7 Decembro, 2007
Xeral
Non hai comentarios

Fina Quintáns falando ás persoas que asistiron á cea do BNG.
No pasado 5 de Decembro no BNG de Oleiros celebramos os 25 anos do BNG nun acto de homenaxe con cea e baile incluídos. Celebrámolo no restaurante Las Tinajas, que nos ofreceu una cea suculenta e un servizo impecábel polos cales felitamos o referido restaurante. Foi un acto exitoso por moitos motivos, entre os cales en primeiro lugar debido ao enorme número de asistentes á cea, chegándomos a unha cifra de participantes próxima ás setenta persoas. Tamén é necesario subliñar o feito de este acto de homenaxe aos 25 anos do BNG e posterior cea contar coa presenza de destacados dirixentes orgánicos e institucionais do BNG. Xurxo Dopico, o noso responsábel de organización en Oleiros, actuou de mestre de cerimonias, presentando o acto e presentándome en primeiro lugar. Tiven ocasión de salientar a cohesión interna do BNG de Oleiros e de agradecervos a todas e todos vós, militantes e simpatizantes do BNG de Oleiros, a confianza e mais o apoio que depositastes e depositades en min. Após dous meses de traballo a pé de rúa mantendo multitude de reunións con diversas asociacións oleirenses, e mais con veciños e veciñas do noso concello, constatei, e así volo comuniquei na miña intervención, que o traballo que se precisa facer en Oleiros é moito, pois Oleiros non é un lugar perfecto nin moito menos, porque é aínda hai moito que facer para mellorarmos o benestar social e a calidade de vida das e dos oleirenses. Despois da miña intervencións, presentado polo responsábel de organización do BNG en Oleiros, foi o momento da intervención de Carlos Aymerich, Portavoz do BNG na Xunta de Galiza, que ofreceu un discurso coherente e fundamentado sobre diversos aspectos relativos á historia do BNG e do nacionalismo en xeral, con referencias importantes ao momento actual. Despois de Aymerich, Xurxo Dopico presentou, xa para finalizar a quenda de intervencións políticas, o actual senador do BNG en Madrid e candidato nº 1 pola provincia da Coruña ao Parlamento español Francisco Jorquera, que falou dos logros conseguidos nos últimos días en materia de transferencias do Goberno español á Xunta de Galiza. Tamén subliñou o feito de o BNG ser a única forza independente en Madrid, xa que PSOE e PP sempre dependerán da disciplina centralista de partidos que teñen o seu centro político e o seu centro de decisións fora da Galiza. Nese sentido, recorreu á expresión “voto útil”, tan usada por partidos españois en Galiza, para destacar o feito de o único voto útil para as galegas e os galegos nas vindeiras eleccións ser o voto ao BNG, que non depende de decisións foráneas para marcar a súa liña política, senón que só defende a Galiza, precisamente por ter o seu centro de decisións e os seus intereses na propria Galiza.
A noite continuou, despois de termos desfrutado dunha suculenta cea, cunha sesión de discoteca, con sesión de discoteca e baile incluídos, en que diferentes simpatizantes e compañeiras/os do BNG de Oleiros desfrutamos durante varias horas bailando. Houbo numerosas felicitacións por parte de moitas persoas que asistiron ao acto e cea do BNG deste fin de ano pola organización de dito acto, polo cal nos congratulamos. Agradecemos a asistencia ao acto e á cea, así como tamén agradecemos a organización a quen tomou parte nela.
17 Novembro, 2007
Xeral
Non hai comentarios

UNHA DELEGACIÓN DO BNG DE OLEIROS PARTICIPOU NA XORNADA GALEGA DO BENESTAR CELEBRADA HOXE POLA MAÑÁ EN COMPOSTELA
Unha delegación do BNG de Oleiros presidida pola nosa portavoz local, Fina Quintáns, acudiu hoxe á Xornada sobre o Sistema do Benestar que so o título ‘Novas políticas sociais para a nosa nación’, foi celebrada en Santiago de Compostela esta mañá. A xornada, dirixida a membros da Executiva Nacional, Consello Nacional, responsábeis comarcais, cargos institucionais no Congreso, no Parlamento galego, nas deputacións provinciais e nos concellos, comezou por volta das 10:30 horas e finalizou após a intervención do Portavoz Nacional Anxo Quintana, quen comezou o seu discurso de clausura a iso das 13:30 horas. .
Na Xornada sobre o Sistema do Benestar, interviron María Xesús Lago, Secretaria Xeral do Benestar, e Lois Castrillo, Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A final da xornada, e antes da clausura, houbo espazo para o coloquio dos e das asistentes por volta das 12:00 horas. Salientou a participación na clausura da xornada do noso Portavoz Nacional e Vicepresidente do Governo Anxo Quintana, quen sinalou que dos 800 millóns de euros dos que o Estado dispón para dependencia, que serán repartidos entre o conxunto das comunidades autónomas, á Galiza correspóndelle o 10% dos referidos orzamentos. Anxo Quintana subliñou que o nacionalismo galego precisa da maior representación posíbel nas Cortes do Estado para conseguirmos que unha boa parte dese diñeiro veña ao noso país. Portanto, oitenta millóns de euros é a cifra que Anxo Quintana demanda do Estado no ano 2008 para asegurarmos o Sistema Galego de Benestar. O noso Portavoz Nacional e Vicepresidente do Goberno concienciou a militancia nacionalista sobre a necesidade de o bloque se implicar na gobernabilidade do Estado tras as eleccións xerais de 2008. Do contrario, a pervivencia dese Sistema Galego de Benestar estaría en risco, segundo asegurou Anxo Quintana. “No próximo ano, no ano 2008, o Estado vai repartir entre o conxunto de comunidades autónomas, 800 millóns de euros para aplicar o marco estatal relativo a dependencia. Galiza precisa de que o Bloque Nacionalista Galego participe na gobernabilidade do Estado porque precisamos de que dese montante global cando menos o 10% corresponda a Galiza, porque é de xustiza, porque o precisamos para que o Sistema Galego de Benestar poda chegar a todos os cidadáns e cidadás do país.” foron as súas palabras. Quintana quixo deixar claro tamén que desde o Goberno o BNG non se vai limitar a ser un mero transmisor das políticas sociais aprobadas polo Goberno español e que o Sistema Galego de Benestar é un modelo proprio e autónomo que non vai depender dos esquemas marcados desde fóra.
24 Outubro, 2007
Xeral
Non hai comentarios

Estimadas/os veciñas/os:
Nas últimas semanas o BNG de Oleiros iniciou un proceso de renovación interna que se concretizou no nomeamento dun novo Responsábel Local e dunha nova Portavoz Municipal. Estas decisións foron tomadas por unanimidade pola nosa Asemblea Local, dándomos un exemplo de cohesión e unidade interna do que nos sentimos moi satisfeitas e satisfeitos. Como Responsábel Local foi elixido o compañeiro Xurxo Dopico Calvo, que se considerou por todas e todos como a persoa nestes momentos máis apropriada para dita responsabilidade. Como Portavoz Local do BNG de Oleiros a persoa elixida fun eu, por dous motivos que me foron expostos e que a seguir exporei. En primeiro lugar, a renovación do BNG de Oleiros no que di respeito do cargo ocupado até datas recentes polo compañeiro Antón Tenreiro debe seguir o seu curso de maneira lóxica e natural, correspondendo renovar o 1º posto das listas eleitorais xustamente coa persoa que se apresentou en 2º lugar, posto en que eu estaba. En segundo lugar, non só por esta razón se me propuxo e aceitou como nova Portavoz Local do BNG, mais tamén polo feito de que se xulgou por toda a militancia que era a persoa máis axeitada para dita responsabilidade segundo expuxeron na referida Asemblea grande parte das e dos asistentes, que me ofereceron o seu apoio de maneira incondicional e unánime. Por todo isto, é para min unha honra comezar a desenvolver labores de Portavoz Local e de concelleira polo BNG no Concello de Oleiros, unha honra que neste caso é dupla: por unha parte por ser elixida por unanimidade e con un apoio tan incondicional por toda a militancia de Oleiros, e, sobre todo, polo feito de ser para min unha inmensa honra e un enorme privilexio traballar ao servizo das cidadás e dos cidadáns de Oleiros.
Comeza por tanto unha nova xeira no BNG de Oleiros marcada pola renovación, alicerzada na unidade e na cohesión da militancia do BNG. Enfrento esta nova etapa con toda a ilusión necesaria para desenvolver con ánimos renovados o camiño até aquí andado polo anterior Portavoz Local, o compañeiro Antón Tenreiro, para quen teño palabras de agradecemento pola confianza depositada en min e de loubanza polo magnífico traballado desenvolvido por el, en permanente contacto con toda a militancia e con todas as veciñas e veciños, para quen sempre tivo consagrado o seu tempo e dedicación. A liña política do BNG é unha liña clara e comprometida coa xente, coa Galiza enteira, e desde o ámbito municipal permite pórmonos en contacto directo coas veciñas e veciños, prestándomos atención á cidadanía desde un ámbito máis cercano, máis perto da xente e dos seus problemas reais e cotiáns. Iso é o que quer o BNG e polo que loita: pola mellora dos servizos que perto das veciñas e veciños axudan a mellorar as súas vidas. Nese sentido, fago un especial chamamento á militancia do BNG de Oleiros para facermos entre todas e todos un traballo organizativo, político e social desde xa, sen demora, polo ben da cidadanía do noso concello, que será o ben, en definitiva, da Galiza libre, desenvolvida e moderna que todas e todos queremos. Moitas e moitos de vós felicitástesme polo meu nomeamento como Portavoz Local no día da miña eleición así como tamén ao día seguinte da mesma e en días sucesivos. Quero agradecer os vosos parabéns, o voso cariño e a confianza depositada en min pola militancia do BNG de Oleiros, así como de moitas persoas que, sen estaren afiliados ao BNG, simpatizan co proxecto que defendemos. É por iso que vos convido e animo a todas e todos para participarmos con ilusión e vontade de traballo nesta nova xeira, pois un traballo como o que debemos realizar non o fai unha persoa nen dúas, mais todo un equipo, un equipo preparado e disposto para traballar polo pobo, polo seu benestar e pola mellora dos seus servizos, nomeadamente do transporte e da vivenda públicos.
Mañá, día 25 de Outubro tomarei posesión no Pleno Municipal como Concelleira polo Bloque Nacionalista Galego. Como Portavoz Local do BNG espero e desexo contar coa axuda da militancia do BNG para o desenvolvemento dun traballo colectivo no noso concello. O BNG de Oleiros é o mellor equipo para ese traballo, e eu son simplemente a súa Portavoz, unha máis de entre as moitas persoas que queremos o mellor para Oleiros, mais tamén consciente da responsabilidade que detento. Estou firmemente comprometida coas veciñas e veciños de Oleiros, e sei que coa axuda da militancia do BNG ese traballo será aínda máis agradábel e ilusionante. Velaí o noso proxecto: defender e aumentar o benestar da cidadanía. Contamos contigo! Conta connosco!
FINA QUINTÁNS