ALEGACIÓNS DO EQUIPO DE GOBERNO AO PORTO DEPORTIVO

11:35 am Política Municipal

O Goberno Municipal de Bueu, á vista da proposta de Porto Deportivo en Pescadoira(BUEU), contemplado no Plan Director das Instalacións Naútico Deportivas de Galicia, en exposición pública *(estivo ata o 15 de xullo), formulamos as seguintes ALEGACIÓNS:

PRIMEIRA- Cáracter e criterios do Plan Director

En primeiro lugar entendemos o carácter orientativo das determinacións porpositivas do Plan Director; en tanto en canto precisan dun desenvolvemento posterior de detalle, pero tamén entedemos e asumimos algúns criterios básicos que nel se fundamentan e que se reiferen á priorización na utilización e reordenación das instalacións mariñas xa existentes e a renuncia a calquera actuación que poida producir impactos ambientais negativos.

É xustamente o incrumpimento destas bases de partida, como as considera o PLan Director, o que xustifica a formulación das alegacións.

SEGUNDA.- Impacto sobre a fauna e a flora mariña da ría.

Bueu é unha vila mariñeira que tradicional e historicamente viviu do mar; hoxe en día, o principal motor da economía local segue sendo a pesca de baixura. A identidade de Bueu como pobo está íntima e intrisicamente vencellados ao mar.

Ata o momento, todas as actuacións levadas a cabo sobre o noso litoral danaron seriamente as súas reservas pesqueiras, xa que foron feitan sen ningún estudo rigoroso de impacto ambiental, e a experiencia das mesmas aconsella cautela en calquera actuación. A nosa flota de baixura vén padecendo desde fai anos unha drástica redución dos recursos pesqueiros sen saber a ciencia certa a que é debido.

Centrándonos no tema de alegación, indicar que en Punta Pescadoira existe un importante bando de ameixa e outras especies, e esta actuación levaría á súa desaparición. Non podemos compartir co PLan Director a súa consideración como emprazamento histórico que vén demandando instalacións deste tipo.

O propio Plan Director, na súa análise de interferencias, recoñece un nivel de risco alto, con explotacións de bancos nas inmediacións, e cunha probabilidade moderada de xerar interferencias. É máis, descarta a ampliación do porto de Beluso polas súas implicacións na estabilidade das praias contiguas.

TERCEIRA.- Impacto sobre o litoral.

Nos últimos anos acometéronse importantes obras portuarias en Bueu que viñeron a desmostrar a escasa sensibilidade coa que a Administración Autonómica tratou á nosa costa. Estas actuacións nin sequera se xustificaron por unha clara incidencia positiva sobre o crecemento económico de Bueu. Como exemplo, o porto deportivo de Beluso non xerou ningún tipo de vantaxe.; curiosamente, este porto deportivo nin tan sequera resolveu os problemas de instalacións e infraestrutura dos clubes deportivos que desenvolven actividades náuticas no lugar. Despois de anos desde o remate da fase de seguimento e valoración dos efectos das obras do porto deportivo de Beluso aínda seguimos sen coñecer as súas conclusións.

Tanta da actuación na praia de Beluso como tamén coa ampliación do espigón do porto de Bueu constátase que estas produciron consecuencias negativas claras sobre os areais do noso Concello, que si supoñen un dos principais referentes turísticos. Estamos convencidos de que hai solucións técnicas diferentes que non ocasionarían tales efectos. Por este motivo, e ante a magnitude da proposta, estamos absolutamente convencidos de que afectará negativamente aos areais de Petís, Loureiro, Agrelo e Portomaior, ameazando a supervivencia do noso sector turístico por excelencia.

Paradoxicamente, de igual xeito o ve o PLan Director cando establece as medidas específicas a adoptar nas actuacións propostas, e no que ao porto de Bueu se refire, se substancian na necesidade de realizar un “estudo exhaustivo que determine a afección á dinámica e deseños que limiten o basculamento e erosión da praia”. Pese a esta contundente medidao PLan opta por repescar o proxecto de Portos de Galicia do ano 2005, xa cuestionado no seu momento, fóra de toda escala e razón como se xustificará máis adiante.

Bueu é unha vila mariñeira e turística cuxos principais referentes no exterior son o seu porto pesqueiro e os seus areais. Neste sentido queremos ser unha vila que siga sendo atractiva para unha maioria de cidadáns, sen que isto supoña renunciar á mellora da nosa oferta turística, que deberá ser necesariamente compatible.

A praia de Pescadoira, en agonía dende hai varios anos, precisa dunha actuación que inverta os efectos que as correntes lle están a ocasionar. A proposta que actualmente está en exposición pública non só non garante a rexeneración da praia senón que suporía o seu certificado de defunción, sen volta atrás.

CUARTA.- A privatización do dominio público e a integración urbana.

Dende a época dos romanos, que xa usaban este enclave para a descarga de mercadorías relacionadas coa salazón e no que se atoparon importantísimos restos arqueolóxicos, Pescadoira simboliza a orixe e a historia de Bueu cun uso público sen ningún tipo de restrición. Constiúe, sen lugar a dúbidas, un patrimonio cultural que non podemos permitirnos a súa desaparición.

A actuación plantexada, xunto co que supón de privatización da fronte costeira, vai en contradición coas políticas e accións impulsadas desde o Concello de Bueu e que se relacionan coa recualificación e acondicionamento da fronte costeira, singularmente sobre a rúa Montero Ríos ou no contorno da Banda do Río.

A situación da proposta de actuación determina a necesidade de qeu se produza unha reflexión non só dende o mar senón tamén no que en terra representa a súa implantación, garantindo unha integración urbana cunha vila que soubo manter un desenvolvemento equilibrado e respectuoso e que ten entre os seus retos a mellora das condicións do seu contacto coa ribeira do mar, cunha paulatina peonalización que necesariamente se verá afectada pola demanda motorizada xerada pola implantación de tan importante infraestructura.

Apostamos porque o seu uso siga tendo o carácter público, tal e como historicamente ven sendo, opoñéndonos á súa privatización.

QUINTA.- Dimensionamento da proposta

A previsión de 350 amarres e 100 prazas en terra non obedece, nin se corresponde, á demanda social existente. Resulta curioso que esta proposta non teña en conta as necesidades dos colectivos e clubes deportivos con instalacións náuticas, a pesares do cal se lle chama porto deportivo. Para nós é prioritario resolver e dar satisfacción ás necesidade de instalacións e infraestrutura dos nosos colectivos, como o Club do Mar, Sétima Lista Robaleira, Os Galos, Náutico Beluso, Club Submarinismo e outros.

No propio Plan Director non queda xustificado un dimensionamento da proposta similar por exemplo ao de Sanxenxo, pese ao menor desenvolvemento turístico da nosa vila, e que se basea na recuperación do “Estudo de alternativapara a construción de instalacións para a náutica recreativa no Porto de Bueu”, redactado por Portos de Galicia no ano 2005e  que o PLan Director incorpora sen a aparente menor reflexión no conxunto das súas determinacións, e pese a todas as cautelas ambientais detectadas con anterioridade.

Igualmente o Plan Director, á hora de analizar a demanda, descoñece as posibilidades que a reordenación do actual porto pesqueiro poida aportar, en tanto en canto infraestrutura xa executada, e as posibilidades de convivencia coas actividades primarias, na lóxica prefixado polo Plan Director de priorizar a reordenación da lámina de auga xa abrigada. Igualmente non ten en conta a existencia de terreos incorporados ao dominio público na zona de Pescadoira, que na súa escala poderían minimizar o impacto da actuación.

SEXTA.-Impacto paisaxístico

Fronte a unha primeira liña de porto que o Concello de Bueu se marca como obxectivoa súa recuperación e revitalización, a porposta de actuacion introduce elementos que poden distorsionar a súa consecución, e que se refiren non só ao propio afastamento da lámina de auga e a dimensión do aterramento proposto, descoñecendo incluso a existenciade terreos xa incorporados ao dominio público que poden minimizar o seu impacto, senón tamén ao impacto do propio edificio da mariña seca, completamente descontextualizado en relación ao miúdo tecido urbano colindante.

Igualmente non está garantida a rexeneración de auga ao interior da nova lámina abrigada, e que se corresponde co espazo inmediato de relación da vila co mar.

Por todo o anterior, SOLICITAMOS a revisión das determinacións establecidas no Plan Director das Instalacións Náutico-Deportivas de Galicia, e que no caso da actuación correspondente ao porto de Bueu deberían formularse baixo os seguintes criterios:

-Dimensionamento axeitada á real demanda e compatible co modelo turístico do Concello.

-Respecto ao medio ambiente, á riqueza pesqueira e á morfoloxía do litoral.

-Aproveitamento e reorganización das infraestruturas existentes como opción de menor impacto.

-Integración na malla urbana da vila e nos obxectivos municipais de recuperación da beiramar.

Bueu, 11 de xullo de 2008.