Tonina Cernadas Feal ( 43 anos, Lubre, profesora de corte e confección; e actualmente persoal laboral da Xunta ) chegóu á candidatura do BNG logo dunha profunda reflexión – cónstame – e con unha cousa moi clara: que o presente e o futuro do concello é cousa de todas e todos. Combinando reflexión e compromiso, e entendendo que non se pode mirar para outro lado, decidíu poñer tempo e esforzo nunha campaña na que pensa, igual que outra moita xente, que o BNG representa o proxecto de futuro que Ares precisa.

Como muller, como nai e tamén como traballadora; sabe do necesario que é un compromiso coa igualdade real entre homes e mulleres que permita a conciliación da vida laboral e familiar, con medidas efectivas tamén desde o ámbito municipal. Tonina refírese á necesidade de elaboración dun novo Plan de Igualdade de Oportunidades para Mulleres e Homes, que actúe transversalmente nos diversos estamentos da sociedade: movimento asociativo, centros de ensino, centro de saúde, grupos políticos, etc…

Fai especial fincapé no ámbito formativo, botando man do movimento asociativo que temos en Ares – fundamentalmente, o das asociacións de mulleres – como ún dos elementos básicos para avanzar no camiño da igualdade real; e afirma que é preciso tamén a reorientación do CIM ( Centro de Información da Muller ), como núcleo desde onde emanen e coordinen as políticas relacionadas coa muller e a igualdade de oportunidades. E pensa, como moitas mulleres, que por riba das celebracións de datas puntuais, debe de estar o compromiso do día a día.

Tonina é coñecedora dos problemas que prantexa o emprego feminino – e moito máis, en tempos de crise como as que estamos a padecer – e xustamente por iso declárase partidaria de adoptar desde a institución municipal as medidas precisas para acadar o progresivo crecemento do emprego feminino, para o que entende que o goberno municipal debe de introducir variábeis de xénero e idade en todos os instrumentos de análise do mercado do traballo dos que se dote o futuro goberno municipal.

Insiste no xá comentado por outras compañeiras e compañeiros na necesidade de crear programacións – desde o concello, e tamén en coordinación coas entidades ubicadas nas diversas parroquias – de carácter cultural, deportivo ou de lecer; que permitan cubrir  o espazo que queda fóra do horario escolar; xa que é o único xeito de que as mulleres – como no seu caso – que teñen actividade laboral, poidan exercer dun xeito efectivo a conciliación desta coa vida familiar; á que se refería ao comezo.

As conversas que nos van permitindo os “descansos” da campaña, van deixándonos moita información das compañeiras e compañeiros que imos na candidatura. E soubemos, por exemplo,  que á compañeira Tonina o activismo e a toma de compromiso vénlle de tradición familiar; e máis concretamente da súa avóa Paca, que foi moitos anos a voceira das mariscadoras de Barallobre e tamén ligada ao nacionalismo en Fene. Seguramente tamén por iso, Tonina quixo “coller o testigo” para arrimar o lombo a este proxecto aberto, participativo e ilusionante que é o BNG.

 

Share Button