O GM do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Ares, ao abeiro da lexislación vixente e como mellor proceda, presenta para o seu debate plenario a seguinte MOCIÓN SOBRE A DERROGACIÓN DA LEI MONTORO

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A reforma do art. 135 da Constitución Española, promulgada o 27 de setembro de 2011, estabeleceu o marco que determinarían os seguintes anos os férreos límites ao gasto público, o endebedamento e a capacidade de investimento das entidades públicas. Na súa disposición adicional única estabelecía, entre outras cuestións, que antes do 30 de xuño de 2012 debería estar aprobada a Lei Orgánica á que se fai referencia no citado artigo 135.

A Lei Orgánica de 2/2012 de 27 de abril, de Estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira, coñecida como Lei Montoro, no seu capítulo II estabelece tres regras fiscais básicas:

Equilibrio ou superávit estrutural.

Limite á ratio da débeda ao 60% do PIB. (3% as entidades locais).

Regra de gasto. Na que se dispón que o gasto computábel non pode superar a taxa de referencia do crecemento do PIB a medio prazo.

Dos datos que dispomos, a débeda viva dos concellos españois a 31/12/2018 era de 20.952 millóns de euros e a das deputacións de 4.472 millóns. No caso galego a débeda aínda é moito menor; abonda citar que a das catro deputacións non chega aos 22 millóns de euros (21,949 millóns), e a de todos os concellos galegos non chegaba aos 252 millóns (251,488 millóns). Posiblemente a día de hoxe estas cantidades sexan substancialmente máis baixas dado que estes son datos de 2018. Este dato é transcendente, xa que implica que as entidades locais galegas cumpren sobradamente a ratio de débeda sen tan sequera chegar ao 0,5% do PIB.

O superávit dos concellos tense que destinar obrigatoriamente a amortización de débeda, aínda que, de xeito discrecional os orzamentos do estado permitan anualmente destinalo a investimentos financeiramente sostíbeis, con toda unha serie de condicionantes moi difíciles de cumprir (resulta imposíbel utilizar as baixas nas adxudicacións, non computa o que non se executa dentro do período computábel…). Polo tanto os concellos foron amortizando débeda e moitos deles teñen débeda cero e non poden destinar o superávit a outros fins.

Son moitos os concellos que se ven obrigados a incumprir a regra de gasto, dada a especificidade dos concellos asi como a lexislación especifica na materia (LRHL), coas consecuencias no desenvolvemento dos seus orzamentos que isto implica.

Dado que aos concellos imposibilitóuselles, na práctica, a utilización do superávit orzamentario, é necesario que nestes momentos de grave crise se poidan destinar os remanentes orzamentarios de anos anteriores para aqueles fins que se consideren precisos, aínda que isto supoña incumprir a regra de gasto ou incorra en inestabilidade. É hora de rescatar ás persoas e non aos bancos.

Hoxe máis que nunca é necesario derrogar a Lei Orgánica 2/2012 para que dende os concellos e as deputacións se poidan adoptar políticas activas de emprego, solidariedade e reactivación económica, xa que esta Lei é un grave obstáculo nestes momentos nos que o necesario é rescatar ás persoas.

Por estes motivos, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1. Instar á Xunta de Galiza a dirixirse ao goberno do Estado para esixir a derrogación da Lei de Estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira, Lei Orgánica de 2/2012, de 27 de abril, nesta situación de grave crise para que deste xeito se poidan destinar os recursos dos concellos a políticas activas de emprego, solidariedade e reactivación económica.

En Ares, a 18 de Abril de 2020.

Share Button