A Candidatura Persoa a Persoa: Luisa Labrada

Mª Luisa Labrada Reija ( 47 anos, Ares, ex-presidenta da ANPA do CPI de Ares ) ten, ao marxe dunha inquedanza permanente polos problemas da xente, toda unha experiencia acumulada en proxectos participativos e colectivos; nomeadamente nos referentes ás melloras da situación da comunidade educativa. Con 3 fillos, sabe moi ben que o garante dun ensino público, con medios e infraestruturas en condicións, é un dos piares básicos para a formación das mulleres e dos homes do mañán.

Luisa foi, como digo, presidenta da ANPA durante un período de dous anos, aproximadamente ata o ano 2005. Tocóulle lidiar cun goberno municipal do PP, e tamén cunha Xunta gobernada polo mesmo partido; polo que sabe de primeira man cal é o posicionamento deste cara ao ensino público, e que nestes dous anos está a verse con moita máis evidencia. Por iso, percibe con moita claridade que non hai vontade de adicar recursos públicos para a mellora das infraestruturas como, por exemplo, o CPI de Ares.

Pero Luisa non se morde a língua á hora de enxuizar tamén a actitude do actual goberno municipal con respecto á problemática que está a padecer o CPI desde hai algúns anos. Nunha das últimas reunións celebradas, con participación de nais e pais, e tamén dos grupos políticos da corporación; Luisa tivo unha intervención ponderada, realista, pero tamén contundente. E alí dixo o que moitas e moitos pensan: que o actual grupo de goberno non manexou ben os tempos nen as iniciativas para resolver a problemática do centro de Ares nestes catro anos.

Luisa lembra que á entrada deste goberno municipal, xá tiñamos o problema. E comenta tamén as primeiras iniciativas levadas ao Parlamento Galego polo daquela deputado do BNG, Fernando Branco, para acadar un compromiso real da Xunta na elaboración do proxecto e na dotación económica para abordar con carácter urxente a ampliación do actual CPI. Non acredita que na etapa na que o PSOE – o mesmo partido que está no goberno municipal – detentaba a Consellaría da Educación non se comprometese realmente coa problemática. E convida a revisar as hemerotecas.

Luisa pensa que hai un interese para aproveitar este conflito exclusivamente en clave partidista e electoral, e califica de penoso e irresponsábel que o grupo de goberno houbese actuado dun xeito individual – mesmo contra do que se tiña acordado na reunión do conxunto da comunidade escolar – con motivo da recente visita do Conselleiro de Educación ao concello de Cabanas. Pregúntase se realmente o que se perseguía era mobilizar ao conxunto da comunidade escolar ou, máis ben, acadar unha foto onde o “protagonismo” quedase en mans do grupo de goberno; co engadido patético dalgunha persoa que nen siquera é concelleiro….

Pero Luisa mira cara adiante. Sabe que o día 22 xogámonos moito, que do que estamos a falar é dun cambio de políticas, e por convicción e compromiso, no seu caso decidíuse tamén a formar parte da candidatura do BNG, porque sabe que sentimos os problemas da xente e facémolos a nosa razón de ser, e tamén de traballar. Non somos todos iguais..

 

Share Button