Inclusión de camiño público no inventario municipal

Nestas datas estanse a levar unhas obras de edificación no “camiño de Pedrós” (localización no Anexo I).

Descoñecemos o proxecto da obra que se está levando a cabo na finca, pero temos dúbidas de si está a respectar o camiño da parte traseira que daría continuidade -estrada de Federico Expósito por medio- á rúa Real.

En vista a isto fixemos unha indagación ao respecto da orixe do camiño. As persoas maiores consultadas, sinaláronos que “o camiño tiña continuidade e saía ao camiño de Pedrós, por detrás da vivenda existente á outra beira do río”  atravesando esta, e que ademáis “era un camiño Real”.

A partir de aí informámonos nos Plantexamentos existentes e non vemos que o camiño esté trazado, pero a existencia do feito de “…linda con camiño público…”  nas escrituras das propiedades colindantes, levóunos a consultar no Concello o catastro do 56 onde si aparece (ANEXO 2).

Ante este feito é obriga do Concello enmendar o erro no plantexamento e documentos de referencia, e incluir no inventario municipal dito camiño, co trazado orixinal, así como delimitalo e adecentalo para que sexa transitable. Da igual xeito, a existencia do camiño pode supoñer unha nova aliñación na obra referida anteriormente.

 

Por todo o cal, SOLICITAMOS

  1. Que se inicie o procedemento para incluir no inventario municipal o Camiño Real.
  2. Que se trace o camiño no Plan Xeral de Ordenación Municipal.
  3. Que se inspecciones as obras que se están levando a cabo, por si é preciso darlle outra aliñación.

(Ver imaxes en adxunto) petición camiño de pedrós inclusión

Aprobación da 2ª Fase da estrada Ares-Chanteiro

A Deputación da Coruña aprobará, no Pleno provincial do vindeiro 29 de marzo, a segunda fase das obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 0402 Ares-Chanteiro, que suporán un investimento de 678.951, aos que haberá que sumar 47.102 € para as expropiacións necesarias.

González Formoso destacou que a actuación “completará a importante actuación que xa se está rematando no primeiro tramo, ampliando os case 5 quilómetros do viario e mellorando notablemente a seguridade para os vehículos e os peóns”.

As obras consistirán na ampliación do viario ata os 7 metros de ancho, con sobreanchos nas zonas de gran curvatura para facilitar o xiro dos coches. Ademais incluiranse beiravías e sendas peonís en ambas as dúas marxes dende o pk 3+700 até o 4+450 e só pola marxe dereita nos últimos 300 metros deste tramo da estrada.

Os traballos suporán a continuación das obras da primeira fase, coa mesma tipoloxía de sección e os mesmos materiais, completando e uniformando unha actuación integral de ampliación e mellora no vial.

A Deputación cumple; unha nova oportunidade ao goberno municipal, para que desta vez acerte.

Suso Soto e Xosé Regueira antes de comezar o pleno.

Suso Soto e Xosé Regueira antes de comezar o pleno.

Tiñamos claro que a Deputación ía cumplir coas súas políticas do POS-Plan Único e que a posición do Alcalde Julio Iglesias, alineándose xunto aos alcaldes do PP en contra da achega inicial, como criticou nun pleno, tería a resposta que BNG e PSOE defenderon no organismo provincial; máis diñeiro para os Concellos.

Na achega inicial de Setembro destináronse ao Concello de Ares 341.149,17 € e agora complétase con 172.097,21 €, facendo un total de 513.246,38 €. O Plan Único impulsado pola Deputación permitíu que Ares recibise 1.565.281,99 € no período 2017-2019.

Hai que alegrarse destas prácticas que favorecen as políticas municipais con criterios obxectivos e repartos xustos. Tanto é así, que foi aprobado por unanimidade de tódolos grupos. De igual maneira que “apretamos”, exiximos e reivindicamos á Deputación en temas como o da estrada de Chanteiro, agradecemos e aplaudimos esta nova.

Especial mención queremos facer aos deputados Suso Soto e Xosé Regueira, deputados do BNG no organismos provincial. A Suso, como home chave para poder facer realidade a estrada Ares-Chanteiro, co seu apoio e visitas contínuas mesmo antes de ter responsabilidades de goberno, reuníndose coa veciñanza da Plataforma, escoitando e trasladando as demandas, feitos que continúa facendo agora como encargado da área de Contratación e a Xosé Regueira -responsable da área de Plans-, como impulsor deste Plan Único que modernizou a relación Deputación-Concellos e fai xusto un reparto claro con criterios obxectivos.

Agora a pelota está no tellado do grupo de goberno do Concello de Ares, que debera cambiar de criterio para destinar os cartos ás necesidades reais e urxentes que temos, en troques de seguir financiando investimentos que non precisamos e unha política económica errada.

Reclamantes e anunciantes en Ares

A estrada Ares-Chanteiro deixará para a historia tantos ríos de tinta coma toneladas de asfalto. Será sinxelo analizar -co paso do tempo e revisando as hemerotecas- as accións e inaccións de cada quen.

Dende hai tempo sabemos de dous grupos. Por unha banda un colectivo veciñal e representantes políticos que reclaman e se mobilizan e pola outra banda, un colectivo veciñal que acude ás postas en escena previamente pactadas, onde outros representantes políticos queren anunciar algo, anque logo incumpren as datas.

O venres, o Presidente da Deputación anunciaba que a 1ª fase da estrada estará lista en Marzo. Facía o mesmo anuncio no mes de outubro e daquela sinalaba o fin de ano para a fin da obraDe visita institucional na Casa do Concello e ante a corporación municipal, anunciounos que a segunda fase sería tamén unha realidade no 2018.

Haberá xente que vexa unha crítica -pola nosa parte- diante desta constatación de feitos. En realidade, tratamos de pedir respecto, decencia política e cumplimento do prometido. Cuestións que quedan moi ben nas formase nos feitos, anque non quede proba gráfica nos medios.

Xa o dicía Emilio Aragón; “Menos samba e máis traballar.”

Mirador limitado no Petelo

Nestes días, Costas  está a realizar o acceso a un Mirador na zona do Petelo. Un proxecto que descoñecemos porque non nos foi notificado nas comisións correspondentes, a pesares das reiteradas peticións de información e transparencia dende o noso grupo municipal nestes anos.

Por esta razón, imos dirixirnos ao grupo de goberno para que nos informe e para que nos dé acceso ao proxecto, porque polo que poidemos comprobar na visita que realizamos hoxe -xunto co compañeiro Manuel Bello- intuímos que dito mirador podería non ser visitado por persoas con mobilidade reducida ou por pais e nais con crianzas, si é que -finalmente- o proxecto non contempla un acceso en rampa, como parece.

Hai anos realizouse unha beirarrúa no mesmo lugar cunha rampa de acceso ás escaleiras -da cal non entendemos a finalidade- ademáis de deixar as farolas no medio da beirarrúa, cuestión que advertimos no seu momento porque fai intransitable dita beirarrúa. Daquela díxosenos que “era provisional porque se ían cambiar as farolas.” Sabiamos xá daquela que “o farol” era a contestación e así estamos nunha provisionalidade perpetua.

Tan importante como facer obras é poñerlles xeito, cordura e sentido, porque si podemos utilizalas todos e todas, non ten sentido limitarlle seu uso a unha parte da veciñanza, por todo esto demandaremos unha solución que non sexa excluínte.

 

Apróbase a moción pola defensa da sanidade pública

Foto: Paula Quiroga. Publicada en "La Voz de Galicia"

Foto: Paula Quiroga. Publicada en “La Voz de Galicia”

Na última sesión plenaria aprobamos a moción que presentamos dende o BNG en defensa da sanidade pública.

A Atención Primaria foi o ámbito da sanidade pública galega que con máis intensidade sufriu os recortes.  As consecuencias son tremendas: masificación de consultas, cupos desbordados, redución
de profesionais, non substitucións, as listas de espera dunha semana, 10 días para o médico de familia, peche de axendas, saturacións, profesionais que ao ter que acudir a algunha urxencia teñen que deixar as súas consultas abandonadas durante horas, PACs ao limite…

Hai unanimidade entre sindicatos, colexios profesionais, plataformas sanitarias, organizacións profesionais, doentes… en denunciar o grave deterioro que están provocando as políticas sanitarias do Partido Popular.

No caso de Ares -ademáis-, poidemos comproban como nos afectaron estas políticas. No pasado verán, padecimos os recortes de persoal e a día de hoxe estamos a falar de listas de espera dun mes para análises. Unha situación que debe mudar para ter unha óptima sanidade.

A moción saíu adiante a pesares de contar co voto en contra do PP.

Que lle pasa ao Alcalde co colexio?

Desta vez tampouco foi. O goberno municipal contestou cunha nova negativa á proposta do BNG para incluir nos Orzamentos 2019 unha partida para a ampliación do “CPI As Mirandas” e poder sacar dos barracóns aos nenas e nenos de infantil.

En menos dun mes, contestaron ao noso grupo -e tamén ao conxunto da veciñanza mais á comunidade escolar- que para o Goberno Municipal (PSOE, NAL e Son de Ares), a urxente e necesaria ampliación do noso cole, do cole dos nenos e nenas, dos rapaces e rapazas do noso Concello, non só non é unha prioridade, senón que non é necesaria.

Había unha partida dentro do Plan de Obras da Deputación e había tamén unha oportunidade dentro dos Orzamentos Municipais recén aprobados. Dúas veces que nos dixeron, NON.

Só podemos dicir que contra do NON do goberno municipal, obsesionado en malgastar o diñeiro en infraestruturas que nin son necesarias, nin se utilizan, estará sempre o SÍ do BNG para atender ás necesidades reais que precisa o conxunto da veciñanza.

Así o faremos.

O goberno municipal dá a Bankia o que lle nega ao noso cole

-O Goberno Municipal dí “non”, unha vez máis, ás propostas do BNG.

-O pleno extraordinario celebrado no dia de hoxe, deixa ao descuberto as prioridades de cada grupo.

O goberno municipal negouse a destinar unha partida para as obras previas á ampliación do CPI “As Mirandas”, dentro do Plan Único da Deputación POS+2019.

Este feito é sumamente importante polos acordos acadados no Convenio entre o goberno municipal, Xunta de Galicia e Deputación de 2012, onde o Concello adquiría o compromiso de realizar na parcela para a ampliación “as infraestruturas adecuadas para o servizo educativo (abastecemento, saneamento, electricidade, acceso rodado, etc…) con carácter previo ao incio das obras por parte da Xunta.”

O goberno municipal negouse a defender súa proposta e a participar no debate plenario, non contestando a cada unha das cuestións que plantexamos no pleno.

A proposta plantexada polo noso grupo foi rexeitada cos votos de PSOE, NAL e Son de Ares e coa abstención do PP.

Unha parte do “Plan único” (104.405,64 €) irá destinado a Bankia, consecuencia da política económica dos últimos 10 anos e do endebedamento que xerou.

En canto ás inversións, destina unha parte á renovación da rede de saneamento na rúa María e nos Castros 213.718, 28 €, unha das nosas propostas de anos anteriores e que o goberno municipal rexeitara. Tamén adica 113.933,73 € á rehabilitación da envolvente exterior da antiga rectoral, si ben o proxecto preséntanos dúbidas que non nos foron contestadas.

Para o pagamento das débedas cos provedores destina unha cantidade de 27.924,96 €.

Dende o BNG non cesamos na nosa iniciativa, por iso presentamos no día de hoxe unha intancia para que os orzamentos municipais 2019 -que aínda non foron presentados- inclúan a partida para a proposta que hoxe rexeitaron PSOE, NAL e SON de ARES.

Sin local para as agrupacións musicais aresás

Comezaron as obras nas “Escolas do Lago” que o goberno municipal pretende adicar a actividades relacionadas con asuntos sociais, cuestión que limita a posibilidade de aproveitamento para outras actividades.

As reiteradas propostas do noso grupo (ver) para que se atendese á carencia de espazos para as agrupacións musicais aresás -Rondalla Trovadores, Bandas de gaitas, Banda de Música da A. C. Xábrega, etc…- foron desbotadas polo resto de grupos (PSOE, PP, NAL e Son de Ares).

Unha proba máis que evidente dun plantexamento equivocado, que non atende ás necesidades reais e que ademáis supón un novo despilfarro de recursos públicos ao adicar un investimento de máis de 110.000 € a uns servizos que xa contaban con espazos.