Ola a todos e todas, son Emilio Mesías Farías. O fillo pequeno de Felín e de Fina Farías. Así é como nos coñecemos en Ares, unha forma sinxela que responde a dúas cuestións básicas: quen son e de onde veño.

Gozo bebendo das fontes das tradicións e da nosa historia, desa historia que é local coma estas eleccións. Gozo tamén do traballo en equipo e dos retos que veñen sendo, ao cabo, os obxectivos que nos marcamos para demostrarnos que é posible mellorar, que é posible facer cousas polo común e que ademáis é altamente saudable e recomendable. O grao de satisfación que se acada ao ver cumplidos os obxectivos non ten, afortunamente, valor material, pero dá vida, osixena o corpo e abre corazóns e mentes.
O BNG depositou en mín a confianza para encabezar a candidatura ás Eleccións Municipais, detalle que recollo con agradecemento e tamén cun compromiso firme, esto é: traballar arreo para acadar os retos que me se plantexan.

Digo moitas veces que as cousas non caen do ceo. O que cae do ceo é a chúvia, se algo queremos teremos que mollarnos, por iso estamos aquí, acadando compromisos cunha organización coa que me identifico plenamente e cunha veciñanza á cal quero e da cal formo parte. Vivir en sociedade implica comportamentos, respecto, traballo, participación, compromisos… son eixos fundamentais da maneira de facer política da organización á cal vou representar e son tamén os alicerces que teño presentes nas encomendas que se me plantexan tanto no ámbito político, social, persoal ou laboral.

A aportación que podo facer no ámbito municipal baséase na implicación directa que sempre tiven nos movementos asociativos, culturais e musicais. Esto é, nun coñecemento pleno das institucións e do movemento asociativo que vertebra, día a día, o funcionamento social deste noso pobo. Un coñecemento das necesidades da xente, das infraestruturas que son necesarias para facer camiño, dun plantexamento lóxico en calquera análise dunha entidade que xestiona. Temos que deseñar o modelo de Concello que queremos, que podemos e que necesitamos. Cos pés no chan. Coa realidade do que temos, do que podemos e do que queremos. Porque isto si o temos claro no BNG-Asembleas Abertas.

A única maneira de acadar obxectivos políticos e facendo Política con maiúsculas. Sabemos que non corren bós tempos, que “non vende”, pero a realidade está aí: a política non é conformismo barato, non é linguaxe tabernaria, non é propaganda, non son personalismos. A –nosa- política son as ideas, o traballo, o debate, o programa. Os ouvidos e os ollos da realidade cotiá, dos veciños e veciñas que aportan ideas, que claman necesidades e que esixen trasparencia na rexeneración interna da administración local, nunha política económica racional e austera e, sobor de todo, na definición dun modelo urbanístico sustentable, que solucione as grandes eivas que hoxe temos a nível de infraestruturas básicas: educativas, sanitarias, culturais…..

Emilio Mesías, Ares (1973), é Porfesor de Música no Conservatorio de Danza de Lugo. É ademáis, Titulado Profesional en Gaita Galega, ligado dende moi novo aos movementos asociativos, musicais e culturais da Vila de Ares, participou na fundación da Banda de Gaitas de Ares, na Rondalla Trovadores, foi director e organista do Coro Parroquial, integrante da Coral “Areas do Mar” do Casino Aresán… Algunha das súas composicións para Gaita-Piano publicadas no Caderno “Empezares” (2006) son estudadas nos Conservatorios de Música na especialidade de Gaita Galega. Foi Presidente e membro fundador da Asociación Cultural Xábrega onde desevolveu un importante traballo divulgador da cultura aresá así como un dos impulsores da escola de música e Banda da propia asociación.

Share Button
 

Comentarios pechados.