A Candidatura Persoa a Persoa: Roberto Conejo

Roberto Rivas Conejo ( 46 anos, Ares, profesor de carpintería e moble no IES Ferrolterra ) é un home que desborda e transmite vitalidade. Algo moi importante cando ún se enfronta a un proceso como unhas eleccións municipais nas que “patear” convértese máis que nunha obriga, nunha necesidade. E recoñezo que, visto do punto de vista físico, seguro que Roberto chegará ao final da campaña bastante máis fresco que algún de nós…

Este feito de estar curtido na prática deportiva – concretamente, no remo – dálle unha grande vantaxe tamén á hora de abordar a carreira electoral. Pero non só no aspecto físico, senón tamén na visión global que ten do panorama deportivo do noso concello, das súas entidades e, nomeadamente, do que debe de ser unha auténtica política deportiva levada a cabo desde a institución; pero intensamente coordinada coas sociedades e, en xeral, coa xente.

Unha das primeiras cousas que Roberto me espeta é a necesidade  de  reorientación da política deportiva municipal, estabelecendo como núcleos desta a escola, os clubes de base, o deporte federado, o deporte recreativo e as competicións. Liñas de actuación básicas – pero tamén profundas – que terían na ampliación e descentralización de actividades un perfecto complemento para cumprir o obxectivo de achegar o deporte ao conxunto da poboación.

Pero aquí, igual que noutros campos, queda moito por facer; simplemente porque se ten apostado máis por unha política de reforzar achegas económicas  ( eso sí, cun criterio moi dixital ) que polo de reforzar coordinación, colaboración e participación. A creación dun Consello Municipal de Deportes, como órgano de participación e coordinación en materia deportiva no ámbito municipal e coas distintas sociedades deportivas do concello, é unha aposta que logo dos últimos catro anos non só segue a resultar interesante, senón mesmo necesaria.

Volvemos ao mar. Roberto sempre volve ao mar, como bó aresán. E tamén como bó remeiro. Agora falamos – reiteramos, máis ben – a necesidade dun maior impulso ás actividades deportivas que teñen a ver coas potencialidades do noso contorno: as náuticas, pero tamén as relacionadas con outros deportes de natureza. Vénsenos á cabeza o descoñecimento que hai entre a poboación de Ares con respecto a algunhas das súas entidades deportivas, e o produtivo que sería compartir e optimizar as instalacións existentes, sexan municipais ou das sociedades. Unha cuestión, como outras, de vontade política….

Roberto reflexiona sobre as instalacións deportivas. É lícito que todos os concellos queiran ter de todo. Pero tamén resulta cuestionábel do ponto de vista operativo e, con seguridade, insostíbel económicamente. A construción do complexo acuático do Castro – entre os concellos de Mugardos e Ares – pode marcar un punto de partida para acabar con localismos, e tamén con iniciativas que teñen máis de virtuais que de reais. Pero a austeridade non é só unha palabra, senón un compromiso político. Desde o BNG, facémolo noso.

 

Share Button