A Candidatura Persoa a Persoa: Nati Fontenla

Nati Fontenla Guerra ( 33 anos, Ares, axudande de perruquería ) é desas persoas coas que ún – que non tiña o pracer de colaborar con ela anteriormente – se queda positivamente sorprendido. Non sei se anteriormente tiña participado ( penso que non ) nunha campaña electoral, pero a disposición e forza que mostraba na pegada de carteis o pasado Venres; revela moitas gañas e ilusión.

Claro que, non podía ser doutro xeito para unha persoa que ten colaborado en numerosas iniciativas populares, que cré realmente nunha sociedade activa e participativa. Por iso seguramente, foi receptiva á petición que lle fixemos desde o BNG para, neste proxecto común e aberto que é a nosa candidatura ás municipais, integranse sen nengún tipo de complexo. E cónstame ademáis o grande sacrificio que lle supón, sobor de todo por ter que roubarlle o tempo á atención ás súas pequenas……

Sen dúbida, esa actitude aberta e participativa de Nati fai que vexa con moita claridade a necesidade de incentivación da política cultural e, máis en concreto, a dotación de infraestruturas para as actividades culturais e sociais. Refírese á urxencia de elaborar un proxecto de Centro Cívico Social polivalente, que sexa verdadeiramente o núcleo do conxunto de actividades ( concertos, exposicións, teatro…) que desenvolvan tanto o concello como as entidades. Proxecto para o que, por suposto, haberá que reservar o solo necesario dentro do PXOM pendente de elaborar.

Mentras tanto, é evidente que hai que traballar co que temos actualmente. E aí é preciso – como comenta Nati – a optimización das actuais instalacións da “Alianza Aresá”, abríndoas a novas actividades; ben sexan do concello ou das entidades. Unha reflexión que nos leva, outra vez, a falar doutra filosofía na política cultural do concello, baseada en políticas mancomunadas entre a institución municipal e as sociedades. E, por suposto, con dúas premisas básicas: participación e descentralización. Iso é o que no Programa do BNG concretamos como Consello Municipal de Cultura.

Nesa mesma liña, comentamos o importante que sería tamén unha reorientación do programa de Escolas Culturais – que é praticamente igual desde hai máis dunha década – procurando unha oferta máis novidosa, participativa e tamén descentralizada. Chegados aquí, Nati volve a insistir na política de coordinación e colaboración coas entidades das diversas parroquias que, ademáis, son xustamente as que lle poden oferecer ao concello os locais dos que a institución non dispón en Caamouco, Cervás e Chanteiro.

Falamos, como non, da necesidade de potenciar a actual Biblioteca Municipal, nomeadamente cunha maior coordinación coas actividades que, en materia de fomento da lectura, se podan desenvolver desde o CPI de Ares; máis tamén cunha oferta dirixida ao conxunto da poboación. E de moitas cousas máis, que forman parte do relatorio de propostas coas que o BNG se presenta diante da cidadanía con compromiso e ilusión. Dúas cousas que, desde logo, non lle faltan á compañeira Nati….

 

Share Button