Anxo Fernández Permuy (35 anos, Chanteiro, Presidente do Comité de Empresa de “Infinita” pola CIGA e membro do Consello Local do BNG ), á vez que activista na defensa do saneamento e abastecemento para Chanteiro e Cervás; e tamén na demanda da ampliación da estrada que vai de Ares a Chanteiro….Ben. Calquera podería pensar que de Anxo escribo máis que de outras compañeiras e compañeiros da candidatura do BNG. E está no certo, pero é que tamén é de xustiza……

Vin a Anxo como candidato hai agora catro anos, e desde aquela fun descubrindo ao compañeiro de prácticamente toda a vida, pero agora no perfil máis comprometido desde o punto de vista político e tamén sindical. Fogueado xá en moitas batallas – moitas delas, pouco gratificantes – penso que representa un pouco a bomba de inxección deste motor que agora temos posto a andar desde o BNG de Ares. E confeso, sinxelamente, que esta súa actitude foi tamén a que me animou a tomar a decisión de implicarme a fondo neste proxecto colectivo.

Un compañeiro que, ao marxe do comentado, está convencido de que a tarefa urxente e prioritaria do traballo político en Ares é a elaboración dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal que non só axude a resolver a problemática que no ámbito urbanístico ten o noso concello actualmente, senón que defina tamén os criterios para un desenvolvemento sustentable e harmónico do Ares que queremos para o futuro. A dotación de equipamentos comunitarios e novas infraestruturas, comenta Anxo, só teñen viabilidade dentro dun novo PXOM.

E aí falamos da construción de aparcadoiros, dun proxecto de vial de acceso ás instalacións portuarias, da construcion dun cemiterio municipal, dun centro cívico polivalente, de novos espazos deportivos culturais e de lecer…..Un amplo abano de necesidades que a día de hoxe resultan inviables pola carencia dun PXOM. E lembra tamén que o actual conflito do CPI é, ao marxe da falla de interese da Xunta e da incapacidade do actual goberno municipal, un bó exemplo do que é non ter un instrumento urbanístico actualizado que defina, como neste caso, reserva de solo adicada a equipamentos.

E volvemos outravolta a falar da importancia de achegar o conxunto dos servizos básicos ao conxunto das parroquias, non só porque é un acto de xustiza e de equidade; senón porque resulta fundamental á hora de favorecer o asentamento de poboación no rural; precisamente en momentos que o solo urbano vaise achicando. E comenta tamén Anxo a necesidade – en tempos nos que cómpre austeridade e racionalidade – de avanzar na xestión mancomunada de novos servizos: recollida do lixo, retirada de veículos, mantemento da rede viaria…Non é unha proposta máis: é unha necesidade.

Pero con Anxo teño que volver sempre ao que máis tempo nos uníu: a amizade e a música tradicional. Supoñendo que eu fose ( que é moito supoñer ) o “Repoludo Gaiteiro “ do que falaba Rosalía de Castro, tería a Anxo que “C’o tambor s’ acompasaba”. Nos tempos que corren é ben ter definida a melodía e tamén o acompañamento e, sobor de todo, tocar en grupo. Como no BNG.

Share Button
 

Comentarios pechados.