Da capacidade de ver, cando se quere mirar

Parece que chegou o dia, ou o momento, segundo se queira mirar. As medidas aprobadas no “Consejo de Ministros” do 13 de Xullo son o resultado, non dunha política senón dun sistema.

Cando hai anos, moitos compañeiros e compañeiras, advertiamos do resultado catastrófico que teñen as políticas neoliberais practicadas en Europa, esas ás que PSOE-PP brindaban, Reforma da Constitución, etc..  e deciamos que estabamos a ver unha espiral de despropósitos que ían mudar o concepto de “democracia”, “dereitos”, “prestacións”, “obrigas”, etc… sufriamos o acoso e derribo de quen, non tendo a capacidade de poder ver de lonxe, ten a ousadía de non querer mirar ao horizonte cando a economía lle sorrí.

E aínda máis, arrimábanse aos que practican o xogo do “Petropoli” ou ó xogo da “Bankia” con caixa ou sen elas que, dito sexa de paso, é só unha anécdota da realidade oculta para os que podendo ver, non queren mirar.

Entre os “fenómenos” están o Editor Presidente do medio de intoxicación máis potente de Galicia, La Voz de Galicia, a antítese do exercicio de información, quen se permite o luxo de escribir dende unha óptica “independente?”para dar unha impresión de pataleo e de posición do tipo; “clase traballadora, estamos con vós…”

Como se as políticas –aquelas que son o xerme “destas anécdotas” de recortes e medidas- non fosen defendidas a brazo aberto cós responsables desta desfeita (fotografía de barco incluída). Porque se algo tén de bó o xornal é que as cousas quedan escritas e fotografadas e a visita ás hemerotecas son unha viaxe ao “momento”  na liña do tempo.

Pero tamén parte da sociedade, unha parte importante que aplaude todo ataque a funcionarios como se o funcionariado fose o responsable dunha estratexia perfectamente dirixida e realizada por mercaderes do capital ao mesmo tempo que arañan os alicerces construidos logo de moitos anos a base de loita de dereitos pola clase traballadora.

Estamos tan cerca da catástrofe que agora parece que todos e todas poden ver a desfeita, estamos polo tanto ante a penúltima oportunidade para que a xente entenda dunha vez por todas que a solución non era escoller, mediante o exercicio do voto (botarémolo en falta cando nolo quiten), entre PSOE ou PP -dúas caras dunha mesma moeda-  senón escoller entre participar ou sair deste “sistema”, porque como diciamos; outra alternativa é posíbel.

A solución non pode ser económica, porque a solidariedade traballa dende o corazón de maneira vocacional. Non se trata de mercar, roubar ou dilapidar dereitos conqueridos. Trátase de construir e edificar corazóns, corazóns solidarios que sexan quen de ver de lonxe para poder mirar ao futuro.

Share Button