”, pero con respecto mutuo entre iguais para que non teñamos que recurrir nin ao “con la Iglesia hemos topado amigo Sancho” nin ao “si o Alcalde asinou un convenio que prexudica á veciñanza e á propia institución municipal é porque quere que os beneficios recaían sobre outros”.

Faremos todo o posible para que non se leve a término o Convenio asinado e traballaremos por un novo acordo no que non haxa perxudicados, tamén desta vez debemos sair todos e todas beneficiados. É de xustiza.

Share Button
 

Un resultado para Convenio da Reitoral: un mellor acordo é posible.

  1. […] non queda a cousa aí. Ante o Convenio asinado a principios de ano co Arzobispado sobre a Casa Reitoral, o Alcalde tamén anunciou que irían para alí os Servizos Sociais, cuestión que non está […]