Alcalde, no día de hoxe enviáronme o texto que publicache no facebook. A estas altuas, logo de oito anos de coincidencias na corporación municipal, pouco me sorprende.

Esta carta non é para contestarche unha a unha –tempo terei- ás mentiras e manipulacións que vertes alegremente. Non é para iso. É para facerche recapacitar.

Mira Alcalde, a historia deixóunos probas sobre da repercusión que causa a manipulación de distintos líderes e gobernos. A manipulación feita para despistar ao pobo, narcotízalo e desmobilizalo. A historia repítese –desgrazadamente- con bastante frecuencia. Se a esto lle sumamos a mentira no verbo, na mensaxe e na intención, estamos ante un problema aínda máis grave do cal ti eres responsable.

Sei que o fas para “gañar”. Sei que o fás tamén porque o teu “ego” non acepta as críticas. Nen as de dentro, nen as de fóra, nen as dos teus compañeiros e compañeiras de partido e goberno, nen tan siquer as dos que consideras que estamos “doutro lado” e polo tanto, a túa carraxe cuspe contra os que consideras teus contrincantes, que dito sexa de paso, nós non nos consideramos tal.

Pero nesa túa loita persoal, estás facendo moito dano á sociedade aresá.

Imaxínate que hai xente inocente que te cré. Digo inocente, porque lóxicamente haberá tamén persoas que teñan moito interés en crerte (recorda que estás no poder e que moita xente se arrima ao poder, non a ti). Non sexas creído, porque cando deixes de ser alcalde o síndrome do “teléfono apagado”, pódeche facer moito dano.

Si, sei que precisas de estómagos agradecidos que che fagan a onda -e cantos máis mellor- para conseguir o teu fin: gañar e pasar á historia como o mellor político do país. Sei ademáis que queres ao teu pobo, como tamén queremos a maioría de vecinos e veciñas. Tanto os que vivimos nel, como os que non poden vivir, porque teñen que gañar un soldo.

Como é posible entón, que te intentes aproveitar da inocencia e desinformación de teus veciños e veciñas, para tapar a túa incapacidade e impotencia en levar a cabo proxectos que deben ser para o aproveitamento de todos e todas nós?. Acaso non vés que lles estás a facer dano, por inducilos á crencia das túas mentiras e manipulacións?.

Non mires só as vantaxes e o rédito político e persoal que sacas dende o poder, para intentar unha vez máis manterte na poltrona. Non creas tampouco que o feito de ter máis votos que ninguén é porque estás facendo ben á sociedade. Mírate. Mira a historia. Cantas sociedades apoiaron a líderes repugnables, movidos pola manipulación e a mentira -tamén pola necesidade- e cal foi o resultado de tales paises?.

A curto ou medio prazo sacarás tallada, se a xente te cré, como o levas facendo nos últimos anos, pero pensa máis alá. De que te vai valer? Non crés que é máis valiosa a credibilidade e o respecto dos teus, sobor de todo cando non estés no poder?

Igual que che dixen máis dunha vez coa contratación de persoal no concello: non mires só a quen enchufache pola porta de atrás, con informes en contra de secretaria -ou sen informes- para que non fosen en contra. Mira á xente –sobre de todo de Ares- á cal lle impediche poder optar a unha praza en condicións de igualdade, porque aí si que está a democracia. Sei que non o queres ver, porque tés a visión do vaso medio cheo-medio baleiro, que utilizas con interés persoal.

Para finalizar, téñoche que dar unha mala noticia. Nunca nos vas gañar, porque na nosa práctica política non contemplamos gañadores e perdedores, vencedores e vencidos.

A nosa misión é ser uns dignos representante da veciñanza con lealdade ao noso programa, con interés nos problemas da xente e con respecto ás formas democráticas que practicamos. Creo sinceramente, que vai ser complicado atoparte por eses camiños.

Un fraternal saúdo, Alcalde.

(Emilio Mesías Farías. Concelleiro Portavoz do Grupo Municipal do BNG de Ares)

Share Button
 

Comentarios pechados.