Proxectos de lei con melloras do BNG
Febreiro 4, 2008 6:04 pm Sen clasificarPROXECTOS DE LEI CON MELLORAS APORTADAS POLO BNG:
- Proxecto de lei de garantías e uso racional dos medicamentos. Aportación do BNG: propostas que contribúen a unha maior claridade no relativo á custodia, conservación e dispensación de medicamentos. Estenden o alfabeto braille para o fácil acceso das persoas cegas aos fármacos, e tamén o uso do galego e outras linguas cooficiais na impresión das receitas. Salientan o conxunto de emendas no ámbito do recoñecemento do papel das CC.AA: importante a presenza das autonomías no Consello Reitor da Axencia Española do Medicamento, na obriga do Ministerio de Sanidade de comunicar ás CC.AA as resolucións acordadas en cada reunión do Consello Interterritorial sobre os prezos dos fármacos.
- Proxecto de lei orgánica para a Igualdade efectiva de mulleres e homes. Aportacións do BNG: nesta lei o BNG viu reflectidas boa parte das súas emendas a través de transaccionais con outros grupos: o recoñecemento do dereito a desfrutar dos permisos de paternidade e a percibir as cotizacións correspondentes ás traballadoras autónomas e ás que pertencen a rexímenes especiais da Seguridade Social. O reforzo da seguridade xurídica e as garantías dos/as traballadores/as despois da volta dunha excedencia ou permiso.
- Proxecto de lei do Estatuto Básico do Empregado Público: aquí se lograron melloras relacionadas cos aspeitos lingüísticos e relacionados con incrementos salariais para os interinos, en liña co demandado pola CIG. Que a formación dos funcionarios se contemple preferentemente en horario laboral. Importante que o BNG conseguise a modificación do artigo 25 para que os funcionarios interinos perciban as retribucións básicas e as pagas extraordinarias correspondentes ao grupo de adscrición, así como as retribucións complementares e as relativas á categoría de entrada na escala. No referente aos principios de conduta dos funcionarios, o BNG logrou engadir un novo punto que dí que os funcionarios garantirán a atención aos cidadáns na lingua que o soliciten sempre que sexa oficial no territorio.
- Proxecto de lei de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia. O BNG transaccionou cos demais grupos da Cámara unha serie de emendas. Importante o logrado en materia competencial xa que supoñen un maior respecto ás competencias exclusivas que en materia de servizos sociais teñen as CC.AA. Salientábel as modificacións introducidas na definición da Creación dun Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, na que se recoñece a igualdade de oportunidades, e non discriminación e a universalidade das prestacións. Tamén salientan as melloras introducidas no capítulo do financiamento: relevante que se recolla que os recursos económicos se fixarán anualmente nos Orzamentos Xerais do Estado e tamén nos Convenios a asinar coas CC.AA. Así como a incorporación, a proposta do BNG, do recoñecemento da situación de dependencia das persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental.
- Estatuto dos Emigrantes: as propostas do BNG incluídas neste Estatuto abranguen melloras de índole social, político-xurídico e cultural. Incorporouse o referente a garantir a igualdade de todos os partidos políticos á hora de concorrer ás eleccións, asegurar a transparecencia no momento de depositar o voto e a posta a disposición das Embaixadas e Consulados para poder ejercer o voto. No social, destaca a inclusión do apoio e impulso ás asociacións que teñen infraestrutura para atender ás persoas maiores. Facilitar o acceso dos emigrantes en situación de dificultade á rede sanitaria dos países nos que habitan. No cultural, o BNG logrou sacar adiante algunhas emendas que recollen a necesidade de estallar o coñecemento da lingua galega no exterior.
- Proxecto de lei reguladora dos dereitos e deberes da Garda Civil e a do réxime disciplinar: o grupo de propostas do BNG que saíron adiante inciden e melloran diversos aspectos relacionados co asociacionismo da Garda Civil, melloras sobre o dereito de reunión e manifestación, sobre a liberdade de desprazamento, a residencia e o domicilio e os dereitos das asociacións profesionais representativas.
- Proxecto de lei de Desenvolvemento Sostíbel do Medio Rural. O BNG non respaldou esta lei na súa última votación, abstívose xa que considera que esta materia está atribuída ás CC.AA. Introduciu algunhas melloras a través de transaccionais pactadas con outros grupos parlamentares. Case todo incide na liña do respecto competencial, como o feito de que a elaboración do Programa de Desenvolvemento Rural se faga en coordinación coas CC.AA. Aínda así critica que siga existindo invasión competencial a pesar das melloras.
- Proxecto de lei da Lectura, do Libro e das Bibliotecas. As melloras introducidas polo BNG van encamiñadas a corrixir a invasión de competencias autonómicas. Por exemplo que o libro estará en castelán e en todas as linguas cooficiais do Estado. Tamén as relativas ás campañas de promoción de autores españois para que se expresen en todas as linguas do Estado. Aceitouse que se elimine a acepción de “Premios Nacionais”. Máis colaboración e coordenación coas CC.AA nesta materia que consideramos deberían estar nas mans dos Gobernos autonómicos.
- Proxecto de lei de Carreira Militar. Conxunto de propostas que atinxen a melloras laborais e de promoción interna dos militares de complemento. É de subliñar a que di que os militares de complemento e os de tropa e mariñeiría que teñan unha relación laboral de carácter temporal “se atoparán en situación legal de desemprego a efectos de protección social cando rematen o compromiso subscrito”. Ademais, da relativa a que o Ministerio de Defensa xestionará con institucións públicas e entidades privadas accións orientadas á incorporación laboral dos militares de complemento e dos de tropa. Tamén que os militares de complemento que teñan rematado o seu compromiso coas Forzas Armadas poidan solicitar a súa incorporación como reservistas. Así como a que dí que estes militares poderán acceder por promoción interna ao ensino militar de formación para a incorporación ás diversas escalas de oficiais. Ademais doutras na mesma liña de promoción interna.
- Proxecto de lei do divorcio. Trátase de transaccionais con outros grupos parlamentares como o relativo á garda e custodia dos fillos, sempre que haxa acordo previo entre os proxenitores e o relativo á creación dun Fundo de Compensación para facer fronte ao impago das pensións alimenticias.
- Proxecto de lei de Tropa e Mariñeiría. Coas aportacións do BNG supuxo a derrogación dos artigos da normativa de 1.999 pola que se despedía a estes militares e aos de complemento, no primeiro caso con 35 anos e no segundo con 38, con doce anos de servizo. O BNG conseguiu que os compromisos de longa duración no Exército fosen até os 45 anos e non até os 42 como plantexaba a lei nun principio. Outra das melloras laborais logradas polo BNG, xunto con outros grupos, é unha adición para que este militares que ao finalizaren a súa relación de servizos coas Forzas Armadas estivesen incapacitados por accidente ou enfermidade ou en situación de embaraza, parto ou postparto, non causen baixa nas Forzas Armadas até que finalice esa situación de incapacidade. En resumidas contas, o BNG posibilitou unha serie de melloras laborais nesta lei.
- Proxecto de Lei do Estatuto do Traballador Autónomo. As propostas do BNG incluídas e transaccionadas con outros grupos parlamentares van na dirección de reforzar o nivel de protección público dos autónomos. Así recoñécense como accidentes de traballo distintas lesións derivadas da actividade laboral. Igual que o feito de que o réxime de seguridade social dos autónomos converxerá en dereitos e prestacións aos existentes para os pertencentes ao réxime xeral.
- Proxecto de lei do cinema. Nesta lei salienta o logrado polo BNG na dirección de potenciación da lingua e da cultura. Se a Xunta fai un esforzo financeiro similar ao do Estado pode haber un fondo do Estado para a colaboración nas producións en linguas propias. Ou os pasos positivos que se dan para asumir que o cinema en lingua galega, catalán e vasca debe ter un papel primordial na protección como excepción cultural, e que esa protección non debe ser só das CC.AA senón tamén da Administración central. En resumen, o BNG foi a voz das demandas dos produtores galegos independentes e logrou consensuar e acordar moitas das súas propostas co grupo socialista.
- LOE. O BNG abstívose nesta lei pero aínda así logrou introducir algunhas das súas propostas. Trátase dun paquete de emendas relativas á mellora da xubilación anticipada voluntaria do profesorado non universitario. Son unhas propostas que redundan na mellora dos requisitos de acceso a este dereito e remata coas discriminacións. Con esta medida o dereito á xubilación anticipada pasará a ter un carácter estábel e será prorrogábel até o ano 2012, a partir de aí só terá que revisarse de acordo coas CC.AA. Poderán acollerse á xubilación anticipada os funcionarios de corpos docentes que teñan 60 anos cumpridos e con 15 anos de servizos efectivos. Tamén, grazas ao BNG, poderán acceder á xubilación anticipada os funcionarios acollidos a réximes distintos da Seguridade Social.
