Abastecimento de Auga a Cervás: O goberno municipal ne fai nen deixa falar

O BNG leva desde o pasado mes de Abril tentando abrir vias para a procura de solucións que permitan que o abastecimento de auga chegue a todos os lugares de Cervás e, por engadido, tamén a Chanteiro e Lubre.

Logo de que no pleno dese mes se aprobase por unanimidade unha proposta do BNG para facer un proxecto complementario ao que a Xunta estaba executando – que non chega a todos os núcleos – e a procurar o orzamento para executalo; o goberno municipal non só non é quén de executar o acordo plenario, senón que se instala na deixación e na incompetencia.

Van máis de tres meses desque a empresa adxudicataria das obras “desaparece”, deixando durante todo o verán as obras sen rematar, e o executado sen facer as reposicións: todo un exemplo de desprecio ao conxunto da cidadanía de Cervás.

Logo dunha concentración de máis de medio cento de persoas celebrada o pasado 7 de Xullo, o BNG solicita por escrito que se trate o tema nunha Comisión Informativa, e na reunión do pasado dia 5 de Setembro a resposta do alcalde é levantar a reunión, deixando ao representante do BNG coa palabra na boca e espetándolle, en resposta a preguntas sobre o que acontece coas obras, un “NO LO SÉ”.

Plano do proxecto elaborado no 2010

(no que se estimaba un prazo de execución de seis meses, a día de hoxe máis que cumpridos….)

A DESTACAR:

  • Falta por executar a rede xeral – co bombeo situado en Lubre incluido – que vai de Ares a Cervás. Ou sexa: fanse conexións dun servizo que nen existe…
  • A baixada dos depósitos só contempla a rede xeral que vai polo centro de Cervás cara a Chanteiro.
  • O resto dos núcleos de Cervás quedan fóra da rede de abastecimento no actual proxecto e, caso de querer conectarse, terían que afrontar particularmente os custos da obra.

A actitude de arrogancia coa que actúa o alcalde co BNG contrasta, por certo, co silenzo cómplice que mantén a respecto das deficiencias da obra da Xunta, ou da “desaparición” da empresa que debería de estar a executala…

E hai que lembrar, ademáis, que o retraso da execución das obras impede non só que a veciñanza de Cervás e Lubre conten co servizo de abastecimento; senón que tampouco Chanteiro poda contar – a pesar de ter a rede arterial executada desde hai dous anos – coa conexión precisa. Tal e como denunciamos, todo hai que dicilo, hai moito tempo desde o BNG.

E, para rematar, lembrar tamén aquí que a comprometida obra de ampliación e seguridade viaria na estrada Ares- Chanteiro segue tamén pendente de execución; toda vez que se vinculaba a mesma á execución das obras de saneamento– rematadas desde hai tempo – e á de abastecimento aínda pendente, que van polo trazado da estrada.

POR TODO ISO, DEMANDAMOS A REANUDACIÓN URXENTE DAS OBRAS DE ABASTECIMENTO DE AUGA A CERVÁS; COMPLEMENTANDO O PROXECTO COA DOTACIÓN DA REDE A TODOS OS NÚCLEOS QUE NON DISPOÑEN DO MESMO.

Setembro de 2012. Asemblea Local do BNG de Ares

Share Button