Quintana pide en Bueu o traspaso do salvamento marítimo a Galiza

12:09 pm Sen clasificar

Davila asegura que “con gobernos sen maiorías absolutas, o papel dos nacionalistas será decisivo”

Bueu, 24 Febreiro 08.- O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, asegurou hoxe nun mitin en Bueu que o nacionalismo galego ofrece o seu “compromiso para, desde a nosa forza en Madrid, solucionar o problema do Salvamento Marítimo porque, non ten sentido que estando o mar aquí se siga xestionan a 1.000 quilómetros de distancia”.

“É de Xustiza que Galiza teña as competencias para defender mellor as nosas costas. O mar está aquí”Lembrou que Núñez Feijóo aínda insistíu onte na idea dunha axencia de Salvamento Marítimo estatal, polo que Quintana argumentou o “sinsentido” desta proposta e afirmou que “é de xustiza que Galiza teña as competencias para defender mellor as nosas costas. O mar está aqui”, continuou, “e que din o Partido Popular e o Partido Socialista: Madrid, Madrid, Madrid, mentres que o BNG di Galiza, Galiza, Galiza”.

Quintana conversa con Davila e Clara Millán, alcaldesa de Cangas

Se somos decisivos, tal e como destacou Quintana, “Salvamento Marítimo será competencia galega”, ao tempo que aclarou que “é algo que di a maioría da sociedade galega” e aludíu ao aniversario da mobilización masiva de galegos e galegas en Madrid reclamandon esta competencia e “para pór en valor o noso orgullo de sermos galegos e a nosa dignidade como pobo”.

“Nin daquela nin agora rendimos pleitesía ao PP nin ao PSOE. Pensamos en Galiza” e apuntou que “agora o que toca é Galiza, o orgullo de sermos galegos e actuar coma tales”.

Debater por principios democráticos

Quintana aludíu na súa intervención ao debate que se celebrará na TVG o vindeiro día 27 e asegurou que “a política é algo máis que xogo electoralista, debe ser un exercicio de principios, valores e ideas”, polo que defendeu a necesidade de “debater, porque non todo é igual, para o BNG non todo vale”.

Nesta liña, o portavoz nacional lanzou unha mensaxe clara: “o BNG vai ir, coma sempre foi, sen condicións. Non imos por cálculo eleitoral, senón por principios democráticos, por compromiso”.

“Éme igual o tempo, onde sexa, se é directo ou diferido, iso que o decidan eles. Nós imos sen condicións, sen desculpas”, asegurou o portavoz nacional. Sobre este mesmo ponto, o líder do Bloque asegurou que “a xente quere vernos debater. Que imos ver?, imos ver coma papanatas como debaten Zapatero e Rajoy? A xente quer oir falar dos problemas de Galiza”.

Voto emigrante

Entre estes problemas, o líder do Bloque destacou o “escándalo antidemocrático que supón o voto emigrante que, segundo afirmou, sería imposíbel de soster en calquer país democrático do mundo porque, onde se víu que a xente votara en sacas, como na época de Romanones?”

A solución a esta situación “é ben fácil”, explicou Quintana, e consiste en aplicar a fórmula proposta polo BNG, reforma da lei con tres elementos centrais, definir en que elecións se vota, depurar o censo e regular as campañas.

Anxo Quintana ironizou coas afirmacións dun dirixente socialista nos últimos días que aseguraba non entender como podía votarse en urna, “pode entendelo calquera, é ben sinxelo, métese o voto nunha caixiña cun burato”, replicou o líder do BNG.

“Si o BNG é decisivo en Madrid, rematará o escándalo do voto emigrante”“Se o BNG é decisivo en Madrid, quen goberne terá como condición rematar con este escándalo” e asegurou que, “pola súa actitude en cuestións coma esta nin PP nin PSOE merecen o apoio dos galegos e galegas, Galiza si o merece”.

Decisión e influencia nas políticas estatais

A cabeza de lista do BNG ao Congreso por Pontevedra, Olaia Fernández Davila, animou a votar ao BNG para que Galiza teña “decisión e influencia nas políticas do Goberno central, para que sempre sexa visíbel e conte nas leis e medidas que se levan ás Cortes, para que o noso pais non fique illado das decisións importantes que afectan á cidadanía”.

“É importante, subliñou, sumamente importante que teñades en conta que só o BNG pode lograr ese obxectivo, só os nacionalistas galegos podemos conseguir que o noso pais acade un maior peso no Estado, só o BNG pode facer que Galiza se sitúe no mesmo nivel de influencia de Catalunya ou Euskadi”, enfatizou. Por iso, indicou, “pídovos o voto para a única forza política que ten capacidade para transformar o pais, somos unha organización transformadora e alternativa que miramos para os intereses de Galiza e de paso traballamos pola mellora dos dereitos de toda a cidadanía porque as nosas propostas, as nosas ideas, as nosas medidas son de avanzo social, de progreso, con moita énfase no social e no público”.

Subliñou “as bondades que derivan de Gobernos sen maiorías absolutas. Mirade para esta pasada lexislatura, na que un Goberno sen maioría absoluta tivo que contar cos nacionalistas, estivo condicionado. E cal é o resultado? Un mandato no que se aprobaron e decidiron moitas leis de calado social, no que o BNG participou e conseguiu incorporar melloras de importanza. E tamén parou e reduciu en moitos casos a flagrante vulneración de competencias que este Goberno sempre practicaba de entrada. Porque non vos levedes a engano. Este Goberno presentou moitos proxectos de lei, como a Lei de Dependencia, a Lei de Desenvolvemento Rural, a LOE, entre outros, que na súa orixe invadían competencias das CC.AA. Os nacionalistas tivemos que rebaixarlle o ton en moitas situacións”.