A Candidatura Persoa a Persoa: Carlos Rodríguez

Carlos Rodríguez Souto ( 43 anos, profesor de hostalería no IES de Pontedeume e tamén empresario do sector ) é – nos poucos momentos que as súas ocupacións profisionais lle deixan – unha persoa que gosta da pesca, e que busca na época dos cogumelos un certo relax na procura deste exquisito manxar; nunha afición que vai máis aló das súas “obrigas” culinarias. E, se queda algo de tempo ( moi poucas veces ) pois aínda se permite disfrutar dos deportes ao aire libre; supoño que para liberar tensión…

A pertenza de Carlos ao mundo da hostalería permítelle enunciar con moita claridade as propostas para que ese sector – que, conxuntamente co comercio son os xeradores de actividade económica no concello – actúe dun xeito máis activo como impulso na xeración de emprego. Os importantes e singulares recursos dos que dispón Ares no ámbito natural e histórico-artísticos deberían de articular un Plan Integral de Aproveitamento dos Recursos Municipais, dirixido a fomentar a dinamización económica e o emprego.

Máis non só fala de articular novas iniciativas como a anterior, senón da necesidade de optimizar os medios dos que actualmente dispón a institución municipal. Por iso Carlos defende a reformulación da actual Axencia de Desenvolvimento Local, converténdoa nun organismo que pule realmente polo impulso , información e coordinación a respecto dos sectores económicos fundamentais do nosos concello: comercio, hostalería e pequena empresa.

Coñecedor – pola súa actividade docente – da importancia do capítulo da formación, Carlos formula unha iniciativa que xá o BNG presentara hai catro anos no seu Programa e agora reitera: a posta en marcha dunha Escola Obradoiro adicada á formación de mozas e mozos en materias relacionadas co potenciamento de actividades que teñan a ver, por exemplo, coa xestión do patrimonio histórico-artístico ou, específicamente, coa hostalería. Unha iniciativa que suporía, ademáis do ámbito formativo, unha vantaxe para entrar no mundo laboral.

Carlos é moi crítico cunha visión do turismo acotada a celebracións singulares ou estacionais. Pensa que Ares ten un potencial de recursos que pode – e debe – de ser posto en valor durante todo o ano; xa que xustamente no verán non fai falla facer un grande esforzo para que a xente veña a Ares: simplemente, darlle bós servizos. A clave é, reitera, sermos capaces de oferecer actividades e servizos arredor da posta en valor do entorno natural, da nosa costa, do noso patrimonio histórico-artístico, das nosas tradicións….; durante os doce meses do ano.

Pensa, ademáis, que Ares dispón – fundamentalmente, co mar como referencia – de grandes posibilidades de xerar un produto turístico singular, específicamente no ámbito da hostalería. Potenciar os produtos do noso mar , a nosa natureza ou o noso patrimonio histórico-artístico é a nosa mellor promoción turística. Por iso Carlos pensa que non é preciso copiar nada do que fan noutros lugares, senón xustamente de pór en valor o propio. Como fai o BNG.

 

Share Button