Os concelleiros e concelleira do grupo municipal do BNG no Concello de Ares, acudimos ao CPI “As Mirandas” coa intención de mostrarlle á dirección do Centro a nova proposta que rexistramos no Concello, referida a destinar a achega da Deputación de A Coruña do Plan Único 2019, ás obras necesarias que o Concello debe acomenter para que a Xunta constrúa a Ampliación do CPI.

Recordamos que nos últimos anos estanse impartindo aulas de Infantil nunhas aulas “provisionais” comunmente coñecidas como “barracóns”.



PROPOSTA DE INVESTIMENTO CON CARGO AO PROGRAMA PLAN ÚNICO 2019 DA DEPUTACIÓN DE A CORUÑA


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O pleno da Deputación da Coruña aprobou o pasado 28 de Setembro, as bases reguladoras do Plan Único do vindeiro ano (POS+2019), que distribuirá inicialmente 61,5 millóns de euros entre os concellos coruñeses.

En dito documento, destínase unha achega inicial de 341.149,17 € para o Concello de Ares, chegando a 1.393.184,78 € a cantidade que a administración provincial destina neste Programa ao noso Concello entre os anos 2017-2019.

O noso grupo municipal entende que o citado Plan Único, preséntase como unha oportunidade para realizar investimentos, polo que en exercicios pasados trasladamos as propostas que -ao noso xuízo- se deberían contemplar (Aparcadoiro en Redes, Construción dun Skate-Park, “Fol das Artes” para música, danza e teatro, modificación e nova construción da rede saneamento e abastecemento no casco urbán de Ares, etc…).

Desgrazadamente, o goberno municipal dixo “non” a todas e cada unha das propostas realizadas polo noso grupo, preferindo adicar a maior parte do diñeiro a gasto corrente e amortización da débeda. Aínda así, cremos necesario facer achegas sobre as obras que consideramos urxentes e que non poden esperar, como é o caso da Ampliación do CPI “As Mirandas”.

O Convenio asinado no 2012 entre o Concello de Ares a Deputación de A Coruña e a Xunta de Galiza –que haberá que actualizar- estipulaba que o Concello de Ares tería que “garantir as infraestruturas adecuadas para o Servizo Educativo” na parcela destina a tal fin (abastecemento, subministración eléctrica, saneamento, rede de sumidoiros, acceso rodado) con carácter previo ao inicio das obras de execución da ampliación do aulario do CPI”.

Por todo isto, SOLICITAMOS:

1.- Destinar a achega inicial de 341.149,17 € do Plan Único 2019 da Deputación de A Coruña a realizar a parte que lle corresponde ao Concello en relación á urxente e necesaria ampliación do “CPI As Mirandas” na parcela prevista para ubicar nela a ampliación co aulario de Educación Infantil.

Grupo Municipal do BNG de Ares,
rexistrado no Concello de Ares a 12 de Novembro de 2018.

Share Button
 

Comentarios pechados.