O Plan Xeral de Ordenación Municipal

pxom aresFalar do Plan Xeral de Ordenación Municipal é falar do tema máis importante en Ares no presente, que terá consecuencias no futuro.

Eu sempre entendín “o Plan” como o mecanismo para Ordenar o Municipio, dotar de ferramentas para un desenvolvemento harmónico, respectuoso coa natureza e que sirve para dar solucións ás necesidades da veciñanza: uso dotacional, zonas verdes, aparcadoiros, equipamentos culturais, educativos, deportivos, de insfraestruturas… En síntese, un documento para a igualdade e a cohesión parroquial e dos diversos núcleos ao longo dos 18 quilómetros cadrados cos que conta o noso Ares; un documento para todos e todas.

Tal “magna obra” debera de ser exposta, discutida e debatida polos grupos con representación municipal -que son ao cabo a representación da veciñanza- pero tamén informada, explicada e consensuada, na medida do posíbel, cos axentes sociais que traballan día a día nas tres parroquias. Só así se entende a palabra “participación” pois, aínda tendo o tándem PSOE-NAL a responsabilidade de goberno ( en base a un pacto determinado polos intereses persoais de Julio Iglesias e Luís Cendán do que nada sabe a veciñanza, e a causa do cal lastramos unha economía desastrosa que nos ten totalmente encorsetados), as consecuencias da falta de información e diálogo ímolas pagar todos e todas.

É unha mágoa que só nós, o BNG, achegásemos o documento a todos os veciños e veciñas con catro encontros públicos e abertos: Cervás, Ares, Chanteiro e Redes, e moito máis…

Tamén é mágoa que leve o documento un mes en exposición pública e aínda Julio Iglesias (PSOE) e Luís Cendán (NAL) non desen a cara e non explicasen a TODOS e TODAS o “porqué” dun documento opaco na súa concepción, non explicasen por que non atenden as necesidades reais do noso concello, por que non miran polos veciños e veciñas.

Sabemos xa cales son os seus intereses no Plan. Non é complicado situarse no documento e ver como favorecen a determinada xente e a certos concelleiros e familiares do grupo de goberno mentres impiden a elaboración dun documento baseado na realidade do noso concello que sería favorecer a todos e todas. É público e notorio.

Está demostrado que o documento contén erros de planimetría; que está incompleto ao non incluir proxectos da Deputación como a estrada Ares- Chanteiro ou a senda peonil de Ares-Redes; recorta os núcleos rurais impedindo un desenvolvemento e unha oportunidade de asentamento da veciñanza; non resolve o acceso ás instalacións portuarias, deixando como único acceso as estreitas rúas do casco urbán; ataca a serenidade do casco de Redes.

Aínda así, a pelota témola todas e todos nós. Non pechedes os ollos e non miredes para outro lado. Sexamos sensatos, esixentes e responsábeis. Neste documento está o futuro dos nosos fillos e fillas, netos e netas… eles/elas non perdoarán que non combatésemos as políticas caciquís.

Share Button