Nos últimos días, a parroquia de Cervás está a sufrir cortes de suministro de abastecemento, motivado por roturas na rede xeral á altura de Lubre e na estrada provincial. Dita situación está a molestar á veciñanza que o padece, ante a falta de información ao respecto.

O saneamento, como servizo básico, ten que ser especialmente mimado e atendido polo goberno municipal, así o entende o noso GM e así o trasladamos en reiteradas ocasións.

De igual maneira, parte da veciñanza do casco urbán de Ares, asiste impotente -un ano máis- á realidade da falta de presión e á imposibilidade de utilizar un servizo que é básico e polo que pagan as correspondentes facturas.

É urxente e necesario solucionar o tema do abastecemento, esquecido dende hai máis de dez anos. Os concellos teñen a obriga da prestación de servizos básicos en condicións de aproveitamento por parte da veciñanza.

POR TODO ISTO SOLICITAMOS:

1.- Información sobre a motivación da rotura reiterada na tubaxe, na liña que vai á parroquia de Cervás.

2.- Datos sobre ano de construción da liña, empresa que realizou a obra, informe da dirección de obra sobre a recepción da mesma por parte do Concello de Ares.

3.- Administracións que custearon as obras.

4.- Información na web municipal e de maneira destacada, sobre cuestións de corte de suministro (de maneira programada, ou non) e traslado de información á toda a parroquia de Cervás, mediante bandos, avisos, ou -se fose o caso- doutro tipo de medios.

5.- Solución urxente á problemática do abastecemento en vivendas de Ares, valorando incluso bonificacións -ou outro tipo de medidas- nas facturas, sobre dun servizo básico que non están a recibir en condicións.

Emilio Mesías Farías

(Concelleiro Portavoz do GM do BNG no Concello de Ares)

(Rexistrado no Concello de Ares, a 29 de Xullo de 2020).

Share Button