O ano pasado trasladábamos unha proposta da veciñanza de Redes para que o Concello de Ares abordase o tema do aparcadoiro. Non era unha declaración de intencións. A nosa era unha proposta meditada, consensuada, e amplamente argumentada.

Nestes días anda polas redes unha petición a través de “change.org”, para que o Goberno Municipal dé marcha atrás no seu empecinamento de situar un novo aparcadoiro a carón do actual. Digo “Goberno Municipal”, porque o noso grupo -dende a oposición- partilla e defende a petición veciñal que a día de hoxe pasa xa das 3100 sinaturas.

A proposta que fixemos dende o BNG e que foi rexeitada polo PSOE, NAL e Son de Ares, deixa o casco de Redes como está, non precisa dunha infraestrutura viaria para dar entrada e saía ao aparcadoiro polo que tampouco é preciso realizar expropiacións en terreos que a xente traballa, ademáis de dar servizo á Tenencia, Igrexa e Camposanto.

Situar o aparcadoiro na finca do Carballo como propoñemos, enlaza cun espírito de desenvolvemento urbanístico acorde coa natureza do pintoresco pobo mariñeiro e permite ter infraestrutura para que poida ser visitada, ademáis de aforrar unha cantidade moi importante de diñeiro público ao non ter que acometer novos viais, rotondas e numerosas expropiacións. Hai que engadir que a Deputación ten previsto realizar a senda peonil Ares-Redes cuestión que daría aínda máis valor ao aparcadoiro á beira da estrada provincial.

Si de nós depende, o aparcadoiro non se realizará nunca na ubicación que pretende o goberno municipal. Batallaremos dende a nosa posición política, para que o sentido común aparque unha das decisións erróneas que PSOE, NAL e SON de ARES plasmaron ao redactar o PXOM por eles aprobado e por tantos veciños e veciñas rexeitado.

(PD.: Partillamos de novo o video explicativo de hai un ano)

Share Button
 

Comentarios pechados.