O BNG VALORA “OS PASOS ADIANTE”, MAIS INSTA A “ACELERAR O TRASPASO DAS VÍAS E A CREACIÓN DUN SERVIZO DE CERCANÍAS”

12:46 pm Sen clasificar

O presidente da Xunta responde a Carlos Aymerich que éste é “un obxectivo irrenunciábel do goberno galego”

Santiago de Compostela, 21 Outubro 08.- O portavoz parlamentar do BNG, Carlos Aymerich urxíu esta mañá na súa intervención no pleno do Parlamento á creación dun ente ferroviario galego e dun servizo de cercanías propio.

O deputado nacionalista destacou o compromiso do goberno galego coa mellora do transporte público, reflectido nos orzamentos para 2009 e nomeadamente, comprometido coa creación dun servizo de cercanías ferroviario “para a reparación dunha inxustiza histórica, xa que Galiza é a única comunidade que non conta con un servizo fundamental”.

De feito, Aymerich lembrou que o estado presta, a través de Renfe, os seus medios este servizo en moitas comunidades autónomas desde hai anos e indicou que o compromiso do goberno galego se plasma tanto no programa de goberno, como nas directrices de ordenación do territorio ou diferentes iniciativas que foron apoiadas polos grupos que sustentan o goberno.

Tamén se referíu o portavoz parlamentar do BNG a unha pergunta anterior que o nacionalista fixo ao presidente da Xunta na que Pérez Touriño anunciou a creación dun ente xestor ferroviario galego que tería entre as súas competencias a prestación dos servizos de proximidade.

“Alto interese estratéxico do servizo para Galiza”

O nacionalista amosou a súa satisfacción por “os pasos á fronte que se teñen dado, sinaladamente a moción aprobada no Congreso dos Deputados, formulada polo BNG, na que se instaba ao goberno a manter as vías férreas que queden fóra de uso pola abertura dos novos trazados de alta velocidade, a traspasar esas infraestruturas á Xunta, interconectar ambas as dúas redes e a que o goberno galego pariticipe na planificación e na programación de infraestruturas ferroviarias”.

Esta aprobación “é un paso na boa dirección e estáse a camiñar na liña marcada tamén polo goberno galego”, polo que instou a “acelerar o traspaso, non só das vías, senón do servizo de cercanías”.

Na súa resposta, o presidente asegurou que a creación deste servizo é “un obxectivo irrenunciábel deste goberno que imos seguir reclamando con toda contundencia”, ao tempo que amosou a súa convicción de que este compromiso se materializará na vindeira lexislatura.

Pérez Touriño coincidíu con Carlos Aymerich na relevancia deste servizo “para desconxestionar as estradas e aproveitar o potencial decisivo do tren”, polo que o goberno ten realizado xestións para manter o uso das vías inutilizadas e obtivo “o compromiso por escrito de Renfe de que non se vai levantar ningunha desas vías”.

Renfe comprométese por escrito

O presidente da Xunta revelou a existencia dunha resposta escrita por parte do ente público no 13 de outubro na que se recoñece “o alto interese estratéxico que para a Xunta ten a implantación do servizo de cercanías, asi como o interese de Renfe en atopar fórmulas que permitan avanzar no deseño dun servizo de cercanías”.

O deputado nacionalista asegurou que a materialización deste compromiso dará resposta ás demandas de centos de veciños de concellos como Portas, Arcade, Cesantes ou Guísamo, que teñen reclamado o mantemento destas vías, mais tamén incidíu en que ésta é “unha aposta de futuro”.

O nacionalista amosou a súa esperanza de que “a presión do goberno galego venza as vellas resistencias de Renfe que alude á ausencia de demanda para evitar a creación deste servizo esquecendo que, se non hai servizo, non pode haber demanda”.