INICIATIVA PARA A CREACIÓN DUN PLAN URXENTE DE ABASTECEMENTO (PUA)

Resultado de imaxes para tubería rotaEmilio Mesías Farías, concelleiro-portavoz do GM do BNG no Concello de Ares, mediante a presente e como mellor proceda,

EXPÓN QUE:

Coa chegada da tempada estival, vemos como –novamente- o servizo de abastecemento presenta graves deficiencias. Un tema que non é novo, xa que é un contínuo que se vén padecendo duns anos para aquí.

As orixes do problema son de sobras coñecidas e poderíamos resumilas en que durante os vinte últimos anos non se actualizaron os servizos -nin se melloraron- para atender á demanda actual de usuarios e usuarias.

As canalizacións do casco urbán están vellas e en mal estado. Ademáis, a tubería que trae o abastecemento de Ferrol ten un diámetro pequeno e non dá a presión demandada, estando tamén en mal estado. Son, polo tanto, dous aspectos que cumpre ten en conta. Por unha banda a cuestión “interna”, que corresponde ao Concello e por outra banda unha cuestión externa que ten que ver co Concello de Ferrol e Augas de Galicia.

Tendo en conta que a obra vai supoñer un desembolso importantísimo nunha obra complexa e importante, estimamos que é urxente elaborar un Plan para facer fronte.

Este “Plan Urxente de Abastecemento” (PUA) -como denominamos- abranguería unha secuencia de accións; Estudo técnico do estado actual das tuberías de abastecemento e saneamento, novas necesidades técnicas por cuestión do novo asentamento poboacional e polo número de demandantes do servizo, previsión de novos demandantes ao respecto do PXOM (pendente de aprobación definitiva), situación de novos depósitos e infraestruturas, prioridades e secuenciación de obras e un plan plurianual de investimentos.

Este Plan resulta urxente e necesario para que o Concello poida cumplir coa obriga de dar un servizo óptimo a usuarios e usuarias.

Por todo o cal, PROPOÑEMOS

1.- Que o Concello de Ares elabore un Plan Urxente de Abastecemento en base ao apuntado anteriormente.

2.-Que a Comisión Informativa de Plans faga un seguimento de dito plan.

 En Ares, a 23 de Xullo de 2019

Share Button