A Deputación de A Coruña non concreta prazos nin orzamentos para a Estrada Ares-Chanteiro

O Presidente da Deputación de A Coruña, respostando a unha pregunta formulada polo BNG, non concretou nin prazos nin compromisos orzamentarios para a execución da estrada Ares-Chanteiro, que figura incluida no Programa de Investimentos en vías provinciais 2009-2011, aprobado pola Deputación en Xullo de 2009, cun orzamento estimado de 1.798.261,74 €. No texto da pregunta, o deputado do BNG Xesús Soto Vivero fixo fincapé na urxencia da execución deste vial, toda vez que representa unha grande perigosidade para a circulación tanto de peóns como veículos, nomeadamente na tempada do verán.

A referencia ás alegacións ao proceso expropiatorio – que xá está en marcha desde hai meses – e a falta de compromiso sobre as consignación orzamentarias para executar esta obra, deixaron en evidencia a falta de compromiso do actual grupo de goberno da Deputación cunha infraestrutura que, paradoxalmente, está incluída nunha programación aprobada hai tres anos.

Hai que lembrar, ademais, que por esta estrada discorre a rede xeral do saneamento dos concellos de Fene, Mugardos e Ares, que vai para a futura EDAR situada na punta Avarenta, en Chanteiro; e agora tamén está prevista a instalación da rede xeral do abastecimento para as zonas de Chanteiro, Cervás e Lubre.

Ao fío desta situación, o BNG de Ares valora este retraso como inxustificado e revelador da falta de cumprimento, non xa coas demandas que se viñan facendo desde finais dos anos 90, senón mesmo con acordos plenarios da propia Deputación.

Precisamente, tentando modificar esta situación, a nosa organización vai trasladar ao vindeiro pleno do concello de Ares unha moción na que se pedirá que a Deputación concrete nos orzamentos do vindeiro ano a cantidade necesaria para poder comezar o proceso de licitación da estrada para que, unha vez resolto o proceso de reclamacións ao expediente expropiatorio, a execución da mesma poida ser unha realidade.

Share Button