Os Plans do PSOE-NAL

Confirmado. O Concello de Ares non contará co Plan de Urbanismo (PXOM) antes das municipais, para non acusar o desgaste que lle provocaría un documento que lle dá as costas aos veciñ@s, e salva intereses persoais.

Logo das reiteradas peticións que lle fixemos chegar ao grupo de goberno para que contestase ás máis de 600 alegacións que presentamos @s veciñ@s, continúan as desculpas de PSOE e NAL para intentar xustificar o inxustificable; que logo de 9 meses non se conteste ás alegacións.

Consecuencia: non hai “parto”, o que houbo foi un “reparto suculento de poder” entre Julio Iglesias e Luis Cendán. Intereses económicos persoais en forma de garantir unha maioría absoluta para desfacer a economía, a trasparencia e a participación e facer unha política caciquíl a base de compraventa de intereses mediante subvencións, contratacións e favores.

A excusa da alianza PSOE-NAL foi  “sacar adiante a Aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal” pero a realidade é que o pretendido era “sacarse de diante a aprobación do mencionado documento” debido ao elevado número de alegacións presentadas asi como aos erros cometidos na redacción do Plan, incumprindo desta maneira o prometido por ambos partidos no seu programa electoral.

A veciñanza sofre os danos colaterais desta estratexia e tamén os membros do pleno municipal, ao acudir insólitos a un circo de participación que non é tal, no cal impera a “ditadura democrática” promovida polo goberno PSOE NAL e amparada, moitas das veces, por elementos externos á elección cidadá que coa súa práctica de mirar para outro lado consigue corromper o mesmo sistema democrático para salvagardar ao poder. Ao mesmo poder que nega os dereitos de información e de coñecemento que temos os aresáns e as aresás, como neste caso.

Porque temos dereito a saber de primeira man o que se está a cocer. Non porque queiramos comer da mesma pota, non, senón porque somos nós quen paga as patacas, os grelos e as costeletas co que se ceba o PSOE-NAL.

Share Button