PSOE, NAL, SON de ARES e PP, xuntaron seus votos para darlle vía libre ao proxecto do “Centro Sociocomunitario de la Familia” nas Escolas do Lago, cuxas obras subvencionará a Consellería de Benestar da Xunta de Galicia. Un acordo tácito entre Rey Varela e Julio Iglesias que tén razón de ser por intereses políticos propios, obviando o principal; as necesidades e carenzas en materia de infraestruturas.

O proxecto é o exemplo claro da política de infraestruturas do goberno municipal: “Facer cousas” sen un estudo previo das necesidades e particulariedades coas que conta a veciñanza, e o que é peor, sen unha dirección clara sobre que se quere fortalecer dentro das distintas áreas sociais e culturais. Si xa é chamativo o nome do proxecto –“Centro sociocomunitario de la familia”- máis é chamativa a explicación que dou o alcalde sobre o uso. Nunha primeira fase adaptarase a aula que dá á rúa María que contará con dúas aulas, para organizar alí obradoiros de Memoria e de Musicoterapia, que segundo a Concelleira de Asuntos Sociais ocupan unhas 5 horas semanais. Actividades que xa se realizan noutro espazo coas necesidades moi ben cubertas.

Cal é o problema, entón?
Tradicionalmente, o goberno municipal utiliza os Servizos Sociais de “comodín” para xustificar obras. Así, cando se rehabilitou a casa da Rúa Real que actualmente ocupa a Policía Local, foron para alí os servizos, o tempo preciso para decatarse que as instalacións non reunían as mínimas condicións. Logo o Centro da Terceira Idade na Rúa do Petelo, cuxas actividades trasladáronse despois ao edificio do anterior Concello para voltar outra vez, cando se ubicou alí o Centro de Saúde Provisional.

Hai que recordar tamén que o Concello de Ares pagou un proxecto, cuxa obra non se levou a termo, para ubicar na rúa do Petelo tamén a Garda Civil con base en Mugardos. Unha decisión nin entendida, nin moito menos partillada polo común da veciñanza.

Pero non queda a cousa aí. Ante o Convenio asinado a principios de ano co Arzobispado sobre a Casa Reitoral, o Alcalde tamén anunciou que irían para alí os Servizos Sociais, cuestión que non está pechada, co que se confirma que a improvisación e o descoñecemento sobre as necesidades estruturais para a veciñanza é o mascarón de proa do goberno municipal.

O proxecto do “centro sociocomunitario” inclúe unha segunda fase, que actuará sobre o edificio que dá á Rúa Real, con outras dúas aulas e unha terceira fase que consistiría nunha cuberta e cerramento do patio central coa pretensión de facer un auditorio. A esta fase do proxecto tería que darlle o Ok o servizo de patrimonio, cuestión que a día de hoxe non está asegurada.

A unanimidade do pleno recoñece que non estamos nin de lonxe ante o auditorio que precisa Ares, non daría solución nin pola súa capacidade, nin pola súa ubicación e características. Un parche para –según palabras do alcalde- “poder hacer cosas allí, cuando llueva”.

A proposta dende o BNG que rexeitou o resto: Un centro musical provisional.
O Proxecto que denominamos “O Fol das Artes”, que foi trasladado ao resto de grupos municipais xunto coas entidades de Música, danza e teatro do Concello de Ares, incidía precisamente na necesidade de dotar de infraestrutura este sector. O goberno tivo a oportunidade de poder facer realidade este proxecto, por medio da inclusión de solo dotacional en materia de cultural no PXOM, pero se negou. Da mesma maneira que nega a posibilidade de buscar outra alternativa.

Namentres non se faga realidade esta proposta, as agrupacións musicais aresás teñen dereito a unhas instalacións para desenvolver as súas actividades, que ademáis de ser de ocio, son de formación e que xeran economía e riqueza cultural ademáis de formar ás persoas en valores de maneira contrastada e comprobada.

Ares sempre foi música, precisamos fortalecer este ámbito.
Ante a negativa do resto de grupos a abordar o tema do “Fol das Artes”, dende o BNG fixemos unha proposta no mes de febreiro para situar nas Escolas do Lago un cento provisional de música, con capacidade para atender e acoller a actividade das distintas agrupacións: Grupos de Gaitas, Rondalla, escola de música, coros, banda de música, etc.

Para iso fixemos unha proposta concreta que solucionaba as cerencias antes sinaladas, un espazo que poderían partillar todas as agrupacións e que ademáis posibilitaría facer as actividades de musicoterapia e de memoria, se fose preciso. Un espazo adicado a agrupacións instrumentais grandes e outro adicado á formación musical, con aulas teóricas e prácticas.

A carga horaria das distintas agrupacións musicais pasan de 30 horas semanais, polo que está máis que xustificado o seu destino e ubicación provisional nas Escolas do Lago.

O debate non está no que debemos situar nas escolas do Lago. Trátase, ao fin, en coñecer as necesidades e características das distintas actividades e de organizar as infraestruturas de maneira eficiente, para potenciar os distintos ámbitos socio-culturais para os cales a veciñanza pagamos os nosos impostos.

É unha incoherencia que agrupacións musicais teñan que “recurrir” a locais que non son de titularidade municipal, porque o concello nega espazos, cando o propio concello dispón da infraestrutura necesaria. Non racionalizar e organizar os espazos según usos e necesidades é tamén unha maneira de dilapidar o diñeiro público, de aí que a improvisación e a falta de criterios xustificados e contrastados do goberno municipal, resultan un lastre para a economía que apoiamos cos nosos impostos.

Share Button
 

Comentarios pechados.