A Candidatura Persoa a Persoa: Dani García

Daniel García Fernández ( 20 anos, veciño de Caamouco, estudante de 3º de Ciencias de Infomación ) é novo na candidatura do BNG, pero non nas inquedanzas nacionalistas. Levámolo vendo desde hai anos nas manifestacións en defensa da língua, no Dia da Patria e, en xeral, en todo aquelo que teña a ver co noso Pais. De feito, o primeiro contacto para convencelo de que fose na nosa candidatura non necesitou de continuidade: comentamos o proxecto, falamos da disponibilidade e púxose – puxémonos – a traballar.

No mitin celebrado o Domingo na Praza do Pedregal de Redes – que algún dos asistentes calificou de histórico e valente – Dani deixou constancia non só da súa capacidade dialéctica ( vése que a carreira escollida váille como anel ao dedo ) senón, fundamentalmente, da súa claridade a respecto das cousas das que fala. Orgulloso da súa orixe, lembro moi ben a reportaxe que un xornal compostelán lle fixera hai agora aproximadamente un ano, onde deixaba boa conta da súa querencia pola parroquia e polas súas xentes.

Por iso seguramente, expresa con grande claridade e precisión o contido das propostas que fai o BNG a respecto desta parroquia, nomeadamente no referente á súa singularidade no aspecto urbanístico e tradicional. Mar e arquitectura fusionan unha imaxe que, máis aló do balbordo mediático, representan un conxunto único, tanto no ámbito galego como mesmo fóra do noso país, pensando no Redes real, fronte ao Redes virtual….

Nesa liña, non dubida en situar como prioritario como actuación para Redes-Caamouco a definición dun Plan Especial de Protección que poña en valor os elementos arquitectónicos existentes no núcleo e, sobor de todo, contribúa á posta a disposición e utilización do amplo parque de vivendas existentes para fixar poboación. Comentamos as “incidencias” urbanísticas que se viven en Redes ( a última, a referente á construción de vivendas na R/Nova ) e do importante que é termos un novo PXOM,  que precise dun xeito claro o ordenamento urbanístico, fuxindo de interpretacións máis ou menos interesadas….

Na mesma liña, móstrase teimudo na necesidade de levar a cabo un proxecto de restauración e posta en valor do antigo alboio; co obxecto de convertelo nun Centro de Interpretación da Cultura Marítima da Ría de Ares. Lembra a recuperación das cabrias – que contara no seu momento co apoio do BNG desde a área de Promoción Económica da Deputación – e fala do importante patrimonio marítimo, tanto material como inmaterial, que as xentes de Redes aínda atesouran, pero que corre o risco de perderse.

A Dani, que ten que pasar a maioría do tempo en Compostela por mor dos estudos, quédalle tempo para adicarlle ao traballo social, neste caso como membro da Xunta Directiva da Agrupación Instrutiva de Caamouco. Sociedade que, por certo, cúmpre este ano o seu centenario; nun evento que nos permitirá redescubrir a importante pegada do traballo da comunidade emigrante na xeración de iniciativas a prol do benestar e do saber. Unha oportunidade máis, en definitiva, de sabermos que o futuro constrúese coñecendo o pasado. O mesmo que pensamos desde o BNG.

 

Share Button