Fonte: Foto publicada no Diario de Ferrol (d.a.)

Hai unha idea bastante extendida ao respecto da maridaxe entre mentira e político. Eu nunca acreditei como necesaria tal cousa, anque á vista dos reiterados feitos non me extraña que haxa persoas que lle dé a confianza á xente mentirosa, manipuladora e que fai declaracións que nada teñen a ver coa realidade. A pretendida democracia, sábese de dictadura democrática. Por iso o poder abusador, permítese a mentira, a manipulación e a utilización dos medios, ao entender que por riba deles non hai ninguén e por baixo deles estamos o resto.

O Alcalde utiliza a web municipal -que lonxe de ser un medio institucional, é o medio de propaganda do grupo de goberno- para mentir, manipular e facer acusacións falsas. No fondo está a súa propia incompetencia, a incapacidade para asumir as lóxicas críticas chegadas de diversos sectores, ante o que vén ser o proceso de podreduría de quen mira polo seu propio interés, considerándose intocable.

Na nota de prensa publicada no día de onte e cuxo encabezamento é: “O CONCELLO QUERE ACLARAR VARIAS CUESTIÓNS SOBRE AS OBRAS DA ESTRADA DE CHANTEIRO” emporca unha vez máis, cun fin claro, iso si; botarlle a culpa ao resto dos mortais, nomeadamente aos que levamos anos reclamando pola obra da estrada Ares-Chanteiro, namentras existe un desaparecido grupo de goberno sin o máis mínimo interés na obra, tal e como lle recordaron na reunión do pasado domingo, celebrada en Cervás.

A veciñanza do Concello de Ares ten que saber das mentiras e das acusacións do Alcalde, así como da complicidade do resto de persoas do goberno municipal.

Según a nota de prensa; “desde o Concello quérese subliñar que tanto o BNG como o PP votaron en contra da obra dos cruces de abastecemento e saneamento”, (que é a que vai provocar un novo retraso nas obras da estrada). Acusa ademáis á Plataforma Veciñal, de non trasladar aos veciños semellante mentira.

A oposición non votou nunca en contra de dita obra porque nunca foi sometida a votación, nin en pleno nin en comisión. A aprobación do proxecto así como a licitación e contratación foi xestionada dende a propia Xunta de Goberno Local, como recollen as actas de dito órgano.

Pero ademáis, acusan ao BNG do retraso das obras pola retirada dos postes como responsables da área de contratación e patrimonio da Deputación Provincial, cando os deputados do BNG non foron os que aprobaron e asinaron o contrato de retirada dos postes.

Non estamos só ante unha cuestión política, estamos ademáis ante unha circunstancia de formas, respecto e lexitimidade, tres cuestións das que carece o Alcalde e o grupo de goberno, que apoiados na mentira, na manipulación e na falsedade de acusacións, pretenden chamarnos parvos, eludir responsabilidades e seguir a rir de quen lexítimamente reclamamos a obra da estrada dunha vez por todas.

Sr. Alcalde, Sres. e Sras. membros do grupo de Goberno Municipal; a verdade non se pode tapar nin esconder, non conseguirán calarnos nin con todo o asfalto que queda por botar na estrada. Cando remate a obra, as farolas alumearán súa incompetencia, súas mentiras e súas contínuas faltas de respeto e será por sempre eternamente.

Ares, Chanteiro; a estrada é o primeiro!!

Share Button
 

Comentarios pechados.