A VECIÑANZA DE CERVÁS REIVINDICA SOLUCIÓNS URXENTES PARA O ABASTECIMENTO DE AUGA Á PARROQUIA

A pesar do mal tempo, máis de medio cento de persoas acudiron á concentración convocada polo BNG

Mesmo desafiando ao mal tempo, máis de medio cento de veciñas e veciños de Cervás
acudiron ao acto informativo e reivindicativo convocado polo BNG en demanda de solucións
urxentes á problemática que vive a parroquia desde hai meses en relación co proxecto de
abastecimento de auga.

No decurso da mobilización, o portavoz municipal do BNG Emilio Mesías fixo unha extensa
mención á demanda do servizo de abastecimento para a parroquia “que foi unha loita histórica
do BNG, dentro do concello e mesmo con iniciativas no Parlamento Galego” e que desde o
goberno municipal se está a xestionar “con actitudes que demostran abandono e desidia coas
veciñas e veciños da parroquia”.

O voceiro municipal aludiu ao paradoxo de que a Xunta está a executar “un proxecto elaborado
desde o goberno municipal que non contempla a rede arterial que permita que a auga chegue
ao conxunto das vivendas da parroquia polo que se daría o paradoxo de que habería unha rede
xeral de distribución do sevizo, pero éste non chegaría aos usuarios”..

Lembrou ademáis que, para resolver esta situación, no pasado mes de Abril o BNG levara
a pleno unha moción – que foi aprobada por unanimidade – solicitando a elaboración dun
proxecto que completase a rede de distribución e, ademáis, procurar as achegas económicas
para realizar esta nova obra. Un acordo que, ao cabo de dous meses “segue a ser papel
mollado pola desidia do goberno municipal”.

Emilio Mesías denunciou asimesmo que a empresa adxudicataria das obras “está desaparecida
desde hai máis dun mes, deixando as obras executadas nunha situación lamentábel; mentras
que o goberno municipal non move un dedo nen por aclarar nen por resolver a situación”. Fixo
alusión á convocatoria do acto reivindicativo como “un acto de responsabilidade e compromiso
do BNG coa veciñanza; mentras que o alcalde utiliza dun xeito indecente os medios do
concellopara atacar a unha iniciativa, a do BNG, que o único que procura son as solucións que
o goberno municipal non é quén de procurar”.

Finalmente, o portavoz municipal municipal anunciou que a comezos da vindeira semana o
BNG presentará un escrito reclamando a reanudación das obras, o cumprimento dos acordos
plenarios para modificar o proxecto e a reposición dos tramos que foron executados; indicando
que “se nun prazo dunha semana o goberno municipal segue sen resolver esta problemática,
mobilizarémonos de novo”

Ares, 7 de Xullo de 2012

Share Button