A Candidatura Persoa a Persoa: Manuel Ameneiros

Manuel Ameneiros Muiños ( 66 anos, Ares, xubilado da antiga Bazán ) é, nas candidaturas do BNG, un vello coñecido; xa que formara parte da primeira nas municipais de 1979. O paso dos anos non impedíu o seu compromiso renovado e, a pesar da idade, un activismo que xá quixéramos para nós as persoas máis novas.Así, hai oito anos exercía de concelleiro, e agora desenvolve o seu traballo político como Responsábel Local do BNG, e aí andamos….

Ao marxe desta importante experiencia política, falamos tamén da actividade social, nomeadamente no movimento asociativo. Ameneiros foi Presidente do Casino de Ares en épocas de importantes decisións sobre o papel da entidade, que moita xente recorda como unha das máis dinámicas e activas. Este coñecimento da vida interna das entidades, permítelle formular con coñecimento de causa a necesidade urxente de políticas efectivas na coordinación e colaboración entre o concello e as entidades.

Ameneiros quéixase da decadencia que vive a Praza do Concello – e tamén o antigo edificio – abandonadas na prática desde hai catro anos, tanto na súa utilización como no seu mantemento. Defende, como alternativa, volver a facer da Praza o referente da convivencia e da actividade de Ares e, máis concretamente, a execución dun proxecto de humanización do conxunto da Praza; recuperando ademáis o edificio do antigo concello como referente da actividade cultural, tanto da institución municipal como das entidades que non dispoñen de local.

Coñecedor das carencias do día a día que viven as entidades, móstrase moi crítico co sistema de relación que pratica o actual grupo de goberno co movimento asociativo, que ten moito de clientelar, e bastante pouco de obxectivo. Ameneiros é dos que pensan que o importante da colaboración do concello coas entidades non é a candidade que se lles adxudica cada ano, senón a efectividade desa achega na realización de actividades que cheguen verdadeiramente á xente. E apunta, máis concretamente, ao incumprimento que está a facer o actual grupo de goberno do Regulamento de Subvencións, que fora aprobado hai agora tres anos a iniciativa do BNG.

Esa preocupación exténdese tamén á situación económica do concello. Ameneiros menciona, por exemplo, o feito de que en Setembro do 2007 se tivese aprobado – tamén por iniciativa do BNG, e co voto de toda a corporación – a realización dunha auditoría sobre a situación económica do concello; que era unha das demandas da cidadanía, e que sería unha medida de hixiene política. Non se fixo porque, no fondo, nen había vontade política de aclarar cómo se gastaba cando gobernaba o PP, nen existe agora de aclarar cómo gasta o actual grupo de goberno. Ou sexa: continuismo.

Contra deste panorama, Ameneiros rezuma ilusión, esperanza e confianza neste novo ciclo do BNG e, sobor de todo, nas persoas que forman parte da candidatura e nas propostas na nosa organización como as únicas capaces de facer as políticas transformadoras que Ares precisa.

 

Share Button