Cando semellaba que os problemas que motivaran o retraso da execución das obras na estrada Ares-Chanteiro ficaban rematados, ao estar práticamente listos os traballos de reposición das liñas de Telefónica e Unión Fenosa, vénse de producir unha nova parálise no trascurso das obras, perante a imposibilidade de que a empresa adxudicataria continúe, ao non executar o Concello as obras da súa competencia.
Estes traballos consisten na execución de conexións na rede de abastecemento -que discorre actualmente en paralelo á estrada- e que ficarían por baixo da mesma coa ampliación da plataforma da estrada. Traballos que non son resultado de incidencias no proceso de execución das obras, senón que estaban previstos desde o comezo das mesmas.
Tras un ano do comezo das obras por parte da deputación, con reiterados retrasos, o Concello non adxudicou as obras da súa compencia -valoradas en 43.051,8 €-  até o pasado día 7 de Marzo.
O desleixo e a incompetencia nesta actuación do goberno municipal leva, xa que logo, a un novo retraso na execución das obras; evidenciando algo que tanto a veciñanza como tamén o BNG tiñamos afirmado en diversas ocasións ao respecto da falta de iniciativa política tanto no retraso das obras, nas medidas de seguridade,ou no compromiso ao respecto da execución da segunda fase da devandita obra.
Perante esta situación, o BNG anuncia a presentación dun escrito ao goberno municipal, solicitando unha aclaración desta irresponsábel actuación e, sobor de todo, urxindo á urxente realización das obras
correspondentes á institución municipal.
Share Button
 

Comentarios pechados.