A Candidatura Persoa a Persoa: Tito Pazos

Tito Pazos Martínez ( 28 anos, Ares, Enxeñeiro Técnico en Químicas e, actualmente, traballador no sector da hostelaría ) representa, ao meu ver, unha nova xeración de rapazas e rapaces aresáns: preocupados polo seu futuro, polo seu pobo e polo seu pais, por Galiza. É outra das novas incorporacións na candidatura do BNG, móstrase moi ilusionado con este novo ciclo que comeza a organización nacionalista en Ares, con novas persoas e compromisos renovados.

Tito está preocupado, fundamentalmente, polo futuro laboral dos centos de mozos e mozas de Ares – e tamén do conxunto da comarca – que non atopan saídas laborais. Sabe que hai decisións políticas ( o veto á antiga ASTANO, o decreto do carbón, o parón do plan eólico feito polo BNG na Xunta….) que nos impiden producir e traballar. Por iso – e tamén por un compromiso con compañeiros seus que traballan no sector – estaba o outro día na mobilización reclamando carga para o sector naval na ría de Ferrol.

E fai, ao par que esa preocupación fonda polas decisións políticas que nos impiden producir, un relatorio do que se podería facer para potenciar a economía local. Por iso Tito fala de que as iniciativas que se fagan nesa liña non poden – como está a pasar – facerse sen partir da elaboración dun Plan Integral de Proveitamento dos Recursos Municipais, que debe de actuar de xeito transversal na potenciación e desenvolvemento dos sectores económicos fundamentais do noso concello: o comercio, a hostalería, o mar e a pequena empresa.

Como persoa que se manexa con moita habilidade no mundo das novas tecnoloxías, Tito acredita tamén na necesidade de que a institución municipal xogue un papel activo neste campo. Critica o abandono das aulas que, ao fío da dotación de wimax que fixera a anterior Consellaría de Industria para levar o internet aos núcleos do rural, se puxeran en funcionamento en Chanteiro e Cervás. A actual Xunta decidíu suprimir a figura do monitor, e tampouco desde o concello se criticou nen se puxo alternativa algunha para poñer en valor o investimento feito no seu día.

Por iso, é partidario da elaboración dun Programa Municipal de Información e Alfabetización no uso das TIC, partindo dunha reorientación das funcións que se prestan actualmente desde o CeMIT, e descentralizando as actuacións ao conxunto das parroquias. Tito tamén reclama a reformulación da web municipal, que debe de pasar de ser un aparello propagandístico ao servizo do grupo de goberno, para converterse nun instrumento ao servizo da xente.

Tito vive o día a día coa xente nova, e reclama unha auténtica cultura para o ócio, con programación e infraestruturas. Nengunha das dúas cousas existen hoxe, limitándose exclusivamente a iniciativas de carácter puntual; e nomeadamente na tempada do verán. Por iso pensa que o Programa do BNG – no que participou activamente – é o que representa realmente as esperanzas para a xente nova de Ares: hai compromiso, hai alternativas, hai futuro.

 

Share Button