CHARLA COLOQUIO: O TRABALLO DO BNG EN MADRID

5:48 pm Sen clasificar

Un BNG con máis forza en Madrid será clave para a inversión do estado en Bueu

Paco Rodríguez e Felix Juncal manterán unha charla-coloquio na vila o vindeiro xoves

Demostrar que o voto do BNG foi e será o voto útil para Galiza e para Bueu nas eleccións xerais. Este é o obxectivo que se marca a organización nacionalista de cara a transladar o que foi o seu traballo nas Cortes do Estado na última lexislatura. Para iso aproveitará os diferentes actos de precampaña no Morrazo para dar conta da actividade levada a cabo polos seus dous representantes, Olaia Fernández Dávila, que repetirá como cabeza de cartel por Pontevedra, e Francisco Rodríguez Sánchez.

Será precisamente o portavoz no Congreso durante a última lexislatura o que, xunto ao número catro da lista e alcalde de Bueu, Félix Juncal Novas, manterán unha charla-coloquio na que darán conta do feito en Madrid ademais dos retos que se lle presentan á cidadania buenense nos vindeiros comicios. O acto terá lugar o vindeiro xoves sete de febreiro no Centro Social do Mar de Bueu a partires das oito da tarde.

Nel farase un repaso xeral ao que foi a actividade no parlamento español, que incluiu aspectos como a lingua ,os sectores produtivos galegos así como as infraestructuras. Ademais o BNG realizou aportacións importantes a proxectos de lei que se levaron a cabo nesta lexislatura: o do Estatuto dos Traballadores, con trasnacionais que recoñecen como accidentes de traballo as lesións derivadas da actividade laboral,a lei de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, na cal se defenderon as competencias exclusivas das CCAA e a necesidade de incluir partidas anuais nos orzamentos xerais do Estado.

Incidirase tamén nos fitos conseguidos grazas ás negociacións que levou a cabo o BNG de maneira bilateral co goberno do PSOE. Estas serviron para iniciar e facer efectivo a transferencia de determinadas competencias que terán relevancia para Bueu –como por exemplo a do Instituto Social da Mariña- .Tamén permitiron asignar nunha última negociación dos orzamentos do Estado unha partida de cento catro millóns de euros para Galiza, con 200.000 € para a recuperación das praias de Agrelo e Lapamán, así como o destino de dous millóns de euros para a seguridade e mantemento das estradas estatais da provincia. No parlamento español tamén se elaboraron proposicións non de lei para a supresión da peaxe de Rande e para alcanzar un acordo na negociación con Marrocos dun acordo pesqueiro que beneficiase a frota do Morrazo.

O BNG, nun marco no que non se van dar maiorias absolutas, quere seguir sendo decisivo no goberno do estado para que os ambiciosos proxectos que se queren levar a cabo por parte do executivo local poidan contar tanto con financiamento como con apoio por parte da administración central. Deste modo proxectos coma o paseo marítimo de Montero Ríos ou o paseo fluvial, sen esquecernos das recuperacións dos areais como o da Banda do Río ou Pescadoira poden precisar dun esforzo inversor que o BNG negocie co inquilino da Moncloa.