CARTA DE SAUDACIÓN DE FINA QUINTÁNS, NOVA PORTAVOZ DO BNG DE OLEIROS

Xeral Non hai comentarios

finaquintans.jpg

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Estimadas/os veciñas/os:

 

 

Nas últimas semanas o BNG de Oleiros iniciou un proceso de renovación interna que se concretizou no nomeamento dun novo Responsábel Local e dunha nova Portavoz Municipal. Estas decisións foron tomadas por unanimidade pola nosa Asemblea Local, dándomos un exemplo de cohesión e unidade interna do que nos sentimos moi satisfeitas e satisfeitos. Como Responsábel Local foi elixido o compañeiro Xurxo Dopico Calvo, que se considerou por todas e todos como a persoa nestes momentos máis apropriada para dita responsabilidade. Como Portavoz Local do BNG de Oleiros a persoa elixida fun eu, por dous motivos que me foron expostos e que a seguir exporei. En primeiro lugar, a renovación do BNG de Oleiros no que di respeito do cargo ocupado até datas recentes polo compañeiro Antón Tenreiro debe seguir o seu curso de maneira lóxica e natural, correspondendo renovar o 1º posto das listas eleitorais xustamente coa persoa que se apresentou en 2º lugar, posto en que eu estaba. En segundo lugar, non só por esta razón se me propuxo e aceitou como nova Portavoz Local do BNG, mais tamén polo feito de que se xulgou por toda a militancia que era a persoa máis axeitada para dita responsabilidade segundo expuxeron na referida Asemblea grande parte das e dos asistentes, que me ofereceron o seu apoio de maneira incondicional e unánime. Por todo isto, é para min unha honra comezar a desenvolver labores de Portavoz Local e de concelleira polo BNG no Concello de Oleiros, unha honra que neste caso é dupla: por unha parte por ser elixida por unanimidade e con un apoio tan incondicional por toda a militancia de Oleiros, e, sobre todo, polo feito de ser para min unha inmensa honra e un enorme privilexio traballar ao servizo das cidadás e dos cidadáns de Oleiros.

 

 

Comeza por tanto unha nova xeira no BNG de Oleiros marcada pola renovación, alicerzada na unidade e na cohesión da militancia do BNG. Enfrento esta nova etapa con toda a ilusión necesaria para desenvolver con ánimos renovados o camiño até aquí andado polo anterior Portavoz Local, o compañeiro Antón Tenreiro, para quen teño palabras de agradecemento pola confianza depositada en min e de loubanza polo magnífico traballado desenvolvido por el, en permanente contacto con toda a militancia e con todas as veciñas e veciños, para quen sempre tivo consagrado o seu tempo e dedicación. A liña política do BNG é unha liña clara e comprometida coa xente, coa Galiza enteira, e desde o ámbito municipal permite pórmonos en contacto directo coas veciñas e veciños, prestándomos atención á cidadanía desde un ámbito máis cercano, máis perto da xente e dos seus problemas reais e cotiáns. Iso é o que quer o BNG e polo que loita: pola mellora dos servizos que perto das veciñas e veciños axudan a mellorar as súas vidas. Nese sentido, fago un especial chamamento á militancia do BNG de Oleiros para facermos entre todas e todos un traballo organizativo, político e social desde xa, sen demora, polo ben da cidadanía do noso concello, que será o ben, en definitiva, da Galiza libre, desenvolvida e moderna que todas e todos queremos. Moitas e moitos de vós felicitástesme polo meu nomeamento como Portavoz Local no día da miña eleición así como tamén ao día seguinte da mesma e en días sucesivos. Quero agradecer os vosos parabéns, o voso cariño e a confianza depositada en min pola militancia do BNG de Oleiros, así como de moitas persoas que, sen estaren afiliados ao BNG, simpatizan co proxecto que defendemos. É por iso que vos convido e animo a todas e todos para participarmos con ilusión e vontade de traballo nesta nova xeira, pois un traballo como o que debemos realizar non o fai unha persoa nen dúas, mais todo un equipo, un equipo preparado e disposto para traballar polo pobo, polo seu benestar e pola mellora dos seus servizos, nomeadamente do transporte e da vivenda públicos.

 

Mañá, día 25 de Outubro tomarei posesión no Pleno Municipal como Concelleira polo Bloque Nacionalista Galego. Como Portavoz Local do BNG espero e desexo contar coa axuda da militancia do BNG para o desenvolvemento dun traballo colectivo no noso concello. O BNG de Oleiros é o mellor equipo para ese traballo, e eu son simplemente a súa Portavoz, unha máis de entre as moitas persoas que queremos o mellor para Oleiros, mais tamén consciente da responsabilidade que detento. Estou firmemente comprometida coas veciñas e veciños de Oleiros, e sei que coa axuda da militancia do BNG ese traballo será aínda máis agradábel e ilusionante. Velaí o noso proxecto: defender e aumentar o benestar da cidadanía. Contamos contigo! Conta connosco!

 

FINA QUINTÁNS