• O BNG de Ares denuncia un novo recorte en Educación e exixe á recén nomeada Conselleira de Educación, Carmen Pomar, que designe profesorado para a  praza de Apoio en Educación Infantil

Ares, 26 de Setembro de 2018. O BNG de Ares vén de facer público un comunicado onde denuncia a situación actual no CPI As Mirandas de Ares, tras un recorte no cadro do seu persoal docente no ensino infantil. Até o de agora, as seis aulas de infantil estaban atendidas por unha plantilla de seis titoras máis dúas profesoras de apoio.

Na adxudicación de destino para este curso non se designou unha das prazas de apoio, cuestión que “vai repercutir de maneira negativa na calidade do ensino infantil, con repercusións tamén para a etapa de primaria”, segundo informaba o portavoz do BNG no Concello de Ares, Emilio Mesías.

Mesías apunta tamén o paradoxo que se dá este curso, xa que con máis alumnado que o ano pasado (de 79 a 94 nenos e nenas) pasa a ter menos profesorado para atendelo, de 8 a 7.

O BNG presentou por rexistro a petición dunha reunión urxente da xunta de voceiros para que o Concello de Ares exixa a “urxente designación da praza por parte da Consellería de Educación”, tal e como recolle o cadro de persoal publicado no Diario Oficial de Galicia e que se está a incumplir. O BNG local baralla tamén a adopción doutras medidas ou mobilizacións.

Descarga aquí Petición Xunta de Voceiros urxente CPI(1)

 

Share Button
 

Comentarios pechados.