Polo mantemento e gratuidade do Rexistro Civil

Nueva imagenO BNG DE ARES SOLICITA DO PLENO DO CONCELLO DE ARES UN ACORDO A PROL DO MANTEMENTO E
GRATUIDADE DO REXISTRO CIVIL

O BNG CONSIDERA INACEPTÁBEL QUE A CIDADANÍA TEÑA QUE DESPRAZARSE Á CORUÑA PARA
SOLICITAR DOCUMENTOS QUE HOXE PODE XESTIONAR EN ARES

O goberno do PP no Estado español aprobou o pasado ano o Real decreto-lei 8/2014, do 4 de xullo, que leva aparellado o traspaso dos rexistros civís aos rexistros da propiedade e mercantís. Desaparece, así, un servizo público que se prestaba gratuitamente á organización rexistral, onde se gravan cun arancel as prestacións realizadas aos usuarios e usuarias. Dese xeito, un servizo até o de agora gratuíto, acabará converténdose con case total seguranza en de pago obrigado. A este respecto, cómpre subliñar que o obxectivo do PP no seu modelo de servizos públicos privatizador é que as persoas usuarias sexan as que custeen o servizo, como xa foi introducindo na sanidade ou nos servizos sociais.

O Rexistro Civil -que no noso concello está ubicado no Xulgado de Paz de Ares- é un servizo público e gratuíto que cumpre numerosas funcións, que son indispensábeis para a vida diaria de calquera persoa: inscrición de nacementos, estado civil, cambio de nome ou sexo… Hai trámites sinxelos, mais outros requiren acudir en persoa, o que o converte nun servizo imprescindíbel. E as persoas usuarias van ser as que precisaren expedir documentos básicos para acreditar a súa situación persoal, uns documentos que, á súa vez, son obrigatorios para cobrar pensión, prestacións de servizos sociais ou axudas públicas. Para alén disto, en moitos casos terán que facer longos e custosos desprazamentos, pois recentemente confirmouse que o Rexistro vai ser asumido unicamente por aqueles que teñen competencias mercantís. O mapa, pois, na Galiza ficaría só con rexistros na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra, fronte á actual presenza dos rexistros civís en todos os concellos galegos.

Despois de ter investido inxentes recursos públicos para a modernización e dixitalización dos rexistros civís, agora póñense en mans privadas, impoñendo taxas que non ingresarán nas arcas públicas senón nas dos rexistradores/as directamente. E, a maiores, a protección de datos persoais e obrigatorios que contén o Rexistro Civil queda en evidencia ao se poñer en mans de persoal que non ten o carácter de funcionariado público nin o deber de confidencialidade. Por outra parte, é preciso non esquecer a previsíbel perda de postos de traballo de persoal dependente agora do Ministerio de Xustiza.

En base a todas as consideracións anteriores, o Grupo Municipal do BNG de Ares presentou o 7 de Abril 2015 unha moción dirixida ao pleno; na que solicita a adopción dos seguintes ACORDOS

1.-Expresar o rexeitamento ao Real decreto-lei 8/2014, do 4 de xullo, de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, instando ao Goberno do Estado español á inmediata derrogación deste Real decreto e á paralización do traspaso do Rexistro Civil aos rexistros da propiedade e mercantís.

2.-Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno central que se garanta o servizo público, a atención nos xulgados de paz e a gratuidade futura nas funcións que prestan os rexistros civís.

3.-Dar traslado deste acordo ao Goberno central e á Xunta de Galiza.

Share Button