Compromiso coas parroquias

Parroquias Non hai comentarios

Nesta nova andaina que o BNG comeza, pero que xa conta co aval de 30 anos de nacionalismo en Bueu, queremos conseguir un obxetivo que sempre nos marcamos como é a potenciación das parroquías do rural como elementos vivos da vida municipal. Agora co presenza na Xunta na Consellería do Medio Rural temos a posibilidade de establecer políticas de potenciación deste eido tan castigado nos anos en que gobernou o PP. Unhas políticas que deben partir dende as propias comunidades rurais e que deben ter no Concello un interlocutor e actor o mesmo tempo para beneficiarse destas políticas.

Pero non so é iso. O propio Concello debe elaborar os seus propios proxetos para o medio rural que no noso caso inclúe boa parte da poboación, con núcleos principais en Beluso e Cela pero tamén en lugares como Valado, A Portela, Meiro, Hermelo…E isto o BNG teno. Buscará potenciar as actividades que se desenvolvan no rural tanto a nivel económico, cultural e social. Buscará ter presenza nunha vida activa que permita a xente que habita nestas zonas sentirse orgullosos de onde son e tamén que teñan elementos propios para a súa posta en valor.

Continuar dende o Concello coa práctica que había de ir visitar Cela e Beluso cada certo tempo para escoitar as queixas e suxestións dos veciños e veciñas, e que no ano que gobernamos se levaba a cabo. É dicir achegarlle o Concello ao rural para crear lazos que permitan tomar a Bueu coma referente en Galiza no que se refire ao tratamento das parroquías.

E isto estamolo facendo dende xa. É dicir visitando con insistencia os lugares rurais para comprobar insitu os problemas dos veciños e veciñas. Programando políticas específicas que axuden a desenvolver un rural respetuoso coa terra que lle da de comer e de beber. Coidando tradicións que reforcen a identidade que representa o mundo rural fronte a un mundo urbano pouco respetuoso coas súas raices. En definitiva queremos que sirva de exemplo para o resto da xente nun proceso de identificación con Bueu como algo positivo.

Para iso queremos abrir este espazo para que o rural teña un peso específico e unha importancia que redundará en beneficio de todos e que posibilitará o avance de Bueu.