Óscar Carballo obtén Sobresaliente Cum Laude pola súa tese presentada onte na Facultade de Educación Física, a primeira nese centro escrita na nosa lingua

Sen clasificar Non hai comentarios

deporte

Óscar Carballo, compañeiro do BNG, asesor de deporte do Concello da Coruña e veciño de Oleiros, presentou onte a súa tese de doutoramento sobre a flexibilidade no campo da forza dos deportes de equipo obtendo un Sobresaliente Cum Laude por este traballo.

Óscar Carballo presentou onte a primeira tese en lingua galega na Facultade de Educación Física de Galiza, e foi avaliado por cinco doutores que compuñan o tribunal, todos eles non galegos, que louvaron as características da tese de Óscar Carballo e, lonxe de consideraren a lingua galega en que está redixida esta tese como un factor contrario, consideraron o valor positivo de a tese estar feita en Galego, por causa de convivirmos nun Estado plurinacional, plurilingüístico, e comprendendo a tese sen calquera problema e sen calquera rexeitamento por razón de lingua. Resulta sorprendente que profesores doutores das máis variadas universidades do Estado español non atopen ningún problema para avaliaren unha tese redixida en idioma galego e que o Goberno galego estea a tomar medidas represoras e contrarias ao noso idioma.

Xurxo Dopico, compañeiro do Concello Local de Oleiros, e Eliseo Iglesias, profesores ambos da Facultade de Educación Física, dirixiron a tese de Óscar Carballo.

No BNG de Oleiros queremos dar os nosos parabéns máis efusivos a Óscar Carballo, que con só 28 anos amosa un compromiso certo co noso idioma na práctica e que, ao mesmo tempo, acada a excelencia no seu expediente académico.

O BNG de Oleiros reclama celeridade ao goberno local na concesión das licenzas de nova construción ás persoas expropriadas da N-VI

Sen clasificar Non hai comentarios

vivenda

Un grupo de veciñas e veciños da N-VI, afectados pola expropriación da ampliación desta estrada, acudiron ao BNG para reclamaren do Concello de Oleiros celeridade na tramitación das licenzas das novas vivendas.

As persoas afectadas polo derrubamento das súas casas por causa da ampliación da N-VI están preocupadas pola lentitude do Concello de Oleiros na tramitación das licenzas das novas vivendas, feito que pode provocar demora na súa construción, ou, no pior dos casos, que algúns destes veciños e veciñas queden literalmente na rúa.

O BNG considera que o Concello de Oleiros debe, polo tanto, proceder a priorizar este asunto tan preocupante e que repercute directamente sobre este grupo de veciños e veciñas afectados pola expropriación para a ampliación da estrada N-VI. Por este motivo o BNG insta o goberno local a proceder coa maior dilixencia na concesión das licenzas de nova construción ás persoas afectadas.

O BNG vén de realizar unha pregunta no Parlamento galego a respeito da reforma e ampliación da escola infantil da Lagoa de Mera

Sen clasificar Non hai comentarios

carlos_aymerich_

O BNG realizou no Parlamento galego unha pregunta a respeito da reforma e ampliación da Escola Infantil da Lagoa de Mera a través do parlamentario Carlos Aymerich e da parlamentaria Ana Luísa Bouza

O BNG realizou onte unha pregunta parlamentar relativa á reforma da escola infantil de Mera comprometida polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O compromiso de reforma e de ampliación da Escola Infantil da Lagoa de Mera é unha actuación que incluía a instalación dun elevador, a creación dun patio cuberto de xogos e o adecentamento das actuais instalación para a posta en funcionamento o próximo curso dunha escola de 3 unidades.

Os planos desta escola foron enviados polo goberno local aos técnicos do Consorcio para a correspondente verificación do estado e para a realización desas melloras, motivos polos cales o BNG vén de preguntar ao actual goberno cando pensa asumir tamén a reforma deste centro para estar aberto ao inicio do vindeiro curso, dada a alta demanda de prazas de educación infantil que hai en Oleiros, malia contarmos con 3 galescolas en funcionamento.

Pode consultarse a pregunta presentada polo parlamentario Carlos Aymerich e pola parlamentaria Ana Luísa Bouza nesta ligazón.

O BNG anuncia novas medidas de presión polo incumprimento dos compromisos do alcalde cos accesos da praia de Naval

Sen clasificar Non hai comentarios

accesos_praia_de_naval

Logo de 13 anos dun proceso de expropriación sen rematar, de máis de 300 sinaturas recollidas polo BNG entre os veciños e veciñas da zona, presentadas no rexistro municipal, ademais dunha manifestación celebrada o pasado ano para reclamar o acondicionamento e mellora dos accesos da praia de Naval, as promesas e os compromisos asumidos polo alcalde seguen sen se realizar, e diante da reclamación de Fina Quintáns, portavoz do BNG no Concello de Oleiros, o alcalde negouse a asumir a execución desas promesas.

A praia de Naval, situada nun contorno urbano próximo á localidade de Santa Cruz de Liáns, dentro da parroquia de Dorneda, atópase, malia a grande afluencia de usuarios e usuarias que soporta, sen uns accesos dignos coas zonas públicas e privadas sen limpar, con camiños inseguros que rozan acantilados, con falta de iluminación e salubridade, e con nulos servizos para unha praia destas características.

Á vista da nula vontade do Concello e da incompetencia dos servizos municipais para daren solución a un problema tan antigo, o BNG trasladará aos veciños e veciñas da zona información sobre a situación novamente para acordar novas medidas para a mobilización e presión social que solucionen primeiramente a mellora dos espazos públicos existentes, e, logo, para resolver a obriga dos proprietarios privados de dar solución ao actual abandono ao finalizar dunha vez por todas o proceso de expropriación, para se realizar a execución do proxecto para ese contorno. A portavoz do BNG no Concello de Oleiros, Fina Quintáns, trasladará ao vindeiro Pleno unha moción nese sentido, e tntará que sexa apoiada polos outros grupos da oposición, para que sen máis dilación o goberno local de Oleiros se poña a traballar para mellorar a calidade de vida de numerosos núcleos abandonados no concello de Oleiros polo goberno local nas diferentes parroquias, núcleos abandonados que son a vergoña de veciñas e veciñas e das persoas que nos visitan, nun concello que presume de modélico mais que practica de facto desequilibrios no investimento en función de antollos políticos.

O BNG preguntará no Parlamento galego pola reforma da escola infantil de Mera

Sen clasificar Non hai comentarios

escola_infantil__1

O BNG presentou recentemente no Parlamento galego unha pregunta sobre a construción da futura escola infantil de Nós, comprometida polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Así mesmo, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar asumiu tamén o compromiso de reforma e ampliación da Escoliña da Lagoa de Mera, reforma que incluía a instalación dun elevador, a creación dun patio cuberto de xogos e o adecentamento das actuais instalacións para a posta en funcionamento o vindeiro curso dunha escola de 3 unidades. Os planos desta escola foron enviados polo goberno local aos técnicos do Consorcio para a correspondente verificación do estado e realización desas melloras, polo que agora o BNG preguntará ao actual goberno se pensa asumir tamén a reforma deste centro para estar aberto ao inicio do curso, dada a alta demanda de prazas de educación infantil que hai en Oleiros, malia contarmos con 3 galescolas en funcionamento.

O BNG de Oleiros pedirá á Xunta que se celebre o grande concerto do Xacobeo na praia de Santa Cristina

Sen clasificar Non hai comentarios

praia_de_santa_cristina_

O BNG trasladará ao goberno da Xunta a solicitude do grande concerto do Xacobeo 2010 na praia de Santa Cristina. O BNG ten demostrado a súa capacidade para organizar ese grande evento pois nos 2 xacobeos anteriores realizouse o grande concerto de Mike Oldfield, Luar na Lubre e The Corrs, e no seguinte o de Carlinhos Brown e Orishas, cunha espectacular asistencia de público e cunha modélica organización.

A celebración deste grande concerto, así como doutros menores, incide positivamente na asistencia de xente á comarca coruñesa e na positiva repercusión no turismo e na economía en Oleiros e na comarca. Sería unha mágoa que despois da positiva experiencia dos anteriores concertos a Xunta non incluíse Oleiros nesa programación e en concreto nese grande concerto que só sería xustificábel por causas políticas.

O BNG de Oleiros denuncia que a 1ª medida urxente do novo xerente do Consorcio Galego sexa en beneficio persoal da secretaria xeral de Benestar Cristina Ortiz

Sen clasificar Non hai comentarios

galescolas_logo

O BNG de Oleiros denuncia que a 1ª medida urxente do novo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar sexa a criación do programa de acompañamentos das galescolas de Oleiros para beneficio da secretaria xeral de Benestar Cristina Ortiz.

O novo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, tomou como primeira medida logo da toma de posesión do seu cargo a aplicación do programa de acompañamento para nenos e nenas de 3 a 6 anos nas galescolas de As Galeras e A Pardela, dándose a casualidade que nesta última está inscrita a crianza da nova secretaria xeral da Consellaría, Cristina Ortiz. Para a nova secretaria xeral resulta máis urxente atender as súas necesidades domésticas en lugar de ampliar este servizo a todas as galescolas do país.

Resulta curioso ver como pode resultar máis urxente este servizo en 2 galescolas concretas (no BNG de Oleiros alegrámonos de que este beneficio o vaia desfrutar o noso concello) que arranxar unha inundación na galescola do Porriño, ou comprometerse a dar un novo servizo de educación infantil contratando as obras da escola infantil de Mera ou comprometerse coa construción dunha nova galescola na parroquia de Nós. Ademais disto, os prezos públicos deste proxecto non se axustan ao que deberían ser tarifas cun claro sentido social que non constitúa prexuízo económico especialmente nestes momentos de crise, e que axude na conciliación da vida laboral e familiar, xa que se está a aplicar directamente unha tarifa municipal cando o proprio Consorcio xa tiña feito un estudo de tarifas adaptadas ás rendas familiares, tarifas que resultaban claramente beneficiosas en relación coas aplicadas por orde da actual consellaría.

Asistimos a unha nova demostración do novo goberno da súa política de favores e de tomas de decisións á carta para os proprios membros do goberno. Oleiros precisa xa dun compromiso firme de reforma da Escoliña de Mera, e da construción dunha nova galescola na parroquia de Nós para atender a forte demanda de prazas de educación infantil no noso concello, e non de medidas claramente discriminatorias co resto de familias do país só para satisfacer as demandas que as familias lle fan directamente á señora secretaria xeral na galescola dos seus fillos.

Oleiros necesita que o señor Roberto Rodríguez se comprometa con Oleiros con investimentos na mellora e ampliación dos servizos existentes, tal e como fixo o anterior goberno da Xunta asumindo a xestión das 3 escolas infantís, o Pazo de Arenaza e a construción do Centro de Día de As Galeras cun custo de 1,5 millóns de euros.

Preguntámonos cal é a causa de que ese servizo de acompañamento non se inclúa na escola infantil da Canteira? Será que non hai fillos de altos cargos do PP neste centro?

O BNG presenta no Rexistro Municipal de Oleiros unha moción sobre o 17 de maio en defensa do idioma galego

Sen clasificar Non hai comentarios

finaquintans

O BNG de Oleiros presentou esta mañá no Rexistro Municipal unha moción sobre o 17 de maio en defensa do idioma galego, asinada por Fina Quintáns, portavoz do BNG no Concello, para solicitar no Pleno do Concello a manifestación da vontade da Corporación municipal na defensa da nosa lingua e, especificamente, nos acordos unánimes adoptados polo Parlamento Galego para instrumentar as medidas de normalización do Galego nos diversos ámbitos sociais.

Asimesmo, o BNG solicita da corporación municipal o apoio do ‘Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o Galego’, manifesto apoiado por diversas entidades, personalidades do mundo da cultura, do deporte, etc., así como moitas adhesións individuais da cidadanía en xeral.

Por último, o BNG solicita da corporación municipal que se secunden as campañas e iniciativas que se promovan en defensa do idioma galego e, concretamente, a convocada para o próximo 17 de maio en Santiago de Compostela.

A moción presentada esta mañá polo BNG de Oleiros é un chamamento ao respecto á legalidade vixente en materia lingüística e de apoio ao Galego en momentos especialmente sensíbeis para a lingua galega en que se trata de confundir á poboación suxerindo que é o Galego é unha “lingua imposta” (sic) cando na realidade non só se perden falantes de Galego a un ritmo altísimo senón que tampouco se garanten os dereitos lingüísticos das persoas que utilizan o idioma de Galiza.

Reproducimos a continuación o texto da moción presentada na mañá de hoxe polo BNG de Oleiros no Rexistro Municipal do Concello.

MOCIÓN SOBRE O 17 DE MAIO, EN DEFENSA DO IDIOMA GALEGO

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Resulta evidente que o proceso de normalización de usos do Galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir na nosa lingua. O respecto á legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e a implementación de cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia semellan non ir na direccion daqueles que aínda poñen proa ao dereito fundamental para o Galego gozar no seu territorio do mesmo status legal que o Castelán no seu.

Asistimos nos últimos tempos a unha situación esperpéntica, por canto existen sectores –políticos e mediáticos– que pretenden transladar á opinión pública a idea de que o idioma castelán corre perigo en Galiza por mor da suposta discriminación a que se ven sometidas as persoas que falan nesta lingua.

Mentres tanto, a realidade é claramente á inversa: non só non gozamos dunha realidade que permita a existencia e normalidade dos usos do noso idioma no día a día, senón que ademais resulta evidente un proceso de confusionismo que pretende que as persoas galegofalantes non teñan dereitos lingüísticos, e que os únicos deberes para as administracións públicas fiquen referenciados ao uso do Castelán. Na práctica, estamos na negación da igualdade e convivencia entre as dúas linguas.

De feito, un contundente informe do Consello de Europa elaborado a finais do pasado ano, advertía que no noso País non se están a dar garantías para o uso normal do Galego en sectores tan importantes como a educación, a xustiza, os servizos públicos ou os medios de comunicación; incumpríndose de feito os tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos. Na mesma liña, un recente informe da Real Academia Galega sinala que en doce anos ficou reducida á metade a cantidade de persoas que falan habitualmente en Galego.

Acreditamos que compete ao pobo galego, a través das súas institucións representativas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propria que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma; exixindo das institucións de autogoberno a defensa da igualdade plena de dereitos para o Galego e a aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos.

Non obstante, estamos a escoitar declaracións de persoas con cargos de alta responsabilidade no novo Goberno Galego que contitúen un ataque contra o Galego e mesmo poden constituír un perigo de confrontación e de fractura social; á marxe de ir contra os acordos unánimes do Parlamento Galego, nomeadamente contra o recollido no artigo 5 do Estatuto de Autonomía, que sinala o Galego como lingua propria de Galiza e a obriga dos poderes públicos de a potenciar nos diferentes ámbitos de uso.

Por isto, é polo que solicitamos do Pleno da Corporación a adopción do seguinte

A C O R D O

1. Manifestar a vontade da Corporación municipal na defensa da nosa lingua e, especificamente, nos acordos unánimes adoptados polo Parlamento Galego para instrumentar as medidas de normalización do Galego nos diversos ámbitos sociais.

2. Apoiar o ‘Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o Galego’.

3. Secundar as campañas e iniciativas que se promovan en defensa do idioma galego e, concretamente, a convocada para o próximo 17 de maio en Santiago de Compostela.

FINA QUINTÁNS ANTELO

Oleiros, 4 de maio de 2009

FINA QUINTÁNS INICIA UNHA ROLDA DE ENTREVISTAS COS REPRESENTANTES DOS CLUBES DE FÚTBOL DO CONCELLO DE OLEIROS

Sen clasificar Non hai comentarios

Fina Quintáns comezou esta semana unha rolda de encontros cos representantes dos clubes de fútbol do concello de Oleiros. Na tarde de hoxe xoves a portavoz do BNG no Concello de Oleiros mantivo unha entrevista con Roberto Pintos, presidente do Hércules de San Pedro, e Manuel Tellado, vicepresidente tamén do mesmo equipo. O obxectivo desta rolda de entrevistas que iniciou hoxe Fina Quintáns é o de coñecer de primeira man, a través dos máximos representantes das directivas de cada un dos equipos de Oleiros, aquelas necesidades que teñen os clubes de fútbol do noso concello.

Na reunión mantida na tarde de hoxe xoves nas inmediacións do campo de fútbol do Hércules de San Pedro entre Fina Quintáns e militantes do BNG de Oleiros co presidente e vicepresidente do Hércules de San Pedro, a portavoz do BNG mostrouse especialmente interesada en coñecer as carencias e necesidades que ten actualmente o clube do Hércules.

Entre as necesidades que apuntaron Roberto Pintos e Manuel Tellado están a limpeza do río das proximidades, así como tamén do paseo á beira do río, que se encontran a escasos metros do campo de fútbol, e indicaron que “o adecentamento do río xa estaba no proxecto da Urbanización do Mesón da Auga”, referindo que “non se fixo a limpeza do río que se debería ter feito nestes últimos 8 anos de retrasos na urbanización’’, o que sen dúbida beneficiaría o contorno deixando un paseo agradábel á beira do río. Pintos e Tellado salientaron tamén que “sería necesario cerrar o recinto deportivo cun valado de formigón de máis de un metro de altura e cun valo metálico, porque hai persoas que entran sen permiso no campo con motocicletas”.

Os responsábeis do Hércules de San Pedro comunicaron tamén a Fina Quintáns que “os 18 aspersores que posúe o campo de fútbol do Hércules non teñen a presión suficiente” e indicaron que “a solución é introducir uns depósitos de propano para meter un motor que teña a presión necesaria para regar” especificando que precisarían dun “sistema automático para programar o rego”. Outra necesidade que apuntaron os directivos do Hércules foron as redes de 190 metros de longo por 10 metros de alto, así como a limpeza nunha das esquinas onde se debería proceder a “un transvase de terra que provoca problemas, nomeadamente cando chove”.

Os responsábeis do Hércules de San Pedro fixeron chegar a Fina Quintáns o seu interese por colocar as novas tecnoloxías ao servizo do equipo que dirixen, e indicaron que necesitan que lles chegue a rede de telefonía para poder conectarse á internet. Afirmaron que o alcalde xa se comprometeu con eles en disponibilizar a rede de telefonía, mais que polo momento aínda non fixo nada ao respecto. Roberto Pintos e Manuel Tellado comunicaron a Fina Quintáns que tamén están esperando polo asfaltado até á ponte pola que se accede ás inmediacións do campo do Hércules, e indicaron que se debería reparar a ponte pois presenta unha esquina defectuosa que é un perigo para calquera persoa, especialmente para nenas e nenos.

Fina Quintáns indicou a Roberto Pintos e Manuel Tellado que o BNG está especialmente comprometido na defensa do deporte e que fará chegar ao alcalde de Oleiros estas demandas e as demandas do resto de responsábeis dos clubes de fútbol do concello de Oleiros cos que espera entrevistarse no transcurso das vindeiras semanas.

O BNG defende un Alvedro “plenamente operativo” e considera que as polémicas creadas “ocultan a falla de compromiso de PP e PSOE co aeroporto e cos problemas da comarca”

Sen clasificar Non hai comentarios

null

A dirección comarcal do BNG, lembra que “a pesar de que é competencia do Goberno Central, o BNG desde a Xunta de Galiza leva destinados case un millón de euros a financiar novas conexións en Alvedro, mentres que en 16 anos de Goberno do PP a Xunta non investiu un só euro no aeroporto”

A dirección comarcal do BNG da Coruña reafirma a postura da formación nacionalista en relación coa terminal de Alvedro, “que como defendeu historicamente o BNG da comarca, é a dun aeroporto plenamente operativo, con novas conexións e axeitadamente integrado no contorno urbano en que está situado”.

Neste sentido, a dirección comarcal do BNG considera que as polémicas creadas sempre arredor do aeroporto “só obedecen aos intereses de PP e PSOE de agocharen os problemas da comarca e de ocultaren a súa falta de compromiso co aeroporto”.

“Despois de 20 anos, os Gobernos do PP e do PSOE en Madrid non foron capaces de mellorar Alvedro”

En todo caso, a dirección comarcal do BNG subliña que a ampliación de Alvedro “é un asunto que depende do Ministerio de Fomento”.

A este respeito, o BNG critica especialmente que “desde hai vinte anos que se abriu Alvedro, os sucesivos gobernos estatais de PP e PSOE non foron quen nin tiveron a vontade política para que a comarca da Coruña teña o aeroporto que demanda”.

“A pesar de ser competencia estatal, o BNG desde a Xunta de Galiza leva destinados case 1 millón de euros en dous anos a Alvedro, o PP en 16 anos 0 euros”

Ademais, o BNG lembra que “nos 16 anos de gobernos do PP en Galiza, o aeroporto de Alvedro non recibiu nin un só euro dos orzamentos da Xunta”.

Pola contra, subliña que “coa chegada do nacionalismo á Xunta de Galiza houbo un cambio radical: a pesar de que é competencia do Ministerio de Fomento, e de que a Dirección Xeral de Transportes, dependente da Consellaría de Política Territorial, segue sen investir un só euro en Alvedro, a Dirección Xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria dedicou 300.000 € en 2008 a financiar novas conexións en Alvedro, estando reservados nos Orzamentos da Xunta para 2009 unha partida de 600.000 € para o mesmo fin”.

“É necesario que o Goberno galego xestione os aeroportos”

“O BNG aposta por un sistema aeroportuario galego, integrado e xestionado desde Galiza”. Salienta que “no caso de Alvedro, isto permitiría atraer novas conexións xa que sería o Goberno Galego e non AENA quen fixase as tasas aeroportuarias e negociase directamente coas compañías”.

“PP e PSOE queren utilizar Alvedro como cortina de fume para ocultar os problemas da comarca”

Por iso, desde o BNG comarcal considérase que a polémica creada “só obedece aos intereses do PP e do PSOE de agocharen problemas que poñen de manifesto a súa falta de compromiso coa comarca da Coruña, como a falta de saneamento da ría, a inexistencia dun sistema de transporte metropolitano por estrada e ferroviario, ou a situación de SOGAMA”.

« Entradas anteriores