(nota de prensa publicada en “Galicia Ártabra Digital”)

O BNG de Ares celebrou o acto de presentación do candidato á Alcaldía para as municipais 2019, coincidindo co primeiro dos actos informativos que a organización nacionalista organiza anualmente baixo a denominación de “Encontros veciñais polas parroquias”.

A Asemblea Local de Ares refrendou hai uns días a candidatura de Emilio Mesías, quen leva dende o 2011 como concelleiro-portavoz do BNG no Concello de Ares, coa idea de acadar o número suficiente de actas para poder levar adiante o seu “programa de Concello centrado nas persoas”.

No acto de presentación, o candidato expuxo o que van ser as bases do programa electoral no que comezarán a traballar de inmediato, logo de facer unha análise e valoración da situación actual do Concello de Ares así como das políticas levadas a cabo nos últimos dez anos de mandato socialista “coa muleta de NAL e SON de Ares.”

Un proxecto no que a boa xestión económica sexa unha prioridade, que garanta os servizos básicos aos veciños e veciñas e que apoie o comercio local e a creación dun viveiro de emprendemento, serán algúns dos alicerces nos que se sustentará o programa electoral.

Os encontros veciñais continuarán o sábado 17 no CIRS de Cervás, o domingo 18 na AI de Caamouco, ás 12.30 h. e no CC. Outeiro de Chanteiro o mesmo domingo ás 18.30.

Share Button
 

Comentarios pechados.