Débeda con Aquagest, chove sobre mollado

As actas das Xuntas de Goberno do pasado mes de Abril veñen de evidenciar – como xá tiña denunciado o BNG hai unha década – que a operación de baixada do prezo do recibo da auga levada a cabo polo goberno do PP no ano 2000 era totalmente fraudulenta por canto a aparente baixada do recibo que se producía nalgúns tramos habería de ter repercusións para o conxunto dos contribuíntes. Así é que, a día de hoxe, o concello ten asumida unha débeda coa empresa AQUAGEST para a compensación das cantidades que foron acumulándose por ese concepto entre os anos 2000 e 2012, que ascende a 434.185 euros.

Dáse a circunstancia que o proceso fora deseñado polo daquela concelleiro de facenda, Luis Cendán, que agora está a formar parte da “nova maioría municipal” conxuntamente co PSOE, e que tamén lle vén de dar o seu voto favorábel á suba das taxas e plan de axuste aprobado recentemente polo pleno do concello, que levou á institución municipal á solicitude dun crédito de 2,8 millóns de euros.

Ademáis, noutra Xunta de Goberno do concello deuse conta da existencia de outra débeda 394.486 euros coa mesma empresa – concesionaria da xestión do servizo de abastecimento e saneamento municipal – por varias certificacións de obra realizadas para o concello que, sumada á cantidade antedita, deixa unha débeda total da institución municipal por un total 828.672 euros.
Curiosamente, estas cantidades foron trasladadas á Xunta de Goberno do concello – que rexeitou o abono das mesmas – polo que agora ábrense moitas dúbidas a respecto da resolución desta importante débeda da institución municipal, que vén a engadirse á recoñecida no plan de axuste aprobado no seu día polo pleno – que levará á institución municipal a pagar 30.000 euros ao mes durante dez anos – supondo a prática hipoteca da institución municipal a curto e medio prazo.

Desde o BNG consideramos verdadeiramente indecente e escandaloso que mentras que ao conxunto da cidadanía se lle cobren relixiosamente – para esta ano, cunha enorme suba – os impostos de abastecimento e saneamento; mentras que se mantén unha desorbitada débeda coa empresa adxudicataria dos servizos.
Nese sentido , o BNG solicitará na vindeira Comisión de Facenda que por parte do goberno municipal se aclaren os pormenores desta situación e das razóns que motivan a débeda acumulada; reiterando a nosa rotunda oposición a unha política económica amparada nun escuro pacto entre o PSOE e o ex portavoz do PP, Luis Cendán, que ten agora que pagar o conxunto da cidadanía.

Share Button