A situación da sociedade mudou e o Plan Xeral debe adaptarse á nova realidade
18 Novembro, 2008 Sen clasificar Non hai comentariosO goberno local de Oleiros argumenta que o BNG apoiou na aprobación inicial o documento do Plan Xeral para atacar agora o BNG polas nosas exixencias a respeito deste documento. A realidade mudou nestes 3 últimos anos tanto na normativa como na propria situación económica do país. No momento de se someter á aprobación o documento inicial non existían aínda as normas do Hábitat, nin a exixencia do 40% de reserva do solo para vivenda protexida, nin a normativa de defensa do litoral, e como é evidente que a situación económica do país era ben diferente da actual, e polo tanto tamén en Oleiros o é, debido á esta situación de crise que provoca a paralización do sector inmobiliario, a limitación nos préstamos bancarios e a caída de vendas e do consumo tanto no sector industrial como a nível particular. Proba diso é a espectacular baixada de licenzas urbanísticas no último ano, que irá a máis no próximo.
Lonxe de se adaptar a esta nova realidade social e económica, o goberno local mantén o inmobilismo e só introduce no documento pactado co PSOE unha adaptación á normativa vixente que non precisaba dun pacto político senón que é de obrigado cumprimento para a preceptiva aprobación do Plan por parte da Xunta de Galiza.
De haber máis modificacións, os demais grupos políticos de Oleiros (incluído o PSOE) descoñecémolas, e, polo tanto, a cidadanía tamén, xa que esas modificacións non foron expostas publicamente e, por tanto, tense conculcado por parte do goberno local o dereito a alegar, independentemente de que se compartan ou non esas supostas modificacións.
A hiperdependencia do Concello de Oleiros dun sector urbanístico en franca crise debería facer reflexionar o goberno local para adaptar o crecemento nos próximos anos a esta nova situación, en lugar de se queixar contra unhas normas (Hábitat, 40% de reserva,…) aplaudidas por toda a cidadanía e urbanistas, e contra unha medida como é a promoción de 600 vivendas protexidas en núcleos urbanos do concello, medida que ven mellorar a calidade de vida e corrixir os erros no urbanismo realizado nos últimos anos e axudar a salvar un sector económico que se atopa nunha preocupante situación.
Só desde o inmobilismo e a cegueira política ou desde intereses criados se pode manter unha crítica tan desproporcionada ao BNG cando o nacionalismo só defende o sentido común e a adaptación a unha nova realidade para todos e todas.
A voltas co Plan Xeral: as dúbidas do Plan Xeral seguen vixentes
17 Novembro, 2008 Sen clasificar Non hai comentariosA pasada semana, o Alcalde de Oleiros anunciaba que levará as modificacións do Plan Xeral de Oleiros ao vindeiro pleno ordinario, modificacións que ninguén viu plasmadas en ningún documento concreto nin expostas publicamente. Nin sequera a outra parte do acordo (PSOE) viu esas modificacións a pesar de ser o garante da aprobación desas modificacións no Plan.
Novo espectáculo mediático e dúbidas sobre o acordado, o aprobado e sospeitas dos veciños e veciñas sobre o que se vai aprobar ao non ser exposto coa transparencia coa que se aprobou o documento inicial, con un CD que podían adquirir os cidadáns e cidadás, exposición pública e período de alegacións. Todo o que falta neste novo período.
É bo que Oleiros teña un Plan Xeral para os vindeiros anos, mais non un Plan calquera, senón un Plan Xeral adaptado á nova situación económica de crise, e prevendo un crecemento máis social e sostentábel desde o punto de vista construtivo, económico e ambiental, deseñado para os novos tempos.
A Consellaría de Vivenda deu os primeiros pasos na revitalización do sector da construción en Oleiros apostando por máis vivenda protexida en lugares privilexiados (Coruxo e O Graxal) ben comunicados, con servizos e próximos a núcleos urbanos consolidados. O 40% de reserva para máis vivenda protexida é un paso moi importante, mais precísase máis solo industrial, mellores comunicacións, máis e mellor transporte público, máis saneamento, máis aposta por un turismo de calidade, e máis equipamento social e educativo, ademais de máis e mellores instalacións deportivas e de lecer.
O goberno de Oleiros cualifica de ”cidadáns de guetos” o 85% da cidadanía galega
12 Novembro, 2008 Sen clasificar Non hai comentariosO alcalde de Oleiros manifesta que as vivendas que vai construír a Consellaría de Vivenda e Solo en Coruxo e no Graxal serán dous guetos. Tanto Coruxo como o Graxal son zonas limítrofes con núcleos urbanos consolidados. En concreto, Coruxo está ao lado das Galeras, onde reside o proprio alcalde, e son lugares privilexiados pola súa cercanía a Santa Cruz e Bastiagueiro unha delas, e ao Temple a outra, todas elas moi próximas da cidade da Coruña, e ben comunicadas. Estas vivendas de estaren baixo o prezo de vivenda libre serían practicamente inaccesíbeis para a grande parte da cidadanía.
Así e todo cualificar de guetos estas vivendas de protección para cidadáns e cidadás cun tope salarial de 3.300 € ao mes e cualificar o 85% da cidadanía galega de subsceptível de facer parte de guetos segundo o primeiro edil do Concello, pois o 85% dos galegos e galegas non chegan a ese salario.
Resulta paradoxal que noutras comarcas do país os alcaldes teñan aplaudido o Plan de Vivenda, e só Culleredo e Arteixo (do PSOE), así como Oleiros (que lle fai seguidismo ao PSOE), critican o plan para vivenda protexida máis ambicioso que houbo nunca no país, e nomeadamente nestes tres concellos moi deficitarios en vivenda protexida ao longo de 25 anos de goberno do PSOE, ou de Alternativa, no caso de Oleiros.
Quizais o localismo ou o modelo urbanístico especulativo realizado por estes gobernos ao longo da súa historia sexa o detonante dunha actitude que non ten nada a ver cun plan que mellorará a capacidade de acceso á vivenda en núcleos privilexiados para a maior parte das familias e que incentivará o sector da construción, tan en declive na actualidade.
Posicionarse en contra do Plan de Vivenda protexida da Consellaría de Vivenda e Solo é unha irresponsabilidade e unha burla a aquelas persoas que non poden acceder a unha vivenda no seu concello por non teren alternativas por parte dos gobernos locais, situación que agora tenta corrixir a consellaría cun plan social e non especulativo.
A Alternativa dos Veciños e o Partido Popular en contra do acceso á vivenda
7 Novembro, 2008 Sen clasificar Non hai comentariosA Alternativa dos Veciños e mais o Partido Popular criticaron onte o Plan de Vivenda presentado pola conselleira para o concello de Oleiros. Resulta curioso ver como a Alternativa dos veciños e mais o PP coinciden na súa visión elitista da vivenda e cualifican de gueto a promoción pública de vivenda en núcleos tan céntricos e privilexiados desde o punto de vista urbanístico, de servizos e de proximidade, como son o Coruxo no alto de Santa Cruz e o Graxal.
Para o BNG resulta inxustificábel que un grupo como a Alternativa, que promoveu urbanizacións illadas e o desequilibrio social ao longo de 25 anos, ameace agora con impedir a primeira política seria de promoción de acceso a unha vivenda digna para todas as persoas que en moitos casos até ao día de hoxe tiveron que marchar a outros concellos pola falta de vivendas asequíbeis economicamente no noso concello.
Que sexa o PP tamén quen critique que se constrúan arredor de 600 vivendas en Oleiros con máis de 40.000 m2 de equipamento e cunha superficie que supera en moito os 100.000 m2 en total e que inclúen reserva de solo para equipamento social así como educativo, e grandes espazos verdes, alén de se trataren de vivendas que respeitan a normativa do Hábitat, cando o PP en 16 anos de goberno na Xunta non promoveu nin unha soa vivenda no noso concello, non ten credibilidade e as súas críticas rozan o absurdo.
Que ademais sexa o goberno local de Oleiros o único da comarca en se posicionar en contra da primeira grande iniciativa de vivenda pública nesta área metropolitana semella un criterio case reaccionario, o que é un declarado boicote a unha promoción sen precedentes na historia do país. A iniciativa da Consellaría de Vivenda e Solo vai fomentar a construción de máis de 45.000 vivendas en Galiza, o que repercutirá no benestar da cidadanía galega, que demanda o seu dereito a unha vivenda digna. A iniciativa presentada pola conselleira Teresa Táboas aposta decididamente pola xente e pola defensa dos seus dereitos, e non pola especulación.
Gobernos e grupos políticos que estean máis preocupados polo control clientelar dos concellos que por xerar benestar e dereitos á cidadanía non merecen o respeito nin o apoio dos cidadáns e cidadás, que teñen dereito a unha vivenda digna e a uns servizos públicos de calidade. Resulta preocupante que en materia de vivenda a Alternativa se posicione a carón do Partido Popular. Oleiros, apesar do goberno local e do PP contará grazas á Consellaría de Vivenda e Solo que dirixe a nacionalista Teresa Táboas con máis vivendas de promoción pública das que se fixeron ao longo de 25 anos, e que contribuirá a facer un concello máis equilibrado socialmente e, polo tanto, máis xusto e moderno.
Que pasa co Plan Xeral de Oleiros?
6 Novembro, 2008 Sen clasificar Non hai comentariosFin de semana de celebracións nacionalistas na comarca: sábado 8 festa do 20 aniversario de Galiza Nova, e domingo 9 magosto do BNG en Oleiros
6 Novembro, 2008 Sen clasificar Non hai comentariosSábado 8 Galiza Nova realizará na Coruña diversos actos para festexar o 20 aniversario da súa fundación.
Os actos de celebración deste sábado 8 de novembro de Galiza Nova comezarán ás 20h00 no Forum Metropolitano do Parque Europa coa exposición nacional do vixésimo aniversario da súa fundación. No acto estarán presentes Ermitas Valencia, concelleira de Xuventude, Solidariedade e Normalización Lingüística do concello da Coruña, Bieito Lobeira, deputado no Parlamento de Galiza, e Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova. A continuación, presentarase o libro “20 anos, 20 historias”, coas intervencións de Ernesto López Rei, Carlos Amoedo, Susana Grille e Manel Méndez. Logo da presentación do libro, proxectarase o audiovisual “20 anos en imaxes”, coa participación de Fran González, Carlos Aymerich, Iria Taibo e Paulo Carril.
Ás 22h00 terá lugar no comedor universitario do Campus de Elviña unha cea en que intervirán Moncho Güeto, Tito Gómez, Alberte Muíño, Dani Salgado, David Pena, Breixo Lousada, Fran Rei, Alberte Sánchez e Dani Carballada, responsábeis comarcais de Galiza Nova na Coruña.
Logo da cea haberá unha actuación de Isabel Martínez-Risco “Ramona”. Haberá un servizo especial de bus desde o Forum Metropolitano até ao Comedor Universitario que, ao finalizar a cea, realizará un percorrido até ao centro da Coruña. Calquera persoa interesada en acudir á cea, que terá un prezo de 20 €, pode anotarse no 981 188977 ou en acoruna(arroba)bng-galiza.org
O magosto do BNG, a cita gastronómica e festiva deste domingo 9
O BNG de Oleiros convocou afiliadas e afiliados, simpatizantes, amigas e amigos, veciñas e veciños de Oleiros e da comarca, alén doutras persoas de diversas localidades do país ao magosto deste domingo 9 de novembro, que contará coa presenza de Dani Carballada, responsábel comarcal de Galiza Nova, Silvia Seixas, responsábel comarcal do BNG, e Carlos Aymerich, portavoz do grupo parlamentar do BNG no Goberno galego, alén doutros cargos institucionais e orgánicos do BNG.
A festa do magosto comezará por volta das 12h00 deste domingo e celebrarase na Casa do Pobo de Mera co seguinte menú:
Empanada
Xamón asado
Castañas asadas
Sobremesa variada con figos
Haberá unha boa selección de refrescos e viños diversos, alén do imprescindíbel café.
Se algunha persoa máis estiver interesada en asistir, solicítase que para confirmar a súa asistencia envíe un correo electrónico a bng.oleiros@gmail.com
Prezo xeral por persoa: 20€
Prezo especial para militantes de Galiza Nova: 10€
Fina Quintáns reunirase mañá con representantes da ANPA do Colexio Valle-Inclán
5 Novembro, 2008 Sen clasificar Non hai comentariosA Portavoz do BNG no Concello de Oleiros, Fina Quintáns, acompañada por Manuel Sarmiento, membro da asemblea local do BNG, reunirase na tarde de mañá quinta feira (xoves) con representantes da ANPA do Colexio Valle-Inclán para escoitar directamente as súas demandas
A entrevista que manterán mañá a portavoz do BNG no Concello, Fina Quintáns, e o membro e encarregado de asuntos educativos no BNG de Oleiros, Manolo Sarmiento, insérese na preocupación do BNG polo que constitúe unha clara discriminación dos 140 alumnos e alumnas do Colexio Valle-Inclán, ao non disporen dun comedor da Xunta de Galiza malia se ter autorización para construír a cociña e o comedor.
O BNG xa ten denunciado en días pasados que nin por parte da Consellaría de Educación nin por parte do Concello se fai nada útil ao respeito e que o BNG continuará denunciando esta situación. O BNG amosou o seu apoio ás reivindicacións dos pais e nais destes colexios públicos e apresentou recentemente no Parlamento Galego unha iniciativa parlamentar sobre a asunción por parte da Xunta da xestión do servizo de comedor, ao igual que o fixera coa problemática do transporte escolar, o que modificou neste último caso a actitude que mantiña a Consellaría de Educación e fixo que se reconducisen as cousas a favor do transporte escolar para as nenas e nenos de Oleiros.
O BNG está a estudar levar ao pleno municipal unha moción de apoio a estas demandas.
A Consellaría de Vivenda presenta o Plan Sectorial Galego de Solo Residencial, que prevé a construción de 600 vivendas en Santa Cruz-Coruxo
4 Novembro, 2008 Sen clasificar Non hai comentariosAnxo Quintana e Teresa Táboas hoxe na presentación do Plan Sectorial Galego de Solo Residencial no ámbito da Área Funcional da Coruña
Na mañá de hoxe presentouse na Coruña o Plan Sectorial Galego de Solo Residencial, que prevé a construción de 45.600 vivendas protexidas en todo o país, a través de 95 actuacións distribuídas en 57 concellos.
Hoxe de mañá presentouse o Plan Sectorial Galego de Solo Residencial para o ámbito da Área Funcional da Coruña, que consta para o ámbito referido dunha serie de actuacións inmobiliarias de carácter social para 1.866.951 m2 de superficie limitada, 9.411 vivendas protexidas e de prezo limitado, 628.500 m2 de zonas verdes e de espazos de uso libre, 207.000 m2 para equipamentos e dotacións públicas, 5.816 prazas de aparcamento, e 319 millóns de euros de investimento público e privado.
Teresa Táboas, Conselleira de Vivenda e Solo, abriu o acto de presentación do Plan Sectorial Galego de Solo Residencial ás 11h30 no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galiza na Coruña. A Conselleira de Vivenda explicou os investimentos que serán realizados na denominada Área Funcional da Coruña. No que atinxe ao noso concello, informou a respeito da construción de 600 vivendas en Santa Cruz-Coruxo, que contarán cun investimento de 24,4 millóns de euros, alén de contar con 49.500 m2 de espazo para equipamentos e dotacións públicas. Esta é, sen dúbida, unha excelente noticia para os veciños e veciñas de Oleiros, que contarán con este proxecto da Consellaría de Vivenda e Solo cun modelo de vivenda social alternativo ao modelo municipal de cooperativa promovido polo goberno do Concello de Oleiros. A Consellaría de Vivenda e Solo concederá estas vivendas a través do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda, e contribuirá a revitalizar economicamente Oleiros ao xerar toda unha serie de actividades económicas en cadea que contribuirán a mellorar o nivel de vida dos nosos veciños e veciñas. O Vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, tomou a palabra no acto de presentación de hoxe para indicar que o Plan Sectorial Galego de Solo Residencial contribuirá sen dúbida a paliar os efeitos da crise, axudando as familias máis necesitadas a poder acceder a unha vivenda de calidade, ademais de axudar tamén a mellorar a situación económica das empresas da construción. Anxo Quintana subliñou o carácter revitalizador deste proxecto no ámbito económico, pois, segundo indicou, “a construción de vivendas é unha fonte de riqueza para moitos sectores e empresas, xa que existen toda unha serie de empresas ligadas á vivenda, e a revitalización da economía repercute na mellora do benestar da cidadanía”, lembrando que para estes tipo de actuacións de mellora do benestar e do nivel de vida é, entre outras cousas, para o que serve a autonomía política de Galiza e as competencias que ten o Goberno galego.
No que ten a ver con Oleiros, a construción de 600 novas vivendas de carácter eminentemente social, concibidas con criterios de calidade, nun momento económico como o actual, é unha excelente noticia, por se tratar de medidas que posibilitan o acceso dos cidadáns e cidadás a unha vivenda de digna e de calidade, contribuíndo a mellorar a situación económica, todo o cal propiciará, sen dúbida, a mellora do benestar da cidadanía.
O BNG pregunta no Parlamento polo comedor do Colexio Valle Inclán de Perillo
28 Outubro, 2008 Sen clasificar Non hai comentariosA Consellaría de Educación responderá sobre a ausencia de comedor no colexio de Primaria Valle Inclán de Perillo por iniciativa do grupo do Bloque Nacionalista Galego na Cámara Galega. O noso portavoz parlamentar, Carlos Aymerich, preguntou a Educación sobre os motivos polos que a Asociación de Pais e Nais de Alumnos/as (ANPA) do centro se ve obrigada a xestionar e costear o servizo de comedor existente nestes momentos no colexio, que da servizo a perto de 140 alumnos mediante a contratación dunha empresa de cáterin.
Os pais e nais d@s escolares, coinciden coa formación nacionalista, e consideran que é o organismo autonómico quen debe facerse cargo do mantimento do comedor no Valle Inclán. O BNG engadiu que, de acordo coa normativa vixente, “só excepcionalmente as ANPAS poderán colaborar nas funcions de atención ao alumnado beneficiario do servizo de comedor escolar”. A asociación do colexio Valle Inclán, polo contrario, denunciou hai unhas semanas que desde que se estabeleceu o servizo de comedor no centro vense facendo cargo deste, apesar de a decena de usuarios e usuarias do inicio teren incrementado en más de un centenar.
A pregunta formulada polo BNG interpela tamén á Consellaría sobre as medidas que planea pór en marcha até se concretizar a xestión definitiva do comedor impulsado polos pais e nais, de forma que sexa menos custosa para os pais e nais. Nestes momentos, cada persoa que usa o comedor que mantén a ANPA está obrigada a desembolsar 5,50 euros por comensal, dos que, como apuntou o presidente da asociación, Tomás Cuesta, a Consellaría só cubre un euro.
Tomás Cuesta engadiu que a pregunta parlamentar do BNG chega en resposta ás denuncias efectuadas polos pais e nais, que tamén foron enviadas ao Goberno Local e ao resto de grupos políticos presentes no Concello de Oleiros.
Este caso representa con outros dous colexios públicos de Oleiros (Luís Seoane de Mera e Parga Pondal de Liáns) unha discriminación con respecto ao único colexio público con comedor da Xunta de Galiza, a Rabadeira, que conta con cociña propria e prezos moito máis asequíbeis.




Despois de teren chegado a un acordo secreto (non se fixo exposición pública das modificacións incluídas), a Alternativa e o PSOE entraron agora nunha serie de contradicións públicas.





