Os dependentes pagarán o que lles corresponde, en contra do criterio do Concello.

• A Consellería de Traballo e Benestar ordena ao Concello de Ares modificar os prezo público polo servizo de Dependencia.

• O BNG e algúns usuarios viñan denunciando que o Concello de Ares estaba a aplicar un prezo público de forma abusiva e que conculcaba o Decreto publicado pola Xunta que determina a contía do prezo público.

O Concello de Ares tivo que dar marcha atrás á pretendida suba no Prezo Público por axuda aos Dependentes. A suba xa fora tema de debate e cabalo de batalla en meses precedentes ao entender o BNG, que a contía que se lle aplicaba aos usuarios e usuarias era excesiva ao estar mal calculada como consecuencia dunha errónea interpretación do DECRETO 99/2012, que dispón a normativa aplicable para calcular o prezo público.

A comunicación enviada por parte da Consellaría vén a darlle a razón ao BNG e aos usuarios que denunciaban unha suba máis que abusiva. É por iso, que o Grupo de Goberno do PSOE –logo de negarse a dar a información que pedira o BNG ao respecto desta cuestión- ten que dar marcha atrás na súa pretensión inicial de aplicar a suba. Isto traerá consecuencias para as arcas municipais, xa que os Orzamentos 2013 foron aprobados cun incremento económico que agora os usuarios e usuarias non terán que desembolsar , e a pesares de estar advertidos polos concelleiros do BNG do grave erro
cometido tanto na Comisión Informativa de Facenda como no Pleno dos Orzamentos.

A cuestión é todavía máis grave se temos en conta que esta abusiva suba do prezo público, así como os seus tramos, foron incluídos no Plan de Axuste do PSOE-NAL de Marzo de 2012, a fin de xustificar un maior nivel de ingresos, mais esta situación vén a desmoronar dito Plan, polo que o seu cumprimento vai ser máis que dubidoso e levará ao Concello a unha situación económica todavia máis crítica.

O BNG denuncia, ademais, os perxuizos que se derivaron desta situación para o servizo; toda vez que houbo usuarias e usuarios que decidiron prescindir do servizo ao fío da suba aplicada no seu  momento pola maioría municipal; todo iso a pesar das advertencias feitas por parte do Grupo Municipal do BNG. Neste sentido, a nosa organización vai demandar unha reunión urxente da Comisión correspondente, co obxecto de estabelecer as responsabiliades a que houbese lugar; que para o BNG afectan dun xeito especial á concelleira responsábel da área e tamén ao propio alcalde.

Share Button