Pleno Ordinario Venres 26 de Agosto

 

 

Orde do día:

1.- Dar conta da Sentenza d 09-05-2011 Xulgado Contencioso-Administrativo núm. 1 de Ferrol.

2.- Designación Festas Locais 2012

3.- Asignación adicación exclusiva á Alcaldía

4.- Dar conta das resolucións ditadas pola Alcaldía-Presidencia, dende a celebración da anterior sesión ordinaria

5.- Moción do BNG para o control das Abusivas Comisións Bancarias

6.- Rogos e Preguntas.

Salón de Sesións do Concello de Ares

Venres, 26 de Agosto de 2011

10.00 h.

20N; Coca-Cola, Pepsi, Auga.

Anunciado está. A cita electoral pola cal se vai renovar a presenza de deputados e deputadas no congreso do estado español será o 20 de Novembro. Zapatero adiántase á súa propia data de caducidade.

Tal día iremos aos colexios electorais a introducir nas furnas, a nosa vontade expresada mediante o voto. Somos parte dun todo. Pero non só se trata de escoller, trátase certamente de decidir. O voto de todos e todas nós, é a nosa decisión e como tal debemos escoller entre “a marca” e “o elemento”, entre o que nos queren vender e o que necesitamos.

Nestes tempos de intoxicación informativa, de mesturas entre opinión, información…, do todo vale se vende, porque o mercado marca as pautas de planificación, acción e comportamento, nestes tempos digo, cómpre facer un esforzo e mirar a importancia do noso voto. Para que o resultado non sexa de estilo valenciá, onde a correa de trasmisión da sociedade hacia a política son as malas prácticas. Como senón, se explica que a calaña que fai traxes á medida dos seus intereses, saian reforzados logo de probarse as malas prácticas. En que medida é corrupta a clase política, que recibe o apoio maioritario da sociedade, ou de que maneira é responsable a sociedade que decide os resultados?

Estou seguro que non repararon vostedes, amables lectores, entre o valor da diferenza ou da igualdade, do mesmo ou do distinto…

Fíxenlle a moita xente estas preguntas,

Dime o contrario:

-Blanco ou…?

-Real Madrid ou…?

-Movistar ou…?

-BBVA ou…?

-Coca Cola ou…?

-PSOE…?

-Diario El País…?

O 90% da xente, e seguro que vostedes tamén, coincidiron nas respostas; Negro, Barça, Vodafone, Santander, Pepsi, PP, El Mundo… E aínda hai xente que non sabe o que estes “grandes” negocian nos altos despachos; dereitos de televisión, comisións bancarias, tarifas pactadas, acordos de non colisión… todo para manter o seu sistema.

No noso imaxinario está o par, a sociedade camiña hacia o si/non, de maneira que a alternancia é aceptada como a situación idónea ante un caso de “mal acomodo” cunha das opcións. Un erro que nos leva ao superficial, a fuxir dunha “marca” que non do “elemento que sostén esa e outras marcas”, un erro que non permite outros modelos e contrastes, reflexións e análise.

O bipartidismo é o resultado político desta maneira cadrada de pensamento.

Por iso digo sempre que non todos son iguais, hai marcas e hai elementos.

A representación galega ten en Madrid dúas marcas e un elemento. As marcas PP e PSOE son como a Pepsi  e a Coca-Cola, anque se diferencian no sabor, teñen en común o elemento (a cola) e son capaces de dirixir subprodutos con tal de competir, por igual claro, coa competencia –que non é tal-, e asi vimos como nestes catro últimos anos, o goberno ZP vendeu Coca-Cola Zero, que non é Coca-Cola, xa que carece de certos ingredientes,“socialista e obrero”, para ser sinxelamente PE (Partido Español) que é  o máis parecido ao PP, dúas letras e na primeira, P”.

Caso contrario ao do BNG que é o elemento: a auga. O común é que a xente entre nun bar e pida o elemento, cando se trata da auga, e unha marca cando se trate dun refresco de cola. Cousa curiosa.

Hai BNG porque hai unha realidade cultural, histórica, lingüística…, logo hai vida. E hai vida porque hai unha realidade. Ata os americanos, que son os máis avanzados nestas cousas do espazo, chegan á conclusión de que en Marte hai vida, porque hai auga. Por non dicir dos consellos dos maiores, sabiduría popular, “hai que ir ás fontes…”

Queremos ter presenza e, polo tanto, vida en Madrid? Queremos que a nosa voz, a da realidade do que somos, se escoite e se respecte en Madrid?

Pidamos o elemento que necesitamos e deixémonos de marcas que vende o mercado. Se temos que elexir entre o Blanco e o Negro elexiremos o Azul. Nen ausencia de cores, nen mesturas de todas. Ceo e mar. A realidade que bica a nosa terra. Outro mundo é posible.

Quen o ten que cambiar? A solución está reflexada no 20N… N0s

Máis claro…

Toma de Posesión dos Concelleiros e Concelleiras

O pasado sábado 11 de Xuño, tomamos posesión do cargo de concelleiros.  Representando ao BNG acompáñame o compañeiro Anxo Fdez. “o gemelo”.

Foi un acto curto e formal; toma de posesión, constitución do pleno e nomeamento de Alcalde.

Nós, intervimos para dar conta aos asistentes da decisión tomada pola nosa Asemblea, de non presentar candidato á elección de Alcalde. A votación resolveuse con 6 votos para o candidato Julio Iglesias, 4 para Manuel Cendán e 1 para Luís Cendán, resultando Alcalde o candidato do PSOE, Julio Iglesias, que gobernará en minoría con 6 concelleiros-concelleiras.

Por diante queda toda unha lexislatura. Dende o BNG imos traballar -dende a oposición- para defender os temas importantes que incluimos no noso programa de goberno e que son aqueles, que van ser quen de sentar as bases do futuro do noso Concello. Estaremos vixiantes ás políticas do goberno, defendendo -como non podía ser doutro xeito- os intereses xerais por riba dos particulares e partidistas.

A Candidatura Persoa a Persoa. Fina Fernández

Emilio con FinaFina Fernández Pérez ( 55 anos, Lubre, traballadora ) sabe do esforzo de ser muller, do pequeno que se fai o día ás veces para poder realizar as tarefas da casa, andar na horta, traballar fóra para axudar a manter a economía familiar…..; sen esquecer a súa entrega á organización das festas de Lubre. Con todo iso, foi quén de tomar hai algúns anos a decisión de adicarlle ao traballo político parte do seu tempo ( que non sei de onde quita, por certo… ) dentro do BNG de Ares, do que forma parte do seu Consello Local.

Fina pertence ao que poidéramos chamar rural do noso concello; e por iso sabe moi ben das carencias e necesidades dos servizos básicos. Lembra, por exemplo, a campaña feita desde o BNG para exixir o amaño da penosa situación da rede viaria; e que obrigou ao actual goberno municipal a asumir esa prioridade, executando varias actuacións; pero lembra tamén que queda aínda moito por facer para deixar os camiños públicos en condicións. De feito, nunha volta que damos polos camiños de Lubre, podemos ver que por aquí non chegaron as máquinas a limpar os camiños ¿ será que agardan ao día do patrón…?

Falamos tamén do abastecimento de auga a Lubre, e comenta con fachenda a reunión veciñal que o BNG fixera hai un par de anos no adro da igrexa de Lubre – onde volveremos a estar o domingo dia 8 ás 10,30 nun acto do BNG – para informar da demanda que o BNG estaba a facer, dentro e fóra do concello, co fin de conseguir a execución do proxecto de abastecimento a Cervás, Chanteiro e Lubre. Fina sabe, como sabemos moitas e moitos, que sen ese traballo de anos feito polo BNG para exixir a dotación de servizos básicos a todos os núcleos do concello, aínda estariamos agardando….

Comentamos tamén o despoboamento do rural – en Lubre sábese algo disto – que foi motivado en grande parte á falla de perspectivas e declive á actividade  agrícola á que se adicaba moita xente do lugar. Pero tamén en parte motivado pola falta de servizos aos que xá fixemos referencia e, todo hai que dicilo, tamén á carencia dun Plan de Urbanismo que ordene o territorio, desenvolva os servizos básicos e, nunha palabra, permita un mínimo de calidade de vida.

Pero Fina coñece tamén o casco urbano de Ares, e laméntase do mal estado que teñen algúns servizos, por exemplo, a rede de saneamento; que nalgunhas zonas está nun estado crítico. Lembra, por exemplo, que foi o BNG o que situóu esta cuestión como prioritaria na actual corporación; propoñendo unha actuación plurianual para a reposición dos servizos básicos nas rúas da vila de Ares. E conseguíuse, coa iniciativa do BNG, que varias anualidades dos plans de obras e servizos se adicasen a esta finalidade, a máis recente coa reposición de servizos e pavimentación dun tramo da Rúa María. Pero aínda queda moito por facer.

 Por iso Fina vé sempre as cousas desde a perspectiva crítica, pero con vontade de transformalas. Porque sabe que sen esforzo e sen compromiso non hai conquistas. E asume, como muller e veciña de Lubre, que só hai futuro se se goberna coa xente e para a xente. Por iso está no BNG.

A estrada de Chanteiro: facer posíbel o que é necesario

A frase non é miña, pero ven ao caso. O certo é que – agás para quen se incorporou a última hora ás preocupacións das nosas cousas – a demanda do amaño da estrada que vai de Ares a Chanteiro é unha vella, reiterada e, sobre todo, necesaria demanda. No meu caso, coñecida antes, e padecida desque fixei a miña residencia en Cervás; como poiden explicarlles “in situ” ás compañeiras e compañeiros da candidatura do BNG cando a mediados da semana visitamos esta vía de comunicación.

Explicando o proxecto

Unha ocasión que non só nos permitíu visualizar do xeito máis directo posíbel as deficiencias desta estrada – as estruturais, e tamén as derivadas das obras da EDAR, que van pola estrada – senón tamén explicar o contido do proxecto que a Deputación de A Coruña ten previsto executar; que xá fora adiantado hai agora un ano aproximadamente polo Vicepresidente da institución, o nacionalista Pablo Villamar. Tamén naquel momento tíñase valorado a idoneidade de agardar a que se fixesen as obras de canalización do abastecimento a Cervás – pendentes de executar pola Xunta – para acometer a ampliación e dotación de servizos na estrada.

 Alguén comentaba, durante a visita, a perigosidade da estrada, como resultado do escaso ancho da calzada ( reducido incluso nas obras de asfaltado realizadas nos anos 90) asi como a escasa visibilidade en algúns tramos e tamén o intenso traballo de reivindicación das obras que o BNG sempre abandeirou; como proban as iniciativas que o daquela Portavoz do BNG na Deputación, o noso compañeiro Manolo, facía para que a institución asumise esta obra como prioritaria. (ver documento adxunto)

Unha longa reivindicación que, como dixo o compañeiro Anxo -persoa que ben sabe como foi todo o proceso ao estar do lado dos veciños e veciñas de Chanteiro neste e outros temas- semella descoñecer o actual grupo de goberno; se nos atemos á información que fica recollida nunha nota de prensa da web municipal do pasado dia 8 ( que, curiosamente, figuraba xá o día anterior literalmente pendurada do blog persoal do Alcalde ) ocultando intencionadamente que foi Pablo Villamar o que persoalmente asumira xá no ano 2008 perante a Comisión Veciñal de Chanteiro o compromiso de que se realizase o proxecto técnico da obra e, sobor de todo, se incluise dentro dos plans da Deputación, como así se fixo. Todo un exemplo, unha vez máis, de manipulación entre o ámbito institucional e partidario, ese “cóctel perigoso” ao que tantas veces  nos teñen acostumados.

Agora, cando se lle están a remitir as comunicacións aos propietarios dos terreos afectados, botouse en falta tamén máis información por parte da institución municipal que, precisamente logo dunha demanda que se fixo desde o BNG, puxo a disposición da xente o proxecto técnico das obras que se van a realizar. E que, unha vez máis, a política de “información e transparencia” exércese só para o protagonismo e autobombo; máis poucas veces para darlle á xente a información que verdadeiramente precisa.

Pero volvo ao proxecto que se vai executar; seguramente un dos máis importantes ( tamén en investimento económico ) a realizar na rede viaria do concello de Ares. E un dos que vai permitir mellorar as comunicacións de tres núcleos importantes do concello – Chanteiro, Cervás e Lubre – coa vila e tamén co exterior. Unha obra fundamental para garantir a seguridade vial e os accesos en condicións aos máis singulares paraxes do ponto de vista natural, como é toda a costa que vai de Ares a Chanteiro, con Coitelada, O Segaño e a praia de Chanteiro como referentes. Ou ás mais importantes xoias arquitectónicas, como o Mosteiro de Sta. Catarina de Montefaro, ou as antigas baterías militares situadas en toda esa península.

Reinvindicar, pois, a urxente execución do abastecimento en Cervás; e urxir a posterior execución das obras da estrada Ares-Chanteiro. Aí estará – como estivo ata agora – un dos eixos a desenvolver polo BNG, aínda que neste caso será desde o goberno municipal a partir do vindeiro 22 de Maio.  Como a estrada de Ares a Chanteiro, hai que facer posíbel o que é necesario.

Coa ria saneada, hai futuro

O pasado Martes, as compañeiras e compañeiros que conformamos a candidatura do BNG de Ares comezamos unha xeira de visitas polo noso concello, situándonos “a pé de obra” das cousas que lle preocupan á xente, que son en definitiva as que lle preocupan ao BNG.

Eliximos .- e non foi por azar – a visita ás obras de saneamento e depuración que se están a executar actualmente na zona de Avarenta, en Chanteiro, e tamén as que afectan á fachada marítima de Ares. Unhas obras que, logo da reivindicación de moitos anos, conseguimos comprometer por parte da Xunta; e que deberían de facerse realidade no vindeiro ano.
É, seguramente, a obra máis importante ( non só polo custo económico ) que se vai executar en Ares; pero convén lembrar aquí que esta conquista foino precisamente pola presión política e social que durante moitos anos estivemos a facer, nomeadamente desde o BNG.

Lembrábame algún compañeiro mentras ollábamos os traballos, as primeiras reunións a finais dos 80 que o daquela Alcalde de Ares – o noso compañeiro Manolo – tivera cos concellos de toda a ría para reivindicar perante a Xunta o saneamento e depuración.
Logo virian tamén as propostas que durante moitos anos as deputadas e deputados da nosa organización levaban ao Parlamento Galego para que se abordase esta actuación. E así, ata que finalmente no ano 2000 a Xunta fala por primeira vez dun proxecto concreto.

E pensei que todo este esforzo foi, ao fin e ao cabo, o que tamén permitíu que a nosa ría non se atopase nese grupo das que a UE acaba de sancionar, precisamente por non teren resolto a depuración das augas residuais; tal e como recolleron os medios de comunicación. Máis unha vez, a forza da xente é a que vai construindo o presente e o futuro.
Lembrei tamén o intenso traballo que fixo a Comisión Veciñal de Chanteiro – co compañeiro Anxo en primeira fila – por concretar un compromiso real e efectivo para que o saneamento e abastecimento de Chanteiro fosen en paralelo ao proxecto da EDAR, evitando o paradoxo que sería que este núcleo – que vai asumir o saneamento e depuración de tres concellos – estivese sen os servizos básicos.
E dinme de conta do enorme esforzo e paciencia que as veciñas e veciños afectados polas obras, sobre todo en Chanteiro, están a mostrar. Pensei que, como nos pasa a nós, pesa máis nesa actitude a idea de ter unha ria limpa e saneada; que os contratempos derivados da execución das obras.


Sei tamén que habemos de estar vixiantes para o cumprimento dos prazos e para que o proxecto sexa operativo canto antes. Aí estamos.
Pero para esa nova etapa convén irmos pensando xá en proxectos e iniciativas que, agora sí, permitan realmenten poñer en valor o potencial da ría, non só natural ou turístico, senón fundamentalmente económico. Porque, tamén coa ría saneada, en Ares hai futuro.

En Ares non te pares: Obxectivo dunha nova política de emprego

Estes días saía a nova relativa ao paro na comarca. En primeiro lugar, debemos destacar que esta “grande lacra” segue a ocupar o primeiro posto no nivel de preocupacións da nosa sociedade, o cal imprime certa importancia á noticia.

Os datos do Paro son o termómetro que mide as temperaturas ao respecto das políticas económicas e laborais dos concellos, do país e do estado. O noso concello presenta un cadro febril alto e constante.

Pois ben, segundo os datos publicados e en relación có noso concello e comarca, constátase que as decisións politicas que impiden o dereito a producir e a traballar na nosa terra, a saber; prohibición á antiga Astano á produción de buques civís, Decreto do Carbón ou as malchamadas políticas de reindustralización, que semellan mais ben de “retroindustrialización”, son o xerme dunha parálise produtiva e polo tanto da parálise no desenvolvemento económico e social da nosa comarca.

Pero ademáis, temos a particularidade de que en Ares aumenta tamén o número de parados e paradas nun sector, o de servizos, que é un dos alicerces básicos para poder avanzar no desenvolvemento económico, na creación de emprego e na consolidación de poboación. Eixos básicos para definir e planificar o modelo de concello que precisamos.

Claro que nestes datos non están os homes e mulleres que atopan traballo noutras zonas do estado ou no estranxeiro. Importante é o número de persoas que traballan “nos muiños de vento”, amigos, familiares e veciños, ao cabo, que sofren tamén dalgunha maneira os danos colaterais da famosa foto na toma de posesión do Presidente Feijoó, recibindo os parabéns dun importante persoeiro do sector das eléctricas e que foi un chanzo máis da estratexia planificada dende o PP e que tiveron eco nos medios de intoxicación escrita.

Convén recordar a colo disto que recentemente unha sentenza do TXdG botou por baixo aqueles intentos (intentar) de que as afirmacións do PP ao respecto da ilegalidade do Decreto Eólico dos nacionalistas enturviasen o verdadeiro motivo do Decreto: “Polo dereito a traballar, a producir e a desenvolver a nosa economía tamén cós nosos propios recursos”.

Certo é que as competencias no campo do emprego dos concellos son máis que limitadas, escasas. Certo é que recentemente o presidente Feijoó considerou que non tiña competencias para abordar o tema do paro no noso país. Poderiamos precisar que resulta incompetente mais o certo é que, ademáis, resulta incomprensible.

Pero supoñer que os que teñen a tixola polo mango neste campo e que son os mesmos responsables na destrución e na “non creación” de emprego, Goberno do Partido (socialista, obrero) Español, van ser os catalizadores que arranxen este problema de “funcionalidade motórica” sería moito supoñer.

O que nos queda é o que debemos: ACTUAR.

O noso concello debe activarse máis que nunca na loita contra estas medidas políticas que agreden os nosos sectores produtivos; o noso propio ser. Ademáis debe activar mecanismos para apoio a eses sectores que forman parte do noso tecido produtivo, nomeadamente o comercio (esquecido durante moitos anos) e a hostelería.

Nunha reunión que mantivemos recentemente con Autónomos e Empresarios do sector do comercio e hostelería, constatáronos a falta de información e apoio por parte dos departamentos municipais. Xa que logo, estamos no certo cando dicimos que é necesaria unha reorientación das políticas a dirixir na Axencia de Desenvolvemento Local.

Penso que é preciso políticas de apoio á formación en sectores como comercio e a hostelería, á potenciación e promoción do Mercado Municipal tal e como viña apuntando o BNG no programa electoral de 2007. O fomento do asociacionismo comercial, o Desenvolvemento dun Plan de Recursos Turísticos, partindo do potencial que representa o noso patrimonio histórico-artístico e natural, as nosas tradicións, a política cultural e deportiva, etc. Neste campo, apostamos porque os programas a desenvolver superen a oferta estacional, abrindo e diversificando os mesmos durante todas as épocas do ano. A realizacion –en colaboración coa Xunta– de programas formativos para o comercio de proximidade, que implique melloras na calidade, xestión e administración…

Considero necesario tamén, que o concello conte cunha contratación de persoal obxectiva e transparente, onde primen criterios de capacidade, publicidade e méritos á hora de facer convocatorias de persoal ao servizo do concello.

En resumo: máis políticas activas de emprego, máis preocupación real polos nosos sectores potenciais e pola situación laboral da nosa xente e menos propaganda partidista.

Unha ciavoga certeira que abandone as politicas municipais que se veñen rexistrando en Ares nos últimos anos.