Estou certo que se viñese Georgie Dann a Ares para facer a canción do verán, escollería como motivos para a letra; a auga, os aparcadoiros e as desculpas dos responsables políticos e das administracións. Xa se sabe que “auga pasada non move muíños”. O mesmo problema dende hai máis dunha década e agora -e cada vez máis- agravado.

Creo de verdade que o problema “en orixe”, é anterior á responsabilidade do Alcalde actual, anque daqueles (ir)responsables aínda queda un na corporación e mira por onde, as casualidades da vida e dos acontecementos, fai que se xunten no goberno municipal. O goberno do PP, xiraba súa política darredor da edificabilidade descontrolada e desmesurada sen antepoñer os lóxicos servizos para atender a tal potencial poboación.

Daquela, denuncibamos que se estaba “indo de madre” o desproporcionado aumento de vivendas. Recordades aquilo do anterior alcalde que quería facer de Ares “la Baiona del norte”? Pois aí está a orixe.

Descoñezo se Luís Cendán (voceiro do PP no anterior goberno), o alcalde Julio Iglesias (PSOE) e Gustavo Pita (SON de Ares) responsable de Turismo, falaron algo disto nas máis de 60 Xuntas de Goberno Local que teñen ao ano e que -como daquela cos edificios- válenlles para facer caixa e pouco máis. O que si sabemos, porque é público e notorio, é a querencia do actual alcalde por facer obras de solo a ceo, que son as que se vén según el mesmo dixo anque a súa utilidade sexa claramente un fracaso (Cidade Deportiva, Picadeiro Montefaro, Casa en Chanteiro…) evitando no posible as de debaixo de solo, que non se vén e polo tanto –pensa el- non dan votos.

Por iso en 11 anos que leva de goberno o actual alcalde, non se preocupou o máis mínimo en atallar un problema que en orixe non creou, pero que na práctica asumíu ao non facer nada para solucionalo.

Xustifica que só son dous meses ao ano e que prefire investir para a xente que bota dez, como se os que estivésemos o resto do ano, non estivésemos tamén os dous meses de verán, ou como se no resto do ano non houbese roturas de tubaxes nen mal cheiro nos sumidoiros, que piden a berros novas liñas.

En canto a aparcadoiros no casco urbán estamos peor do que estabamos. Agora perdemos 70 prazas!! na estrada da Avenida de Mugardos (entre a baixada do Colexio e Fontelide) por mor dun proxecto de Senda Peoníl da Xunta de Galicia, onde o Concello non plantexou outra solución que salvasen as tan preciadas prazas de aparcamento.

Un dato que non sabe a veciñanza e do que non quere falar o goberno municipal; “O concello de Ares gasta moito menos do que recada nos servizos de auga e lixo. Dito doutra maneira; pagamos –a veciñanza- polos servizos, moito máis do que lle custa ao Concello o seu mantemento.” A brutal subida de taxas e impostos do ano 2012 é para pagar unha débeda contraída, non para mellorar os servizos.

Onde vai o diñeiro? non o sei, pero parece que deixan os nosos cartos apoiados no muro para que os leve o vento, mentres o trio que forma o goberno, celebran en abrazo fraternal fundido en bronce que a manipulación, a propaganda e a dilapidación de diñeiro público, invadan as nosas casas por medio de revistas, mentres que da verdade -coma nas duchas das praias e das vivendas- non queda  “ni gota, ni gota”.

Menos victimismo e máis activismo, Sr. Alcalde.

Share Button
 

Comentarios pechados.